VIVENDA DUPLICA AS AXUDAS DE VIVENDAS EN ALUGUER


A Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, duplica as axudas aos propietarios que aluguen a súa vivenda a través do Programa de Vivenda en Aluguer. Nese sentido, a Consellería concederá unha subvención de ata 12.000 euros a fondo perdido para a rehabilitación e execución de obras de mellora de vivendas cuxos propietarios desexen incorporalas ao Programa, o que supón un incremento do 100% con respecto á subvención concedida ata o de agora que era de ata 6.000 euros.


O obxectivo é dar novos incentivos aos propietarios e intentar reducir a diferencia entre a demanda e a oferta do Programa de Vivenda en Aluguer, xa que a día de hoxe hai máis solicitudes que vivendas ofertadas. Este incremento da subvención destinada aos propietarios é unha das principais modificacións do novo Decreto que modifica o Programa aprobado hoxe polo Consello da Xunta, e que incorpora novas vantaxes para propietarios e inquilinos.


No que atinxe aos inquilinos, a modificación do Programa de Vivenda en Aluguer amplía o ámbito de posibles persoas beneficiarias da subvención ao arrendamento, ao incrementar o nivel máximo de ingresos que poden percibir os demandantes de vivenda en aluguer a través deste Programa. En concreto, os ingresos ponderados máximos pasan a ser de ata 3 veces o IPREM, de tal xeito que poderán ter acceso as persoas cuns ingresos de entre 4.695 €/ano – 0,7 veces IPREM – e 20.121 €/ano – 3 veces IPREM –, cando no anterior Decreto 48/2006 os inquilinos non podían superar uns ingresos ponderados de 2,5 veces o IPREM – 16.768 €/ano –.


Vantaxes para propietarios e inquilinos

Desde a súa entrada en vigor, en febreiro de 2006, o Programa de Vivenda en Aluguer ten financiado o aluguer de 3.400 persoas e unidades convivenciais. O obxectivo da Consellería de Vivenda e Solo é subvencionar unha media de 4.500 alugueres anuais, dinamizando o mercado de aluguer e mobilizando a vivenda baleira con garantías para os propietarios, poñendo as vivendas a disposición das rendas con máis dificultades a través de alugueres subvencionados. Nos orzamentos de 2008 a Consellería de Vivenda e Solo destina unha partida de 9 millóns de euros ao Programa de Vivenda en Aluguer.


A través deste Programa a Consellería encárgase de adxudicar as vivendas acomodando ao máximo as características das mesmas, tanto en superficie como en prezo, coas necesidades e os ingresos do inquilino, da familia ou da unidade convivencial que solicite unha vivenda. Ademais, os inquilinos acceden a unha vivenda a un prezo moi inferior ao do mercado, e non necesitan negociar co propietario para efectuar reparacións ou melloras de servizos, xa que a vivenda que recibe ten as condicións de habitabilidade garantidas, porque de non ser así non é aceptada no Programa.


Pola súa banda, os propietarios que inclúan a súa vivenda no Programa de Vivenda en Aluguer teñen garantido o cobro da renda do aluguer durante 5 anos tras asinar o primeiro contrato, incluso se o inquilino deixa a vivenda. Ademais, xunto coa subvención a fondo perdido de ata 12.000 € para obras de rehabilitación, os propietarios son beneficiarios dun seguro multirrisco do fogar, e reciben asistencia e defensa xurídica gratuíta