Participa na Folga Xeral!


ACTUEMOS!
é tempo de respostas
A Asemblea local do BNG do Saviñao chama aos veciños e veciñas do noso concello a que participen na Folga Xeral do 29M convocada polo sindicalismo nacionalista.


Aquí vos deixamos os horarios das manifestacións que terán lugar nas diferentes cidades e vilas galegas no día da folga xeral, 29 de marzo.
  • Vigo: ás 12h desde o cruce da Doblada
  • Lugo: ás 12:30h desde o parque de FRIGSA
  • A Coruña: ás 12h desde a Praza de Vigo
  • Vilagarcía: ás 12h desde a Casa do Mar
  • Compostela: ás 12:30h desde a Praza Roxa
  • Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe
  • Cee: ás 12.00 horas diante do Concello
  • Pontevedra: ás 12h desde a Praza da Ferrería
  • Foz: ás 19h na Casa do Concello
  • Ferrol: ás 13h desde a Avenida de Esteiro (local da CIG)
  • Xinzo de Limia: ás 11:30 na Praza do Concello
  • Ourense: ás 12h desde o pavillón dos Remedios
  • Verín: ás 11:30 na Praza do Concello

Guillerme responsabiliza a Feijóo do brutal aumento do paro e da débeda

"A Patronal está feliz e contenta con esta reforma. Mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como despedir máis barato"

"O PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde nun acto sobre a reforma laboral en Lugo, no que tamén interviron a deputada Isabel Sánchez e o portavoz municipal, Antón Bao.
Alí, Guillerme a Feijóo de ser o máximo responsábel político do “brutal incremento do paro e da débeda” en Galiza.
Tal e como enfatizou o líder nacionalista, estamos ante unha reforma “agresiva cos asalariados e asalariadas, agresiva con Galiza, onde os salarios están por baixo da media estatal e onde o paro medra por riba da media estatal”.
“Atopámonos ante unhas medidas inxustas que deprimirán aínda máis o consumo e agravarán a crise das pequenas e medianas empresas”, explicou o líder nacionalista, “logo é mala para os asalariados e para a economía en xeral”, concluíu.
O portavoz nacional afirmou que as medidas adoptadas por Rajoy son “as que lle pedían os mercados e a patronal. Eles presionaron e seguen presionando. Agora tócanos a nós. É o noso momento para dicir NON a esta reforma antisocial e para presionarmos o goberno. É o momento da mobilización en defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras e aí estará, como sempre estivo o BNG”.
“A Patronal está feliz e contenta con estas medidas”, continuou, “a proba é que mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como aproveitar as medidas para despedir máis barato”.
Agora, tal e como enfatizou o portavoz nacional, “o PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos”.
“Os aparatos do poder machucan coa consigna de que a folga xeral non serve para nada. Pois eu dígovos que o que non serve para nada é a resignación e ficar na casa de brazos cruzados. A sociedade ten dúas armas para defenderse: o voto e a mobilización social. Agora é o tempo da mobilización para defender aquilo que tanto custou conquistar”, concluiu.

Ana Pontón a Feijóo: "Vostede preside un goberno esgotado, insolvente e incapaz de resolver os problemas dos cidadáns"

Un goberno esgotado, insolvente, sen estratexia nin capacidade para ofrecer solucións á dramática situación que hoxe viven milleiros de galegas e galegos”, este é o retrato real dos tres anos de goberno de Feijóo, este é o balance do “peor goberno da historia de Galiza”, segundo a voceira do G.P do BNG, Ana Pontón.
Pontón, durante o seu turno no debate do Estado da Autonomía, acusou ao presidente da Xunta de actuar como o personaxe literario de Dorian Gray e, consciente de que “o retrato real do seu paso polo goberno non é o que fixo no seu discurso de pola mañá e consciente tamén de que os cidadáns sofren os seus pecados, vive angustiado para que esta imaxe real non se faga visíbel”.
A portavoz parlamentar lembrou que este retrato real son os 271.000 galegos e galegas que están no paro, os 100.000 afectados polas preferentes, os traballadores do sector naval que reclaman carga de traballo, os labregos e labregas que non ven como o prezo do leite non cubre os custes de produción, as 35.000 persoas que seguen agardando cita na sanidade pública, as traballadoras de Alfageme ou os autónomos deste país afogados pola falta de crédito.

