Abraira: "O BNG é a máquina de autoestima de Galiza"




Paz Abraira pediulle á cidadanía que votase "en clave galega"


A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Lugo, Paz Abraira, afirmou o sábado nun mitin no Saviñao que o Bloque Nacionalista Galego é “a máquina de autoestima de Galiza” que está a facer nesta campaña que os galegos e galegas se sintan “orgullosos de si mesmos”. “Somos esa máquina de autoconfianza que permitir que a partir do 9 de marzo a provincia de Lugo conte cunha voz nacionalista no Congreso dos Deputados, esa máquina de autoestima que vai facer que os lucenses e as lucenses aposten desta volta polo BNG para ter presenza política propia en Madrid”, dixo a candidata nacionalista diante dunhas 200 persoas, que encheron o Auditorio de Escairón.






Paz Abraira, que pediu aos cidadáns da provincia de Lugo que o 9 de marzo voten “en clave galega”, afirmou que o BNG conseguiu “rachar o xogo a dous entre o PP e o PSOE” e facer que Galiza estea no debate desta campaña. “O BNG é o garante de que Galiza e a provincia de Lugo estean sobre a mesa, de que na negociación dos Orzamentos se teña en conta ao noso país, de que as políticas que se adoptan en Madrid non sexan contrarias aos nosos intereses”, argumentou a cabeza de lista do BNG ao Congreso.




En compañía da Responsable Local do BNG Antía Rodríguez, do alcalde de Monforte e número 2 da candidatura do BNG ao Congreso, Severino Rodríguez, e do director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Rubén Cela, a candidata nacionalista pediu o apoio da mocidade, como xa fixera pola tarde nun acto con mozos e mozas e Meira. Paz Abraira pediulles aos mozos e mozas lucenses que sexan “o motor do despertar da provincia de Lugo”. Un argumento no que tamén insistiu Rubén Cela, que destacou que son moitas aínda as decisións que se toman en Madrid polo que os mozos e mozas lucenses xóganse “o seu futuro” o 9 de marzo. Pediulles que se impliquen en favor do BNG “para que os seus problemas sexan escoitados en Madrid a través de Paz Abraira”.


Apoio para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade
A candidata nacionalista mostrou tamén no Saviñao o seu apoio para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade e ofreceuse para apoiar en Madrid esta declaración. Anunciou tamén que unha das condicións que porá o BNG ao próximo presidente do Goberno será que se destinen á provincia de Lugo 1.200 millóns de euros na vindeira lexislatura para axilizar “infraestruturas pendentes”, como o desdobramento do corredor Lalín-Chantada-Monforte.