O PROGRAMA “MO-VÉMONOS”, UNHA NOVA APOSTA DA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN POLO BENESTAR NO RURAL

Monitores especializados darán clases de ximnasia dúas veces por semana de xeito totalmente gratuíto dirixidas a persoas maiores e persoas discapacitadas
As clases comezan o 15 de setembro e desenvolveranse até xuño de 2015

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou a asocacións e colectivos da zona sur da provincia de Lugo o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía.
Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación pón en marcha este programa, que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome deTodos a xogar ou Tempos, e que levará ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas. O programa dará comezo o vindeiro 15 de setembro e rematará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

Unha actividade totalmente gratuíta dúas veces por semana
 O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.
 A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.
 A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.

 As asociacións interesadas poden apuntarse ata o 15 de setembro
 Na pasada edición, este programa deu cobertura a arredor de 2.000 usuarios, pertencentes a unhas 90 asociacións repartidas por toda a provincia; e dende a área de Benestar Social e Deporte contan chegar a ese número esta edición, xa que máis de 70 colectivos xa amosaron o seu interese pola iniciativa. O prazo para que aquelas asociacións que estean interesadas en recibir este servizo se apunten aínda está aberto. As inscricións poden formalizarse no enderezo deporte@deputacionlugo.org ou no teléfono 982260149. O programa comezará a impartirse o luns 15 de setembro e prolongarase ata xuño de 2015.
 Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas.

Tolerancia cero coa violencia machista!


Campaña de recollida de material sanitario para Gaza

O BNG quere, máis unha vez, manifestar a solidariedade do pobo galego coa causa palestina e o rexeitamento á actuación do goberno israelí, que leva provocado miles de persoas mortas e feridas. Por iso, apoiamos a campaña de recollida de material sanitario promovida pola asociación galaico-árabe Yenín-Comunidade Palestina e a Fundación Araguaney, e chamamos á cidadanía a:
1. Recoller material sanitario e medicamentos (vendas, gasas, material de sutura, de curas, protésico, luvas, gorros, calzas , antibióticos, analxésicos,...) até o 10 de setembro .
2. Rexeitar os produtos israelís fixándose nas etiquetas que comezan cos números 729.
3. Mobilizarse nas rúas, nas redes sociais, en actos cívicos, no traballo, coa veciñanza

Cóntanse por milleiros as palestinas e palestinos agredid@s polo goberno israelí nas últimas semanas, nunha operación de exterminio denominada cinicamente Marxe Protectora. O resultado é de máis de 2 000 persoas asasinadas, máis de 10000 feridas, casas, escolas, edificios e infraestruturas vitais destruídas. Este masacre continúa o proxecto de xenocidio do pobo palestino imposto polo Estado de Israel para afogar as súas lexítimas reivindicacións. E isto, nun contexto en que os gobernos occidentais miran para outro lado, cando non alimentan directamente un estado que incumpre reiteradamente a lexislación internacional. Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión. Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie. De maneira moi especial, e con carácter urxente, Palestina precisa material sanitario e medicamentos para as persoas feridas, unha recollida en que o BNG colabora xunto coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney.

Diríxete ANTES DO 10 DE SETEMBRO  ás farmacias de Escairón: FARMACIA LAMELO e FARMACIA MªCARMEN PIÑEIRO RAJO e alí poderás depositar o material

 As necesidades principais son as seguintes:
- Material para curas: gasas, soros, antisépticos, vendas, apósitos, esparadrapos, alcohol, xabóns…
- Material cirúrxico: luvas, suturas, vías, compresas estériles, agullas, gorros, calzas e máscaras para quirófano.
- Material ortoprotésico: muletas, caxatos...
- Medicamentos: analxésicos, antibióticos...
- Mantas e tendas de campaña