INCUMPRIMENTO DE CONTRATO“Esta á realidade que deixa o seu goberno” –engadiu-, un goberno “insensíbel” que podería ser demandado por incumprimento de contrato, pois foi incapaz de facer efectivas ningunha das promesas que asumiu cando chegou á presidencia da Xunta, “malia ter solución para todos os problemas”.
Para a voceira do BNG, Galiza, sen dúbida, está peor que hai tres anos e Feijóo adopotu decisións que agravan as consecuencias da crise e están xerando un crecemento das desigualdades sociais e do paro.
“E fronte a esta realidade, vostede hoxe o único que lles ofrece aos galegos e galegas é máis do mesmo, continuar cunha política fracasada que está arruinando este País. Asuma as súas responsabilidades, tócalle gobernar e o seu tempo esgótase”.

SEN ESCUSAS
Ana Pontón recoñeceu que a actual situación económica é complexa e que non se pode arranxar só dende a Xunta, pero lembrou, parafraseando a Keneddy, “que a dificultade é unha escusa que a historia nunca acepta” e acusou ao goberno de Feijóo de estar permanentemente buscando escusas durante estes tres anos para “tapar a súa incompetencia”, ben sexa culpabilizando de todos os males ao goberno anterior, logo ao de Zapatero e agora á oposición.
A portavoz nacionalista ofreceu un exercicio de realismo a Núñez Feijóo baseándose en catro exemplos: as políticas de austeridade, o modelo de financiamento, a desaparición das Caixas e a falta de apoio aos sectores produtivos.
Sobre as Políticas de Austeridade denunciou que o que aplica o presidente da Xunta é unha “austeridade selectiva” e negou que Feijóo realmente crea na necesidade de racionalizar a administración.
Neste sentido, colleu a luva do anuncio feito polo presidente no seu discurso, para suprimir vicevaledores e fusionar organismos, e emprazouno a que aposte realmente por prescindir de organismos que si son prescindíbeis e si significarían aforro, como é o caso das Deputacións, “que todos sabemos que son institucións obsoletas, que non cumpren ningunha función agás perpetuar dinastías familiares”.
Ana Pontón asegurou que o segundo gran erro de vulto das políticas lesivas de Núñez Feijóo foi avalar un modelo de financiamento claramente insuficiente, que discrimina a Galiza. De seguir co sistema anterior, os recursos totais para o País deberían ter sido 1.018 millóns de euros máis.
“O ano pasado –lembrou- durante este mesmo debate aprobouse unha proposta de resolución na que se incidía na necesidade de avanzar nunha modificación deste sistema de financiamento, mais nada fixo vostede a pesar de que é unha das cuestións máis importantes para o noso futuro”.
No que atinxe á liquidación das caixas galegas, a deputada asegurou que se trata do maior ataque ao autogoberno, do que Feijóo foi claramente cómplice e agora Nova Galicia Banco se atopa nun caleixón sen saída, entre ser absorvida por algunha das sete entidades financieiras que se farán con todo o negocio do Estado ou malvendela a fondos extranxeiros.
En calquera das dúas opcións, engadiu, Galiza perde sistema financieiro propio, por iso emprazou a Feijóo a defender un cambio normativo para que Nova Galicia Banco sexa banco público de titularidade galega. “Vai apoiar esta proposta ou seguir mirando como se espolia o aforro deste País”?.
Ana Pontón emprazou tamén a Feijóo a reaxir no que ten a ver co sector eólico, e propúxolle que se sume ao BNG para votar abaixo o decreto de Rajoy que suprime as primas ás renovabeis, que botou por terra o que supostamente ía ser o maior Plan Industrial da Historia de Galiza.
“Está vostede en disposición de comprometer que os deputados galegos do PP apoirarán esta iniciativa en Madrid?, dixo, e lembrou que se o goberno do PP non anulara o concurso anterior hoxe o sector estaría funcionando e xerando postos de traballo.
