Desemprego, corrupción, recorte de dereitos…Cal é a túa razón para manifestarte o 15-S?



Manifestación Por unha patria soberana, o domingo 15 de setembro ás 12.00 na Alameda de Santiago de Compostela.

O BNG chama a toda a militancia e ao conxunto da cidadanía a dar unha resposta social contundente convertendo a manifestación do 15 de setembro nun gran acto de protesta contra as políticas do PP que colocaron a Galiza ao borde do colapso.
Sobran as razóns para dicir “basta xa” ao desgoberno dun PP que non ten alternativa para o país e que goberna para os lobbies empresariais madrileños, os mesmos que o financian de xeito ilegal.
Desemprego, desigualdade, empobrecemento: A taxa de desemprego é do 23%, 50% se falamos de paro xuvenil, 92.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e só no último ano Galiza perdeu 33.000 empregos, sen esquecer a sangría da emigración. Ao recorte das pensións, súmase agora a persecución fiscal de Facenda cos emigrantes retornados. Para o BNG a prioridade é combater a crise, porque medran as desigualdades, cada vez somos máis pobres e aumenta o risco de exclusión social, e para facelo con eficacia precisamos máis soberanía, dito de outro xeito, precisamos poder tomar as decisións que máis conveñan aos intereses do país e da xente do país.
 Sectores produtivos están exhaustos, acosados polas limitacións e as regras de xogo impostas pola UE e polo Estado español, contrarias aos intereses do noso naval, do agro, do sector pesqueiro, enerxético e dos nosos recursos naturais, que o PP quere entregar ás multinacionais depredadoras. Con capacidade política real é posible darlle a volta a gobernar a favor dos nosos sectores produtivos.
Espolio financeiro: Galiza precisa unha banca pública que financie á nosa economía, aos emprendedores, as familias. O BNG propón converter NGB nesa banca galega, pero o PP aposta por consumar o espolio definitivo do aforro do país. Como explicarlle aos galegos que se regala NGB a gran banca española ou se malvende a un fondo especulativo tras tapar os buratos da entidade con 9.000 millóns de € aos que hai que sumar os 600 millóns estafados polas preferentes? Tamén para isto precisamos soberanía, para que non decida o FROB por nós, coa complicidade do PP.
Defensa dos servizos públicos: a crise como coartada ideolóxica para recortar a sanidade, a educación, o investimento en I+D+i, as prestacións sociais precisamente cando máis se necesitan. Consecuencias, suben as listas de espera, ponse contra as cordas a calidade sanitaria, suben as taxas universitarias e baixan as becas deixando fora aos fillos das familias con máis dificultades.
Corrupción e falta de democracia dun PP absolutamente deslexitimado, que cobra sobresoldos en negro e financiado ilegalmente por grandes empresas con sede en Madrid a cambio de colocar o BOE ao servizo dos seus intereses, mentres no Parlamento galego rexeitan dar explicacións sobre o espolio das caixas, a traxedia ferroviaria de Angrois ou agachan a documentación dos contratos con narcotraficantes convictos.
É preciso rebelarse, por necesidade e por dignidade, e facelo reclamando a soberanía de Galiza, porque non se trata dun capricho ideolóxico, senón da chave para saír da crise, para desenvolver o país, para conquistar a xustiza social e reconstruír a democracia. Sobran motivos para participar a manifestación do 15-S. Só tes que elixir cal é o teu.

O BNG rexeita a posíbel agresión imperialista contra Siria

A dirección do Bloque Nacionalista Galego, ante a posíbel e inminente agresión imperialista contra Siria, desexa transmitir a opinión pública as seguintes consideracións:
1. O BNG rexeita esta intervención militar e aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos sempre no marco do respecto á soberanía dos pobos.
2. Máis unha vez asistimos á fabricación dunha mentira non probada para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que nos lembra ao engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Mentres tanto asistimos xa á perda de vidas humanas e a unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e sobre o que exiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.
3. Para alén de ser reprobábel e inxustificábel, esta nova agresión imperialista é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional. Supón, pois, unha actuación unilateral dos EEUU xunto con algúns socios da OTAN, que queren demostrar a súa supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén.
4. O BNG exixe que o Estado español non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar que, de se producir, só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado e pon de manifesto a falta de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos pobos.
5. Finalmente, o BNG fai un chamamento á cidadanía galega para, caso de se producir o ataque de xeito inminente, concentrarse nas vilas e cidades do noso país de maneira inmediata (arredor das 20:00 horas) para demostrar o seu rexeitamento desta agresión e berrar con forza NON Á GUERRA.

Acto en defensa dos emigrantes retornados

O BNG de Lugo Sur organiza en Monforte un acto  informativo destinado a todas aquelas persoas afectadas e interesadas polos requirimentos que se están enviando dende a Axencia Tributaria Española aos emigrados e emigradas e que perciben pensións dende outros países.


Nestes requirimentos, a Axencia Tributaria Española, avisa de posíbeis sancións, mentres aos auténticos defraudadores fiscais concédeselles a amnistía dende o Goberno español. O BNG organiza esta asemblea informativa xa que as afectadas e afectados descoñecían estas obrigas tributarias. Consideramos que esta decisión é inxusta e o feito de impoñer sancións é inmoral por que afecta a un colectivo que percibe pensións baixas despois de traballar toda unha vida. Agora a Facenda do estado español obriga aos afectados e afectadas a facer unha declaración dos ingresos percibidos dende o ano 2008 e pagar a totalidade resultante nun prazo de 10 días.