Iniciativas do BNG no Parlamento de Galiza en defensa da Área Sanitaria de Monforte


Con data do día 22 de febreiro, os deputados do BNG Cosme E. Pombo e Carlos I. Aymerich presentaron no Rexistro do Parlamento de Galiza varias iniciativas referidas ao mantemento das Áreas Sanitarias de Monforte e da Mariña. 
Estas iniciativas constan dunha Interpelación, unha Pregunta Oral para a súa resposta en Comisión, unha pregunta Oral para a súa resposta en Pleno, unha pregunta para a súa resposta escrita, unha Proposición non de Lei para o seu debate en Comisión e unha Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno, relativas ás actuacións que debe levar a Xunta para manter as Áreas Sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que teñen na actualidade.
Hai que ter en conta que o Hospital da Costa ten asignadas máis de 70.000 persoas e o Hospital Comarcal de Monforte preto de 50.000 usuarios distribuidos en 11 Concellos, usuarios que pasarían a ter como hospital de referencia o Hospital de Lugo, tendo como consecuencia o desplazamento en coche até a capital da provincial
A xuízo do BNG as consecuencias para a sanidade pública atinxirían tanto aos usuarios como ós profesionais sanitarios. Unha Xerencia única ubicada en Lugo implicaría unha dificultade para o acceso á mesma e o descoñecemento de moitos problemas que xurden nos centros hospitalarios.
Unha Xerencia ubicada en Lugo eliminaría os investimentos prometidos tanto nos Centros de Saude como nos Hospitais, así como a supresión de servizos, especialidades e dotacións.
Unha Xerencia única ubicada en Lugo implicaría os desplazamentos constantes dos usuarios, así como de certos proofesionais dalgunhas especialidades, desplazamentos que conlevan, tendo en conta as distancias, unha grande perda da calidade de vida, así como unha discriminación con respecto a poboacións doutras zonas.
Por todos estos motivos, a supresión das Áreas Sanitarias da Mariña e de Monforte significa unha merma na calidade asistencial que se lle presta a poboación destas dúas comarcas e que non debe consumarse, porque sería avanzar no desmantelamento de servizos das mesmas, nunha cuestión tan importante como é a atención sanitaria pública.
O Grupo Parlamentar do BNG insta a Xunta de Galiza a:
1º Manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos.
2º Non crear a Área de Xestión Integrada de Lugo, na medida que alonxa os servizos dos cidadáns e merma a calidade asistencial.
3º Garantir a mesma orde de prioridade na cobertura de prazas de especialistas nos Hospitais de Monforte e Burela.
4. Manter as plantillas actuais e as condicións laborais dos traballadores dos devanditos Hospitais.

A Deputación insta á Xunta de Galiza a manter as actuais áreas sanitarias da Mariña e Monforte



A Deputación de Lugo, a instancias dunha proposta do BNG, que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e coa abstención do PP, insta á Xunta de Galicia a manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que teñen na actualidade e a frear a perda de calidade asistencial que suporá a xestión integrada.

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, afirmou que “negándose a apoiar esta moción, os representantes do PP están a vender aos veciños de Monforte e da Mariña porque a xerencia única integrada producirá un empeoramento da calidade asistencial” e alertou “das consecuencias que terá esta medida que defende a consellería de Sanidade e que eliminará a área norte de saúde, que abarca a comarca da Mariña con máis de 72.000 persoas asignadas distribuídas en 14 concellos, e a área sanitaria do sur, á que corresponde o hospital de Monforte que atende ao redor de 49.000 usuarios e usuarias de 11 concellos.