A voceira nacionalista, dentro da falta de apoio aos sectores produtivos galegos, tamén falou do Naval, acusando a Feijóo de ter demostrado, coas súas declaracións, a súa “frivolidade” e que está totalmente afastado da realidade.
Recordoulle ao presidente que ten responsabilidades directas e non está actuando para que, por exemplo, se poña en marcha en Ferrol o Centro de Reparacions, se constrúa o dique flotante ou se dote de carga de traballo a Navantia.
“O día 15 terá de novo os traballadores nas portas de San Caetano, agardemos non os volva culpabilizar nin criminalizar por defender o seu futuro, agardarmos se poña do seu lado e traballe para ser parte da solución. Gustarianos que se decatara do grave problema que isto supón para a nosa economía e o drama humano que se esconde detrás desta realidade”.
Ana Pontón asegurou que non van mellorar as cousas na automoción, onde en tres anos se perderon 7.000 postos de traballo e a evolución non prevé que no 2012 as cousas melloren, nin en I+D+I, pois segundo os últimos dados do INE en Galiza hai unha caída do investimento que a volve situar moi lonxe da media estatal, “e neste contexto vostede, só na USC, suprimiu 358 investigadores. Onde ficou o seu compromiso de situar a Galiza na vangarda da innovación?”.
A caída espectacular do turismo mentres no Estado comeza a recuperar ou os 10.000 establecementos pechados no comercio durante o mandato de Feijóo foron outros dos asuntos salientados pola voceira do BNG antes de falar do agro e da pesca.
Para Pontón, o compromiso do goberno da Xunta coa pesca se comproba na substitución da actividade pesqueira e marisqueira –en total 1.800 empregos directos perdidos no mar e máis de 8.000 en terra- pola acuicultura.
“Destruir base produtiva no País, que xera riqueza e emprego, para entregarlle a nosa costa a multinacionais de acuicultura, ese é o verdadeiro obxectivo que se esconde tras ese Plan Director de Acuicultura que desprotexe a costa galega”.
As políticas agrarias e forestais debuxan, asemade, un negro panorama, cando a desparición do sector agrario, asegurou Ana Pontón, é un luxo que Galiza non se pode permitir, non só porque este País teña capacidade para producir alimentos de calidade senón porque a súa minoración tamén inflúe e agrava a crise demográfica e de envellecemento de amplas zonas de Galiza.
“Onde quedou aquel Pacto pola demografía comprometido en 2010?, noutro compromiso incumprido”, ironizou.
A deputada nacionalista advertiu de que unha mentira, aínda que se repita cen veces sigue sendo mentira, e por tanto cualificou de falso que durante estes tres anos Feijóo blindara os servizos públicos, no fanatismo do presidente da Xunta contra o déficit, só conseguiu incrementalo, dixo, “pois hai outro tipo de déficit, o déficit social”.
Ana Pontón denunciou que en tres anos o recorte acumulado en Sanidade, Educación e Servizos Sociais achégase aos 700 millóns de euros, recortes que se producen non porque non existan recursos senón porque non se opta por políticas para incrementar a recadación, senón que se opta por degradar servizos para xustificar as privatizacións.
Neste sentido, asegurou que por máis que o PP insista en que non quere introducir o copago, na práctica xa hai medidas que van por ese camiño, como os 10 euros por renovar a tarxeta sanitaria ou os custes que vai implicar o “uso irresponsábel da sanidade”.
“E mentres vostede recorta e privatiza –engadiu- os galegos e galegas sofren o incremento das listas do espera, o seu legado non será pasar á historia como o máximo defensor da sanidade pública senón desmantar o servizo máis valorado e útil para a igualdade e o equilibrio social”.
