A CÁMARA GALEGA RESPALDA UNHA PNL DO BNG PARA RECLAMAR DO MINISTERIO DE INDUSTRIA A COBERTURA TOTAL DA BANDA LARGA ANTES DE FIN DE ANO

O Parlamento galego aprobou unha iniciativa do BNG para instar á Xunta a dirixirse ao Ministerio de Industria para dar cumprimento a obriga legal deste departamento de achegar a extensión da banda larga (PEBA) a toda a poboación galega antes do 31 de Decembro deste ano.

A Cámara respaldou unha proposición non de lei nacionalista, logo de ser transacionada con enmendas do PP e o PSdeG, pola que tamén se demanda que a calidade do servizo do PEBA sexa igual para as zonas rurais que o servizo ofertado no ámbito urbano, é dicer, con largos de banda de 1,3 ou 10 MB e, en ningún caso, inferior a 1 Mb.

Asemade, o texto aprobado tamén fai referencia a que o prezo que se ofreza dentro do PEBA sexa igual ao que se ofrece nas zonas urbanas e que se estableza só atendendo ás prestacións recibidas.

Blanco Parga recoñeceu que a situación é mellor que no 2003 mais considera que é preciso pór de manifesto as insuficiencias actuais, pois en Xaneiro desta ano, segundo os seus dados, Telefónica –adxudicataria do Plan en Galiza- recoñeceu que aínda quedan sen cobertura nesta País 1.764 núcleos.

O deputado explicou que esta cifra, ademais, é algo “ficticia”, pois hai que analizala tendo en conta que para Telefónica un núcleo está cuberto cando afecta ao 80 por cento da súa poboación, polo que fica arredor do 20 por cento sen posibilidade de contratación de Internet, concretamente o 24 por cento en A Coruña, o 16 por cento en Lugo, o 12 por cento en Ourense e o 23 por cento en Pontevedra.

Para o parlametar do BNG, aos problemas de cobertura hai que engadir os de calidade, onde tamén hai eivas que cómpre correxir, pois as tecnoloxías empregadas: ADSL Rural, Wimax e Satélite dan un servizo de 512 Kb no cado do ADSL rural e só de 265 KB coas outras tecnoloxías.
“Como se pode comprobar –dixo- este servizo dista moito do que se dá nos núcleos urbanos, onde é posíbel contratar 1 MB, 3Mb, 6MB e mesmo 10Mb, e tamén nos prezos hai diferencias importantes”.

Blanco Parga lembrou que no século XXI Galiza non se pode quedar atrás nas infraestructuras de comunicación, que tamén son fundamentais para o desenvolvemento, polo que considera que o Ministerio, xa que ten competencias plenas, mude substancialmente criterios e requisitos técnicos e de prezos.