NA EMIGRACIÓN "GAÑA SEMPRE O PARTIDO QUE CONTROLA O APARATO ESTATAL"

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o voto do CERA (Censo Residentes Ausentes) continúa a ser un “escándalo antidemocrático” e salienta que na emigración “gaña sempre o partido que controla o aparato estatal”.

“Non é moi presentábel en termos democráticos que sistematicamente o partido que controla o aparato do Estado no exterior sexa o que arrase nas eleccións na diáspora. Antes o PP, agora o PSOE. Cambia o poder no Goberno, cambia automaticamente a correlación de forzas entre os dous partidos estatais. Iso non é hixiénico nen moi apresentábel. Iso indícanos até que ponto se trata dun voto condicionado polo poder, un voto emitido en condicións que non son de recibo”, afirma o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera.

Estamos perante unha nova edición dun auténtico escándalo antidemocrático. Os responsábeis de que continúen a chegar sobres con votos de persoas que xa faleceron son o PP e o PSOE por se negaren a modificar a lexislación electoral e por non teren a vontade política suficiente para darlle dignidade ás condicións en que se exerce o dereito ao sufraxio desde o exterior”, considera o deputado electo do BNG ao Congreso. “Está claro que non reformaron a lei porque uns e outros se teñen beneficiado dela sen o menor escrúpulo e a sabendas de que garante todo tipo de irregularidades”, engade.

O BNG vai facer valer os seus “votos decisivos” en Madrid para que isto mude de vez na nova lexislatura estatal. “Imos condicionar calquera hipótese de colaboración co PSOE á hora de formar maiorías parlamentares a que se revise a lexislación electoral de xeito que se garanta a limpeza de todo o proceso de votación do CERA”.

A reforma –que non só debe traducirse na depuración do censo e en que se vote en urna, senón que tamén debe entrar a determinar o alcance do dereito ao sufraxio- debe producirse durante a próxima lexislatura. “Non podemos tolerar que este escándalo antidemocrático dure un minuto máis”, afirma Jorquera.