Outros dos fitos deste goberno, ironizou Pontón, foi no ámbito educativo, onde Feijóo conseguiu ter en contra a toda a comunidade educativa e pasar de ser o lugar coa volta ao cole máis barata a ser un dos máis caros, “toda unha aposta por axudar ás familias en tempos de crise”.
E no ámbito da igualdade, no que o presidente da Xunta será pioneiro, dixo, será no apoio ás organizacións ultracatólicas e conservadoras, non no apoio efectivo á muller e á defensa dos seus dereitos. “As súas políticas (redución das axudas a familias con fillos menores de tres anos a cargo ou a suba dos prezos nas escolas infantís) si son violencia estrutural contra as mulleres.
A voceira parlamentar do BNG lembrou no seu discurso que Feijóo tamén incumpriu o seu contrato cos cidadáns en Dependencia, pois a súa xestión colocou a Galiza no penúltimo lugar do Estado en atención aos dependentes, con case 28.000 persoas con dereito a prestación que seguen agardando.
“Como vai facer no ano que resta de mandato para dotar dun centro de día a todos os concellos de máis de 1.500 habitantes e dunha residencia pública a todas as comarcas, tal e como se comprometeu na súa investidura?”.
Ana Pontón fixo un especial chamamento para que Feijóo non tome “por parvos” aos galegos falando de “amabilidade lingüística” cando o que hai é unha cruzada contra o idioma sen parangón nestes 30 anos e reivindicou máis apoio á cultura propia, pois mentres todos os sectores critican unanimente a xestión da Xunta non é de recibo que esta elimine a Consellería, por unha parte, e por outra priorice o investimento de recursos públicos na Cidade da Cultura, “o maior despilfarro do País. Paralicen vostedes os dous edificios que están por rematar e reinvistan eses cartos no apoio ao cinema, ao teatro, á literatura, á cultura de base, etc”.
Nas relacións co Estado e a defensa de Galiza, a deputada do BNG dixo que o caso do AVE era paradigmático de como Feijóo xa non disimula que a súa principal preocupación é evitar ser un problema para España, “a finalización desta infraestructura está no aire e vostede ten unha responsabilidade que non pode escorrer”. Asemade, lamentou que, froito desta obsesión por priorizar os intereses do PP aos de Galiza, renunciara dende o minuto cero á reforma do Esatuto e a un maior traspaso de competencias.
A voceira nacionalista concluiu alertando de que Galiza vive un dos momentos máis difíciles dos últimos anos e asegurou que lle gustaría poder facer outro balance, lembrando que o BNG é unha forza política que sempre demostrou ter a man tendida para chegar a acordos beneficiosos para o País.
Neste sentido, puxo enriba da mesa as alternativas que formula o BNG a través das propostas de resolución, que demostran que un cambio de rumbo é posíbel se se aposta por unha reforma fiscal xusta, pola banca pública, polos sectores produtivos , polos servizos públicos e gratuitos, “en definitiva, polos dereito de Galiza a ser dona do seu propio destino”.
“Dereitos que vostede atacou durante estes tres anos e que o PP novamente agrede, dende Galiza coa lei de recortes aos funcionarios, que o convidamos a derrogar, e dende o Estado cunha reforma laboral tan agresiva como inútil e inxusta, reforma que mentres os cidadáns irán á folga o próximo día 29 vostede defende dando a entender que o emprego é un privilexio, cando o emprego o que é é un dereito. Reitérolle señor Feijó que se esta reforma lla aplicaramos a vostede hoxe os galegos e galegas terían asinado o seu finiquito e o despedirían sen indemnización, porque vostede é o peor presidente da historia de Galiza”, concluiu.