“Os plans do Goberno galego afectan a máis de 120.000 persoas que pasarían a ter como centro hospitalario de referencia o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), sito a máis de 90 quilómetros de distancia no caso de Burela e a pouco menos no caso de Monforte, o que atinxirá aos usuarios e usuarias que recibirán unha atención máis tardía, pero tamén aos profesionais.”
 A xerencia sanitaria integrada –insistiu Antonio Veiga- “é un paso máis cara o desmantelamento do sistema sanitario e cara a súa privatización. Lonxe de mellorar a atención aos pacientes, como anunciou a conselleira Rocío Mosquera, suporá unha limitación de dereitos sanitarios e reducirá a seguridade dos veciños e veciñas das comarcas da Mariña e Monforte. A atención sanitaria na provincia de Lugo retrotraerase 25 anos e os hospitais comarcais converteranse en sucursais do HULA, xa sobrecargado, e no que, con seguridade, aumentarán as listas de espera”.

Veiga advirtiu, tamén, de que esta fórmula dificultará a xestión en canto será necesario compartir recursos  e o persoal sanitario sufrirá traslados forzosos. “A xerencia ubicada en Lugo eliminará os investimentos nos centros de saúde e nos hospitais comarcais e impedirá a implantación de novos servizos e especialidades. Dada a escaseza de profesionais dalgunhas especialidades obrigará aos pacientes a desprazamentos constates, perdendo calidade de vida e supoñendo un maior costo ao ter que asumir os gastos de desprazamento” – sentencia o vicepresidente.

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN O MANTEMENTO DAS ÁREAS SANITARIAS DE MONFORTE E DA MARIÑA


Antonio Veiga alerta de que a xestión integrada suporá unha merma na calidade asistencial
O deputado provincial asegura que os modelos sanitarios do PP limitan os dereitos sanitarios dos veciños das comarcas e condénaos a acceder a unha sanidade de peor calidade

O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación, defenderá, no pleno do vindeiro martes, unha moción na que insta á Xunta de Galicia a manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que teñen na actualidade e a frear a perda de calidade asistencial que suporá a xestión integrada.
O deputado provincial Antonio Veiga alerta das consecuencias que terá esta medida que defende a consellería de Sanidade e que eliminará a área norte de saúde, que abarca a comarca da Mariña con máis de 72.000 persoas asignadas distribuídas en 14 concellos, e a área sanitaria do sur, á que corresponde o hospital de Monforte que atende ao redor de 49.000 usuarios e usuarias de 11 concellos. “Os plans do Goberno galego afectan a máis de 120.000 persoas que pasarían a ter como centro hospitalario de referencia o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), sito a máis de 90 quilómetros de distancia no caso de Burela e a pouco menos no caso de Monforte, o que atinxirá aos usuarios e usuarias que recibirán unha atención máis tardía, pero tamén aos profesionais.”
“A xerencia sanitaria integrada –insiste Antonio Veiga- é un paso máis cara o desmantelamento do sistema sanitario e cara a súa privatización. Lonxe de mellorar a atención aos pacientes, como anunciou a conselleira Rocío Mosquera, suporá unha limitación de dereitos sanitarios e reducirá a seguridade dos veciños e veciñas das comarcas da Mariña e Monforte. A atención sanitaria na provincia de Lugo retrotraerase 25 anos e os hospitais comarcais converteranse en sucursais do HULA, xa sobrecargado, e no que, con seguridade, aumentarán as listas de espera.”
Os nacionalistas advirten, tamén, de que esta fórmula dificultará a xestión en canto será necesario compartir recursos  e o persoal sanitario sufrirá traslados forzosos. “A xerencia ubicada en Lugo eliminará os investimentos nos centros de saúde e nos hospitais comarcais e impedirá a implantación de novos servizos e especialidades. Dada a escaseza de profesionais dalgunhas especialidades obrigará aos pacientes a desprazamentos constates, perdendo calidade de vida e supoñendo un maior costo ao ter que asumir os gastos de desprazamento” – sentencia o deputado provincial.
Por todos estes motivos, o Grupo Provincial do BNG espera que o PP apoie esta moción co obxectivo de evitar o deterioro da calidade asistencial da poboación das comarcas lucenses e frear o avance cara o camiño do desmantelamento da sanidade pública.

