O abandono do Parque Infantil do entorno da Debesa

O estado actual do parque infantil do entorno da Debesa e da Casa do Concello dista moito do que esixe a normativa a respecto destes Parques.
A normativa esixe que o Concello ten que facer unha supervisión e un mantemento destes parques periódicamente polo que chama a atención o estado actual do parque.
A limpeza do mesmo é inexistente, xa que a zona do acolchado está chea de area e malas herbas do entorno.
Os columpios están a punto de desmontarse co conseguinte perigo para os nenos e nenas usuarios do parque, e ademais a area do entorno está chea de cristais.

Desde o BNG esiximos que se faga unha revisión polo miúdo do parque, e que se garantice o mantemento e a limpeza periódica do mesmo.



Acto en Currelos sobre a reforma da PAC e as cuotas do leite

Nas próximas datas vaise proceder a aprobación de diversas medidas relacionadas coa aplicación do paquete lácteo no estado español. Como se pode comprobar esta serie de medidas teñen unha importancia crucial en Galiza, debido o peso que este sector ten no noso pais, representando máis do 60% do total das explotacións do estado español.
Dada a importancia do sector lácteo na economía do noso concello o BNG celebrará unha charla informativa o próximo xoves 26 de marzo ás 17h no local sociocultural de Currelos para falar da PAC e de como quedan as cuotas do leite.

Contaremos con información de primeira man por parte da deputada Tereixa Paz e da representante do BNG en europa Ana Miranda que participou activamente na defensa so sector lácteo galego no Parlamento Europeu durante as negociacións da Política Agraria Comun.


Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita


Hoxe, 8 de Marzo, as mulleres galegas non quedamos caladas ante a discriminación. Alzamos a nosa voz para reinvindicar os dereitos que, dende sempre, unha sociedade patriarcal na que vivimos nos nega. 
De novo ocupamos xuntas as rúas, para amosar que seguimos e seguiremos unidas na loita polos nosos dereitos, para acadar plena autonomía e liberdade, para conseguir unha cidadanía que non teña que ver coas imposicións normativas ou cos estereotipos que actualmente nos encorsetan. 
Xuntas denunciamos o brutal retroceso dos dereitos laborais. O ano 2014 foi pésimo en materia de emprego; outro máis caracterizado pola perda de emprego feminino e polo intenso deterioro das condicións laborais das que aínda manteñen o seu posto de traballo. Un proceso de destrucción de emprego que supón que nos últimos 5 anos se perderon en Galiza 50.900 postos ocupados por mulleres. 
Na mesma liña dos anos anteriores, o emprego a tempo parcial obrigado e non escollido, aumentou nas mulleres. 
Hoxe en Galiza unha de cada catro mulleres ten un contrato, salario e futuras prestacións parciais. Este dato é especialmente grave nas mulleres máis novas, ás que o goberno deste país ofrece dúas saídas: a emigración ou unha vida marcada pola temporalidade e a parcialidade. 
Vidas parciais, recortadas, precarias, mulleres que abandonan a expectativa de atopar un emprego despois de anos agardando un traballo nun mercado cada vez máis masculino, onde as mulleres e toda a carga asociada a maternidade e os coidados, considéranse un “problema de producción”. Fenda salarial, recortes de prestacións, de servizos e de garantías sociais, de dereitos sexuais e reprodutivos, constitúen un modelo de sociedade onde a desigualdade aumenta entre ricos e pobres e entre mulleres e homes. 
Hoxe, 8 de marzo, tamén xuntas, denunciamos a progresiva privatización e os recortes nos servizos públicos: sanidade, educación, servizos sociais e atención á dependencia que repercuten nas familias e nos sobrecargan as mulleres. E os continuos ataques ás políticas de igualdade impedíndonos o exercicio dunha sexualidade libre e diversa e limitando ós servizos e as axudas para a erradicación das violencias machistas. 
Por isto, reclamamos un Estado Laico e unha educación afectivo-sexual non determinista e igualitaria que garantan o libre desenvolvemento das nosas identidades e o incuestionable dereito a decidir sobre os nosos corpos, sexualidade e maternidade, sendo obrigación do Estado
Esta avalancha de recortes económicos, políticas de axuste e restrición de dereitos son unicamente unha escusa para dar reforzo e fixación cada vez máis o patriarcado, froito dun sistema capitalista de absoluta dominación masculina que se apropia dos nosos corpos e das nosas vidas, os somete, explota e controla. 
Cada ano incrementase o número de mulleres que sufrimos esta violencia nas súas expresións máis extremas, o maltrato, a violación, o asasinato. Cada vez é máis necesario o compromiso de toda a sociedade coa loita feminista e a garantía por parte dos poderes públicos dunha vida libre de tódalas violencias machistas. 
Os cambios impulsados e as vitorias logradas polo movemento feminista permitironaunha maior participación da muller no ámbito social, laboral, político, económico, cultural; romperon coa discriminación e exclusión; espertaron o silencio e alzaron a voz ante a inxustiza. 
Pero aínda queda moito camiño por percorrer, un camiño con moitos obstáculos, que comprometémonos a percorrer xuntas esixindo os nosos dereitos. Dereitos que teñen que ser respetados, defendidos e garantidos para todas as mulleres do mundo como parte integrante e indivisible dos Dereitos Humanos. 
Hoxe, 8 de marzo, denunciamos o trato que os Gobernos do PP dan ás políticas de igualdade, limitando os nosos dereitos e decidindo sobre o noso corpo. A publicidade que segue promocionando ao sexismo; a violencia machista, que afoga, condiciona, limita, oprime e mata. 
Loitemos e avancemos na igualdade de oportunidades, participación e toma de decisións, rompamos cos falsos estereotipos que relegan a muller a un papel secundario, reivindiquemos os nosos dereitos e non demos nin un paso atrás en políticas de protección e promoción. 
Non calarán os nosos berros de loita, seguiremos en pé con máis forza ca nunca. 
 Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita!

O entorno do Campo de Futbol de Currelos convertido en vertedeiro

O Concello do Saviñao habilitou hai un tempo un lugar no entorno do Campo de  fútbol de Currelos para que os labregos e labregas da zona depositaran os plásticos agrícolas.
A deixadez do goberno municipal fixo que este lugar se convertira nun "vertedeiro incontrolado" onde se poden atopar todo tipo de residuos perigosos.