“Votar BNG é votar por Galiza”, afirmou Guillerme, “para que Galiza teña peso, para facernos respectar e facer políticas xustas. É votar pola reforma fiscal xusta, por unha banca pública, polo traballo, pola democracia”.

O líder nacionalista denunciou que Rajoy non fala de reformas fiscais pero xa anuncia que baixará os impostos ás rendas altas “e non tardará en subir o IVE, que grava a todos e todas por igual”.
Fronte a estas políticas, o portavoz nacional chamou ás máis de 200 persoas asistentes a apostar pola “alternativa galega e de esquerdas que é o BNG”.
Lembrou tamén o líder nacionalista o aniversario da catástrofe do Prestige e enfatizou que “os dirixentes do PP durante esta catástrofe foron de caza, outro de viños e outros, como o señor Rajoy, viron hilillos de plastilina, mentres os galegos e as galeas viamos unha marea negra”.
O líder do BNG advertiu de que “ou votamos BNG ou gaña a dereita. Ao PP non lle doe que non se vote ou se vote en branco, dóelle o voto ao BNG. Non votar é inútil porque non cambia as cousas”.
MARÍA XOSÉ VEGA
Pola súa banda, a cabeza de lista por Lugo, María Xosé Vega, chamou a todos os monfortinos e monfortinas a apoiar ao BNG e advertiulles de que “Rajoy trata aos electores como se fosen nenos. Di que van ser felices, pero quere que teñan a felicidade da ignorancia e por iso non lles conta o que vai facer”.
A candidata nacionalista criticou duramente a “non xestión da Xunta” e reclamou que se faga co 51% de Novagalicia banco ao tempo que insistiu en que, “se usan os cartos de todos para salvar os bancos, non se pode deixar a xestión en mans de quen os levou ao desastre”.
A cabeza de lista por Lugo insistiu en que, ao contrario do que afirma Rajoy, “hai que cambiar as políticas non só ás persoas, porque coas políticas de dereitas do PP non vai mellorar nada”.