A Soberanía será Feminista ou non será


A responsábel de Acción Feminista do BNG, Goretti Sanmartín defende a autonomía das mulleres como única alternativa para “unha vida digna”
Baixo o lema, “A Soberanía será Feminista ou non será” a responsábel da Comisión de Acción Feminista, Goretti Sanmartín acompañada do portavoz nacional, Guillerme Vázquez presentou hoxe a campaña do BNG cara a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres.
Tras o visionado dun vídeo que recolle as experiencias de nove mulleres no traballo político, social e feminista de base e que será remitido ás comarcas, vilas e cidades galegas para o seu debate, a responsábel de Acción Feminista, Goretti Sanmartín asegurou que “só a través da autonomía, as mulleres terán unha vida digna”.
Unha campaña con continuidade en toda Galiza
Sanmartín anunciou que a campaña do BNG non se limitará exclusivamente aos actos do 8 de marzo senón que terá continuidade durante todo o mes con diversas actividades e lembrou que o Bloque Nacionalista Galego apoiará todas as convocatorias do Movemento feminista e os seus diferentes colectivos.
Dende hoxe, dixo, o vídeo presentado poderá ser visionado en distintos soportes dixitais e o cartaz co lema “A Soberanía será feminista ou non será” estará presente nas redes sociais e en todas as comarcas e cidades de Galiza.
A responsábel de Acción Feminista manifestou que o 8 de marzo non é só un día para a celebración, “detrás dos actos organizados durante todo o mes, existe un traballo do BNG nas institucións e lugares onde ten presenza, a través de numerosas iniciativas”.
“E ti, de quen vés sendo”, nove mulleres relatan a súa loita
África Sanmartín, Tereixa Otero, Cristina Lerma, Wui Chem, Rocío Fraga, Rosa Gómez Reino, Sigrig Bouzón, Lola Outeral, Sabela Pena son as nove mulleres que protagonizan o vídeo e que falan das súas motivacións para combater en distintas loitas así como da súa relación co nacionalismo, “a idea de ti de quén ves sendo” pretende converter en protagonista a causa que as move, explicou Sanmartín, e neste sentido, engadiu que non é outra máis que poñer o “quén” no centro do feminismo, do ecoloxismo e da solidariedade internacional.
Nesta liña, declarou que “o feminismo engloba: a defensa da terra, a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa vida, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, tomar decisións sobre o propio corpo e todo isto lévamos a nós e a elas a falar de Soberanía”.
Goretti Samartín coincidiu coas protagonistas do vídeo “E ti de quén ves sendo” na importancia do traballo en rede, de maneira coordinada e dende a base e coa cidadanía”, concluíu.
Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG criticou os recortes en materia de políticas de igualdade do Partido popular e lamentou que en pleno Debate do Estado da Nación, que se está a celebrar no Congreso d@s deputad@s, Mariano Rajoy non anunciara un cambio de rumbo nesta materia.

Davila a Rajoy: “Mentiras, incumprimentos, inxustizas sociais e a corrupción no Goberno e na Coroa”


A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, comezou a súa intervención no Debate de Política Xeral resumindo o mandato do Presidente do Goberno: “Mintiras, incumprimentos electorais, inxustizas sociais, probeza e como colofón este corolario de corrupción do que non se salvan nen o Goberno nen a Coroa”.

