ORGANIZACIÓNS DO ÁMBITO SOCIAL, POLÍTICO E SINDICAL CONVOCAN UN GRANDE ACTO PÚBLICO O 17 DE SETEMBRO EN SANTIAGO CONTRA A REFORMA DA CONSTITUCIÓN

Galiza, pola Soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude 

Distintas organizacións do ámbito social, político e sindical de Galiza convocan un grande acto público o 17 de Setembro en Santiago de Compostela para expresar o seu rexeitamento á reforma da Constitución española.
As entidades convocantes son a CIG, a Organización Galega de Montes en Man Común, o BNG, Adega, FRUGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a AS-PG, Galiza Nova, os Comités e a Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos.
O acto vaise realizar na Praza da Quintana apartir das 18 horas.
A convocatoria é unha convocatoria absolutamente aberta á participación de todas as cidadás e os cidadáns e a aqueles colectivos sociais que se queiran engadir e que se sintan identificados cos principios que moven ás organizacións convocantes.
O lema baixo o cal vaise realizar este acto é Galiza, pola Soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude.
As organizacións convocantes partillan a idea de que a reforma da Constitución pactada polo PP e polo PSOE atenta contra os principios básicos da Democracia -ao non ser consultado o pobo en referendo- e representa unha agresión sen precedentes ao autogoberno, para alén de significar a constitucionalización das políticas neoliberais e os recortes sociais.

Non a esta reforma da Constitución!


A reforma pola vía de urxencia da Constitución española para fixar un límite ao déficit público representa un atentado sen precedentes á Democracia no Estado español e proba que estamos a viver unha grave crise de lexitimidade do propio sistema de representación político.
Sen ningún debate público e sen ningunha participación popular, PP e PSOE -que aquí actúan como un goberno de coalición na sombra- pretenden constitucionalizar o limite ao déficit público, un dogma da política liberal, de xeito que esta se converte na única política posíbel e todas as demais -as políticas alternativas, as que defenden os intereses das maiorías sociais e das nacións como Galiza- ficarían fóra da legalidade constitucional.
A dereita económica e política é a responsábel da dupla crise que sofremos, a da Democracia e a da Economía. Pois ben, esa dereita económica e política é a única que sairía reforzada con esta reforma, que por suposto acabaría significando unha menor presenza do sector público na economía. Estaríamos ante o paradoxo de que unha crise producida polo dominio dos ultraliberais reforzaría aínda máis o propio ultra-liberalismo. Aquí habería gañadores e perdedores. Os gañadores, o capital financeiro que está detrás das posición políticas liberais. Os perdedores, as maiorías sociais e os países como Galiza que precisan doutras políticas para saír da crise.
A reforma fai virtualmente imposíbel que as comunidades autónomas podan avanzar cara á autonomía fiscal.
Isto no caso de Galiza é especialmente grave ao sermos un País con enormes déficits nos equipamentos públicos. Os retallamentos nos servizos esenciais -educación e sanidade- estarán á orde do día e ademais con coartada constitucional.
Durante máis de 30 anos, as e os nacionalistas tivemos que aturar os máis duros cualificativos simplesmente por demandar unha reforma democrática da Constitución nun sentido positivo, o que decorrería do recoñecimento da existencia de distintas nacións, Galiza entre elas, no conxunto do Estado.
Os partidos estatais utilizaban a Constitución como un Tótem e á vez como unha arma arreboladiza contra aqueles que simplesmente defendiamos os nosos dereitos nacionais.
A Constitución semellaba intocábel. Mesmo se nos advertía da existencia dun artigo que prevía a intervención do Exército para manter a integridade territorial do Estado.
Pois ben, todas esas resistencias viraron en pó no momento en que os amos de Europa decidiron impulsar esta reforma neoliberal que agora se nos apresenta como inaprazábel, demostración de que a Constitución de 1978 só era intocábel para os pobos e non para os poderosos.
PP e PSOE pactan esta reforma porque partillan en esencia o proxecto liberal. Están de acordo en que a política económica fique fóra do debate político e que, portanto, se estabeleza como dogma o paradigma do limite ao déficit. Están de acordo tamén en asumir que os desexos do eixo franco-alemán -a reforma constitucional vén ditada directamente por Sarkozy e Merkel- son ordes para o resto dos Estados da UE. Nunca como agora ficou máis claro que a UE é unha estrutura política vertical e xerárquica, ao servizo dos intereses do capital financiero transnacional.

En conclusión, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:
1. Amosar o máis firme rexeitamento á proposta de reforma exprés da Constitución española, tanto por cuestión de fondo como de forma. De fondo, porque estamos ante unha reforma sectaria e partidista, que pretende sacralizar como a única política económica aquela que interesa ao capital financiero transnacional. E de forma, porque estamos ante unha reforma exprés que, sen ningún debate público, se pretende consumar cuase como se fose un asunto de trámite.
2. Expresar a vontade do BNG de promover un amplo debate social sobre os demoledores efectos que tería sobre a economía e a sociedade de Galiza a constitucionalización da política económica liberal, claramente contraria aos intereses da inmensa maioría das galegas e dos galegos e ao dereito da nosa nación a dispor libremente do seu futuro.
3. Defender que os pobos do Estado español, a comezar polo galego, se podan pronunciar en referendo a respecto desta proposta de reforma.