Situación financeira do BNG a 31 de decembro de 2014 e orzamento 2015

O Consello Nacional acordou trasladar a toda a militancia do BNG os acordos adoptados en relación co estado de ingresos e gastos da organización nacional durante o ano 2014, así como o orzamento aprobado para o ano 2015. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose na páxina web oficial do BNG.
En relación co ano 2014, o Consello Nacional valorou como evidente síntoma de consolidación e mellora organizativa do BNG o incremento substancial de ingresos no que ten a ver co esforzo e achegas de militantes e simpatizantes (isto é: cotas, achegas de deputad@s e concelleir@s, venda de lotaría, de material de propaganda, etc.).
Neste ámbito, o que ten a ver co esforzo militante, comprobamos uns ingresos que superan en 223.741’11 euros o inicialmente previsto polo propio Consello Nacional para o ano 2014. A conclusión é ben clara: A entrega militante e o traballo da súa base social organizada fan do BNG un caso único no concerto de formacións políticas existentes na Galiza e no Estado español. Non hai ningunha outra na que o compromiso da súa militancia supoña unha porcentaxe similar nos ingresos, segundo os informes de fiscalización oficiais.
Todo isto cobra máis valor tendo en conta o impacto da crise económica nunha parte moi importante da nosa militancia: os dramas do desemprego, da emigración, da precariedade e explotación no posto de traballo, dos baixos salarios, non son situacións alleas á vida dun segmento relevante da nosa militancia, o que repercute na capacidade económica colectiva. Simultaneamente, baixaron até un 40% os ingresos procedentes dos subsidios estatais.
Estes son os datos concretos dos ingresos obtidos no ano 2014:

No tocante aos gastos, cabe destacar o importante esforzo destinado a sanear financeiramente o BNG (amortización de débeda), que representou nada menos que o 53’7% do total de gasto.
Supera tamén o inicialmente previsto a partida destinada á defensa xurídica de militantes e simpatizantes do BNG que padeceron denuncias ou persecución derivada da súa actividade política.
Estes son os datos concretos correspondentes aos gastos nacionais no ano 2014:

* Esta contabilidade non inclúe o orzamento específico das eleccións ao Parlamento europeo de 2014. No seu día foi xa comunicado a toda a militancia.
O saldo final rexistrado no ano 2014 é favorábel: 51.000 euros de superávit.

* Cómpre ter presente que, a diferenza doutras organizacións políticas, o BNG non gozou de ningunha condonación de débeda ou trato de favor por parte de ningunha entidade bancaria.
En relación co ano 2015, este é o orzamento aprobado polo Consello Nacional do BNG:

* Os gastos e ingresos correspondentes aos procesos electorais do 2015 -municipais e xerais- contarán con cadanseu orzamento específico, que será aprobado polo Consello Nacional, e do que se dará conta á militancia.
** A asemblea de traballadoras e traballadores do BNG acordou solicitar do Consello Nacional a conxelación dos seus salarios durante o ano 2015 como contributo ao saneamento financeiro da organización.
Finalmente, queremos trasladar os criterios políticos que explican a evolución positiva das finanzas do BNG:
1. Os obxectivos primordiais seguen a ser acadar a superación da débeda contraída e depender en maior medida dos ingresos propios da organización. O camiño emprendido vai xustamente nesta dirección.
2. As decisións políticas adoptadas nos procesos electorais -non subscrición de créditos bancarios, renuncia ao correo masivo (“mailing”), sobriedade nos soportes básicos de campaña, etc.- considerámolas acertadas desde unha perspectiva de responsabilidade colectiva e de coherencia política. Queremos lembrar que a pasada campaña electoral ao Parlamento europeo foi exclusivamente autofinanciada con recursos propios e a cota extra entre a militancia.
3. Nada do enunciado sería posíbel sen a participación e o traballo da militancia nacionalista. Non temos palabras para expresar o noso orgullo por este compromiso militante. Queremos parabenizar a militancia do BNG pola súa entrega e polo resultado deste inxente esforzo colectivo.

O fin das cotas lácteas. E agora que?

Onte foi un día histórico para o sector lácteo galego, desapareceu o sistema de cotas imposto por Bruxelas a mediados dos 80 e comeza unha nova etapa de ‘libre mercado’ para as 9.000 explotacións galegas.
Galiza afronta o reto sendo un dos 10 territorios de Europa con maior produción de leite. A ‘liberalización’ do mercado chega após os produtores galegos teren investido nestes anos diñeiro e traballo en mercar (até 2005) e alugar (desde entón até hoxe) cota láctea polo Estado español adiante e poder así facer fronte ás imposicións de Bruxelas e evitar multas por ‘super-taxa’. Todo un esforzo económico, e non só económico, que fica en nada a partir deste 1 de abril.
Nestes últimos seis anos perdéronse 9.000 titulares de explotacións. Desde 2012 o noso país fechou unha media de 2 explotacións cada día. O prezo que se lle paga ao produtor está en niveis que apenas cobren os custos... e chega o ‘libre mercado’. E chega nun rural aventellado, con dados como os que indican que só un 5% da poboación agraria ten menos de 40 anos.

E agora que?

O BNG do Saviñao organizou a semana pasada un acto en Currelos para explicar a nosa posición a respecto do fin das cuotas lácteas.


Contamos coa presenza de Ana Miranda, representante do BNG en Europa, e da parlamentaria Tereixa Paz, que recolleron as inquedanzas dos labregos e labregas presentes no acto.
Todo o diñeiro investido na adquisición de cota queda reducido a cero e deixa a miles de explotacións endebedadas, ignorar esta situación é un desprezo para o sector leiteiro por parte dos gobernos de Madrid e da Xunta ademais dunha tremenda inxustiza dixeron
O Bloque critica a “inacción” da Xunta e pide ao Goberno galego que lidera unha estratexia en defensa dun sector leiteiro  “Non pode ser que o leite hoxe se pague a 29 céntimos o litro cando en 2008 se pagaba a 45 céntimos, porque nin cubre os custes de explotación”, argumentaron. Coa liberalización da produción, “os gandeiros e gandeiras quedan máis expostos ca nunca ao poder da industria e das cadeas de distribución”, advirten.

Ante este “desleixo” do Goberno da Xunta, “só atentos a Madrid que actúa a favor dos intereses das grandes empresas leiteiras” 

O BNG propón medidas concretas.
En primeiro lugar, garantir prezos xustos con contratos homologados coas industrias, como prevé a normativa que agora incumpre o 60% das empresas.
En segundo lugar, promover un Grupo lácteo galego de base cooperativa, porque parte da grave situación se corrixiría desenvolvendo un sector industrial transformador de base cooperativa que debería ser impulsado pola Xunta, “para que os nosos produtores e produtoras non estean sometidos ao ditado desas grandes empresa distribuidoras a nivel estatal”.
Igualmente, o Bloque propón a creación dunha Interprofesional láctea galega, para que os produtores teñan capacidade de negociación coa industria. E como cuarta medida, mobilizar a terra para que non quede abandonadas e sexan aproveitadas polas explotación vivas que precisan incrementar a súa extensión.