Incumprimentos con Galiza:
A deputada do BNG puxo enriba da mesa todos os incumprimentos do Goberno de Rajoy para con Galiza.
“En relación ao sector naval, seguimos agardando polos anunciados contratos con PEMEX”, sinalou. E o Tax Lease segue “sen poder aplicarse porque continúan pendentes cuestións pendentes”. E reprochou a Rajoy que “prometeran un dique flotante para Navantia Ferrol e tres meses máis tarde xa o descartan. No nos enganen máis Señor Rajoy porque os traballadores saben que a partir de setembro estarán sen traballo”.
No capítulo das infraestructuras, Davila criticou a paralización das obras da A-54 Santiago-Lugo, a pretensión de rebaixar o AVE na entrada a Ourense e o parco acordo de descontos para a AP-9 que “só é fume”.
Foi moi crítica coa xestión do Goberno en relación á pesca, poñendo de manifesto os importantes recortes nas cotas pesqueiras da UE e do Goberno que prexudican sobre todo á frota de baixura galega. “Hoxe mesmo a frota está amarrada a porto en protesta polas políticas que non lles deixan exercer a súa actividade”. Acusou a Rajoy de esquecer á frota galega cefalopodeira, excluida do Acordo de Pesca UE-Mauritania.
No que atinxe aos fondos europeos, “tildou a negociación de fracaso clamoroso porque Galiza vai percibir entre 2014 e 2020 1.300 millóns menos”.

Dimita e convoque eleccións. A corrupción
Davila acusou ao Presidente do Goberno de se ter referido á corrupción como “un ente abstracto, como un grande luminoso que mira como se non fose con vosté, obviando que o seu partido político é o protagonista da historia, e que aínda que non mente a bicha, está aí. Os feitos son graves e agardábamos que fixese autocrítica en lugar de xogar a meter a todo o mundo no mesmo saco”.
“Non cre que resulta obsceno e inmoral que vosté e outros membros do Goberno percibiran cantidades estratosféricas de carto nunha situación de grave crise económica, mentras reparten recortes e piden sacrificios á pobación?”, preguntou Davila.
A portavoz do BNG afirmou que “vosté perdeu a confianza da cidadanía Señor Rajoy, a mancha da sospeita se estendeu sobre varias persoas do seu gabinete como a Ministra de Sanidade ou o Ministro de Facenda, e sobre vosté mesmo pesa a dúbida que lle resta credibilidade”. Por iso, demandou a demisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións.
A corrupción, enfatizou, “é fundamentalmente do seu partido, non é de todos, e non nos meta a todos no mesmo saco”.

O drama do paro
A deputada do BNG aludiu ás consecuencias negativas da reforma laboral “da que din sentirse orgullosos e levan un ano augurando as bondades dunha lexislación laboral que só serviu para empiorar os dereitos dos traballadores, rebaixar salarios a todo o mundo, aumentar as cifas do paro, abaratar os despedimentos e precarizar as condicións laborais”.
A portavoz do BNG lembrou que “hai 6 millóns de parados, un drama que afecta sobre todo á mocidade que cada vez emigra máis”. Salientou o preocupante aumento da probeza, e as perversidades dos recortes que están a desmantelar o máis “preciado do Estado de Benestar: sanidade, educación e servizos sociais e dependencia, servizos públicos que son competencia das CC.AA”.
Modelo centralista e necesidade de avanzar na soberanía financeira
Puxo de manifesto a “asfixia á que están a someter ás CC.AA coas súas exixencias de cumprimento de défice e as están abocando a practicar recortes a mansalva”. Sinalou que tamén utilizan a crise como “pretexto para implantar o seu modelo centralista, recentralizando competencias”. Enfatizou a necesidade de avanzar na descentralización dos tributos para que nacións como Galiza conten con Axencia Tributaria propia e poidan recadar os seus impostos.
Davila demandou soberanía financeira, “con maiores cotas de autogoberno que permita contar cos recursos necesarios para destinalos aos servizos públicos que os cidadáns necesitan. Non esqueza que empresas como Fenosa, Iberdrola ou AUDASA que explotan recursos en Galiza tributan en Madrid”.

