JORQUERA ADVÍRTELLE AO PSOE QUE "É FUNDAMENTAL CHEGAR A ACORDOS POLÍTICOS PARA TER O APOIO DO BNG"


O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, salientou este serán, despois da xunta mantida co Secretario de Organización do PSOE, José Blanco, o dispór favorábel do PSOE a estudar as propostas plantexadas polo BNG, en concreto a posibilidade de formar grupo parlamentar con outras forzas políticas. “Hai unha actitude positiva por parte do PSOE pero ten que traducirse en feitos”, advertiu.


Jorquera sinalou que se tratou dunha “entrevista fructífera, na que se falou con franqueza á hora de expór os criterios para a negociación da composición da Cámara e da investidura”. Subliñou o dispór “construtivo e colaborador do BNG co Goberno” pero “é fundamental chegar a acordos políticos”. Ademáis de remarcar que “hoxe non se pechou ningún acordo, expuxéronse os temas e emprazámonos para novos contactos”.


Os criterios fundamentais do BNG para a negociación

Francisco Jorquera explicou que lle trasladou ó Secretario de Organización do PSOE, José Blanco, os criterios fundamentais para o BNG na negociación: “a Mesa da Cámara Baixa ten que reflexar o carácter plural da Cámara xa que ningunha forza política obtivo a maioría absoluta o 9 de Marzo”. Neste sentido, salientou o decisivo das forzas nacionalistas, sobre todo “das que conformamos Galeuscat xa que imos ser chave na vindeira lexislatura, decisivos na articulación de maiorías parlamentares e isto debe ter reflexo na Mesa do Congreso”.


Afirmou que tamén debe o PSOE facilitar unha “leitura flexíbel do Regulamento da Cámara para que diferentes forzas políticas poidamos conformar grupos e dar solución á situación do Grupo Mixto que actualmente é de dubidosa viabilidade”. “Demandamos ao PSOE que contribúa a realizar unha leitura aberta do Regulamento para que o Grupo Mixto actual poida subdividirse”. Neste sentido, desvelou aos medios de comunicación que o BNG recibiu propostas de case todas formacións que integran o Mixto para formar grupo, “non descartamos ningunha”, aínda que destacou que as posibilidades máis claras, por razóns regulamentarias, son con Nafarroa Bai ou con Coalición Canaria.


A perguntas dos xornalistas, Jorquera indicou que o voto do BNG para a investidura “depende do diálogo emprendido porque avaliaremos toda a resultante no seu conxunto”.


Posición ante a votación de José Bono como Presidente do Congreso

O deputado do BNG deixou claro que o candidato a Presidente da Cámara Baixa “non reúne o perfil idóneo” e engadiu que “non cremos que o mellor xeito sexa o de pór enriba da mesa a un candidato que ten unha actitude sectaria e hostil para coas forzas nacionalistas, ademáis de afán de protagonismo e un ánimo polémico. Desde logo, non reúne as características para un cargo dese estilo”. Máis, puntualizou, o BNG “ten por norma non facer vetos a candidatos doutros partidos políticos aínda que non gostemos da figura de Bono”.


En resposta ás perguntas dos xornalistas, Francisco Jorquera enfatizou que o BNG aínda non adoptou unha posición respecto á votación de José Bono como Presidente do Congreso porque “todo está suxeito ao feito de que a Mesa da Cámara reflicta a pluralidade e ó feito de que se dea unha resposta satisfactoria á subdivisión do Grupo Mixto, a que se permitan formar grupos distintos do Grupo Mixto. Se hai unha resposta afirmativa a todo isto o BNG votará a favor”. Engadiu que no caso contrario os nacionalistas galegos se absterían na votación de José Bono.