Arquivos para descargar


  • Discurso Integro de Ana Pontón
  • Ana Pontón replica a Feijóo que é incapaz de enfrontarse á crise e ao paro
  • O BNG presenta unha campaña contra a reforma laboral.


    A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, presentou a campaña “Actuemos! É tempo de respostas!” coa que o BNG quere mobilizar á sociedade galega contra a reforma laboral e as políticas antisociais do Goberno do Partido Popular.Montse Prado advertiu de que a reforma do Goberno do PP “abarata o despedimento, viola o dereito da negociación colectiva e o único que vai conseguir vai ser a rebaixa dos salarios da maioría da poboación”.

    Tamén alertou de que “esta reforma laboral traerá tremendos efectos negativos non só para os asalariados e asalariadas, senón tamén para as pequenas e medianas empresas, que van sufrir unha caída da demanda”. “Polo tanto -advertiu- esta reforma non vai contribuír á recuperación económica”.


    Na Galiza os efectos da reforma laboral van ser peores
    "Co Partido Popular a situación dos galegos e galegas empeora cada día"Ademais, a secretaria de Organización do BNG denunciou que “na Galiza os efectos desta reforma van ser aínda máis negativos porque temos salarios por baixo da media do Estado e cuns niveis de paro de 275.000 persoas”.
    O PP soluciona os problemas dos banqueiros a costa da maioría da poboación
    Montse Prado explicou que esta reforma laboral “forma parte dun paquete de medidas de reformas económicas do PP que satisfán as necesidades da banca e dos especuladores, dos que produciron a crise, pero non dan solucións á maioría da poboación, que é a que si padece a crise”.
    Se non actuamos quitarannos os nosos dereitos sociais e laborais
    Por iso, baixo o lema “Actuemos! É tempo de respostas!“, o BNG vai facer unha campaña por todo o país, mediante o reparto de 75.000 folletos, charlas e conferencias.
    “Con esta campaña queremos facer un chamamento a todos os galegos e galegas a actuar, porque os dereitos non se agasallan, conquístanse, e non podemos permitir que nos quiten eses dereitos que tardamos décadas en conquistar”, afirmou Montse Prado. “É preciso que a maioría da sociedade deamos resposta a estas agresións do Partido Popular”, incidiu.
    Co Partido Popular a situación dos galegos e galegas empeora cada día
    Montse Prado asegurou que “a situación dos galegos e galegas empeoran con cada unha das medidas que está a tomar o goberno do Partido Popular, sexa no Estado ou en Galiza”.
    E diante desta situación, afirmou que “o BNG vai actuar demandando políticas económicas e sociais favorábeis á maioría da xente, defendendo a conta de resultados, a solvencia, da maioría das persoas e non a conta de resultados dos banqueiros”.
    As respostas do BNG fronte á crise
    Pero tamén, salientou que “é tempo de respostas a estas agresións, respostas diferentes que as respostas que nos propoñen, que non son outras que sacrificios para a maioría e privilexios e rescates para os causantes da crise”.
    “Hai que dar alternativas diferentes á crise, como as que leva defendendo o BNG”, subliñou, porque “a creación de emprego non se vai facer con esta reforma laboral, senón co medre da economía, e non imos ser máis competitivos por degradar as condicións laborais”.
    Neste sentido, Montse Prado lembrou algunhas das medidas que ven defendendo o BNG, como a reforma fiscal progresiva para que pague máis quen máis ten; eliminar o gasto militar, as subvencións e privilexios da Igrexa, suprimindo as deputacións; creación dunha banca pública ou apoio os nosos sectores produtivos.
    “Hai que converter a disconformidade e a indignación en actuación. Esta reforma laboral vai levar por diante os dereitos e as condicións de vida de miles e miles de galegos e galegas. E o que non podemos facer é quedarnos parados, hai que actuar e dar respostas contundentes”, concluíu Montse Prado.

    Arquivos para descargar

    DESCARGA AQUÍ O FOLLETO DA CAMPAÑA DO BNG CONTRA A REFORMA LABORAL

    O 29 de marzo. FOLGA XERAL!!!!