“Plantexamos unha reforma constitucional”
Davila recordou as palabras do Presidente do Goberno de onte en relación a que a Constitución “está aberta a reformas”. Con clareza, afirmou que o BNG “considera que toda lei é susceptíbel de ser modificada para ser adaptada á evolución dos acontecementos. Plantexamos unha reforma constitucional partindo da realidade plurinacional e do recoñecemento da soberanía das nacións xa recoñecidas como nacionalidades históricas”. E criticou a crise institucional “debido á corrupción que afecta á Coroa e ao Goberno”.
Dixo que non se sacralice a Constitución que “reforman á súa conveniencia cando se trata do défice pero que incumpren flagrantemente cando se trata de asegurar o dereito a un traballo e a unha vivenda dignos”.
“Sanean unha banca que desaloxa e engana coas preferentes”
A portavoz do BNG criticou as medidas de reestructuración bancaria do Goberno que só serviron para finiquitar as Caixas de Aforro e despedir a miles de traballadores de Novagalicia banco, e acusou a Rajoy de despilfarrar recursos públicos “para sanear a unha banca que desaloxa a cidadáns das súas casas e que enganou a miles de persoas coa grande estafa das preferentes”.
“Fortes cos débis e condescendentes cos fortes”
Acusou ao Goberno de “activo tóxico por non crear emprego, aumentar o IVE, as taxas xudiciais, as matrículas universitarias, o copago farmacéutico, rebaixan o poder adquisitivo dos pensionistas e relegan ás persoas dependentes á miseria”.
“Son fortes cos débis pero condescendentes cos fortes”, sinalou.
A portavoz do BNG rematou demandando a demisión de Rajoy e a convocatoria de elección para que a cidadanía se pronuncie.

POLO DEREITO AO TRABALLO, Á IGUALDADE, AOS SERVIZOS PÚBLICOS E Á PLENA SOBERANÍA NACIONAL GALEGA POLO DEREITO AO TRABALLO, Á IGUALDADE, AOS SERVIZOS PÚBLICOS E Á PLENA SOBERANÍA NACIONAL GALEGA. POR UN PROCESO CONSTITUÍNTE E DE RUPTURA DEMOCRÁTICA


Herdeiras e herdeiros da esperanza de Celso Emilio, erguemos a voz nun tempo escuro para convocar a sociedade galega, a esa inmensa maioría social traballadora, a unha resposta de dignidade e  loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultural, política e económica, que están a  provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país, Galiza.
Esta convocatoria quere sinalar como responsábeis os gobernos-títere que atenden submisos ás imposicións dos mercados capitalistas e dos especuladores, grandes empresarios e defraudadores en prexuízo do  acervo de dereitos económicos, sociais e culturais e das liberdades políticas que precisamos as galegas e galegos para podermos exercer a nosa condición de cidadanía social. Ese complexo de dereitos e liberdades  constitúen os alicerces do outro país que arelamos, ceibe do complexo de violencias estruturais que en  todos os eidos da vida social feren as condicións materiais de vida da inmensa maioría traballadora do país.
O réxime político da 2ª Restauración esmorece provocando unha violenta destrución social, económica e  cultural sobre o noso pobo, cuxa maioría traballadora contempla a destrución de emprego e o crecemento  do paro, desa Galiza que xa ten máis de 350.000 persoas sen traballo e que contempla como a mocidade ten  como único futuro emigrar; a voadura dos sectores produtivos estratéxicos do país, do naval ao agrogandeiro pasando polo esganamento da investigación e o desenvolvemento; a privatización e espolio do aforro  galego que se quere entregar ao gran capital financeiro; a degradación e privatización dos servizos públicos  educativos, sanitarios, sociais e mesmo da xustiza; o roubo e escándalo dunha corrupción funcional ás  relacións sociais de produción capitalistas; o emprego do goberno autonómico para destruír a nosa lingua e  cultura; ou o incremento continuado da represión policial, xudicial e carceraria, como estamos a ver, contra  aqueles movementos sociais, sindicais e políticos que rexeitan este réxime. E como corolario desas agresións, o medo, a pobreza, a precariedade social, a dor e angustia e incluso os suicidios. Denunciamos un  réxime político e de acumulación de capital que amortalla vidas, esperanzas e mesmo cadáveres para atesourar moedas, cobiza e egoísmos.
Un réxime onde os sectores máis conservadores gañan tempo nunha das súas batallas máis mediáticas: a
eliminación de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Este ataque contra o dereito a decidir sobre a
 non é accidental e está marcada pola ofensiva contra os dereitos conquistados polas mulleres  nos últimos anos. Ao cuestionar a sabedoría das mulleres para decidiren sobre seus corpos e criminalizar  aquelas que non queren ser nais, as posicións antiabortistas reforzan o seu papel como nais e esposas no  ámbito doméstico.

Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar, porque foi protexido de calquera tipo de mudanza e rexeita mesmo discutir. A súa lexitimidade do punto  de vista político está cada día máis deteriorada e só lles fica o recurso permanente á represión para enfrontar as lexítimas demandas do pobo.
Só nos deixan un camiño para as transformacións que as persoas precisamos: A MUDANZA DE SISTEMA.
Os señores de negro, coa complicidade do gran capital, impoñen o secuestro dos dereitos fundamentais do  noso pobo: económicos, sociais, lingüísticos e nacionais; utilizando a Constitución de 1978 como útil ferramenta  ao  servizo  dos  intereses  dunha  poderosa minoría  oligárquica  empeñada,  en  nome  da  ilexítima  débeda e da “unidade de mercado”, na precarización e españolización definitivas de Galiza.  Estamos perante un momento decisivo para configurarmos o futuro: o vello está a morrer e aínda non  agromou o novo. Todos os días afrontamos unha loita decisiva entre o poder económico de banqueiros,  especuladores e grandes empresarios que contan coa complicidade dos partidos do réxime, e nós, a maioría do pobo traballador na defensa dunhas condicións de vida dignas. Esa loita require da suma de forzas e  esforzos partillados para construírmos un futuro distinto e mellor para o noso pobo; pobo que se achega a  esa loita necesaria cos “poderes da fouce i-os poderes da frol/ os poderes do traballo, do pranto e do pan”, á  loita xerminal que aventurou o verso de Lorenzo Varela.
Facemos un chamado ancorado na razón emancipatoria á cidadanía consciente deste país e ao conxunto  das forzas sociais e políticas e ao sindicalismo de clase do país, a esa inmensa maioría que vive do seu  traballo, a se mobilizar nunha primeira acción pública que afirme a determinación e vontade de producir de  xeito compartido un novo marco político, social e cultural, que acubille a toda a sociedade galega e permita o  despregue de todas as capacidades e potencias que posuímos e que se atopan hoxe en día lastradas por un  réxime político e social esgotado e que non é quen de garantir condicións de vida digna á maioría da sociedade, condenando á pobreza a máis de medio millóns de galegas e galegos.
Hoxe en día cómpre artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os  nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo, de xeito que non teñamos  que emigrar para gañar a vida, que non sexa posíbel sufrir un  desafiuzamento, que as mulleres e homes
que viven e traballan en Galiza, con independencia  da  súa  situación  administrativa,  teñan acceso libre aos servizos públicos da  nosa sociedade. Non haberá dereitos, liberdades  e  soberanía  nacional  galega  se  non sobardamos os estreitos e antidemocráticos muros deste réxime e damos carta de  natureza ás prácticas da democracia participativa  e  directa. Cando  se  afasta  o  pobo,  o  baleiro  ocúpano  os  intereses  do  capital.
Cando o común enche as rúas, gaña o interese xeral e o ben público. Para  sermos  máis,  e  maioría,  na  tarefa  de  construír unha Galiza soberana de iguais en  liberdade,  convocamos  a  cantas  persoas  e  entidades acreditan na urxencia e importancia  de artellarmos un espazo plural e partillado de  acción  política  e  loita  social  que  rescate  os  poderes públicos do secuestro que sofren polo  capitalismo  da  globalización  ultraliberal  e  permita o exercicio da dignidade, da xustiza e  da plena soberanía nacional ao pobo galego.