Guillerme Vázquez pide a intervención pública para o sector lácteo e para Pascual

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou nun mitin no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo que o que quere o BNG "é que ao noso país se lle dea en Europa o mesmo trato que se lles dá aos demais".
"Cando se adican milleiros de millóns de euros a salvar sectores como o da banca ou para salvar Opel ou General Motors implícanse os gobernos e se busca a unha empresa que se faga cargo e se meten miles de millóns de euros, nós temos que solicitar un trato semellante para o noso país", afirmou.
"É difícil de explicar que se actúe asi neses casos e non para salvar o sector lácteo e, por exemplo no caso da factoría de Pascual en Castro de Rei, aos gobernos nin se lles ve, nin se lles espera", dixo durante un mitin no que tamén falaron Ana Miranda, cabeza de lista do BNG, Cosme Pombo e a concelleira Paz Abraira.

Sector lácteo
Nesa liña, o portavoz nacional do BNG esixiu que o goberno español "renegocie a actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE, de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles Estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galiza, que necesitan máis cota para ser viábeis".


Menos coches e avións e máis Galiza
A candidata número un do BNG acusou durante a súa intervención aos candidatos de PP e PSOE de "non falar dos problemas da xente". "Vemos como os candidatos do PP e do PSOE se enzarzan nunha serie de descualificacións sobre avións e coches oficiais, mentres que o BNG si está a falar do que significa a Unión Europea para Galiza e para a súa economía", afirmou.
Segundo Ana Miranda, "o PP e o PSOE culpan á crise global dos problemas dos nosos sectores produtivos, mais ignoran deliberadamente que moitos veñen derivados da mala inserción de Galiza na Unión, da que tamén foron responsábeis os gobernos centrais que xestionaron ambas as dúas forzas políticas".
"O BNG está a facer unha campaña na que defende outro modelo de Europa e na que está a facer propostas concretas para os nosos produtores de leite ou para o sector da pesca", concluíu a candidata do BNG.