Guillerme Vázquez reclamou esta mañá nun encontro con representantes do sector agrogandeiro en Lugo políticas xustas para o sector agrogandeiro galego, castigado durante tantos anos e perguntou “por que se non se dan axudas directas a este sector igual que se dan millóns de euros á banca?”.
O líder nacionalisra dixo que a chave para que o sector teña futuro é “a súa defensa política” e insistiu en que só está garantida da man do BNG.
"Coas políticas de PP e PSOE o único que podemos facer é convertir o rural nunha especie de gran safari"O portavoz nacional fixo un repaso polas políticas de PP e PSOE neste eidoque “entregaron o sector agrogandeiro como se fose a cabeza do Bautista”, mentres o BNG “cre neste sector como estratéxico porque cremos en Galiza e nos galegos”.
“Defendimos o sector en solitario, mentres nos dicían que era antigo e obsoleto”, continuou, “pero é tan moderno facelo na Galiza como en Dinamarca”.
Guillerme explicou que a orixe dos problemas debemos buscala na integración española na UE, momento en que “PP e PSOE non pelexaron por modificar as condicións”. Como consecuencia disto chegamos á situación actual sobre a que o portavoz nacional se preguntou “por que os gandeiros galegos cobran prezos máis baixos que a media estatal e europea? Por que non se dan axudas directas ao sector mentres se dan centos de millóns á banca?”
O líder nacionalista dixo que a Ministra e o Conselleiro do ramo “teñen que explicar por que nin sinten nin padecen ante esta situación”, ao tempo que salientou que “chegar Feijóo e baixar os prezos foi todo un”.
“Segundo un estudo publicado hoxe, o 60% da poboación considera negativa a xestión do goberno Feijóo”, revelou Guillerme, “se é así, a única posibilidade é votar alternativa galega e de esquerdas”.
No coloquio posterior cos gandeiros e agricultores, Guillerme defendeu políticas alternativas e ironizou afirmando que coas políticas de PP e PSOe “podemos convertir a Galiza e o seu rural nunha especie de gran safari”.
MARÍA XOSÉ VEGA
A cabeza de lista por Lugo destacou o papel que xogará o vindeiro goberno do Estado na negociación da PAC (Política Agraria Común) e salientou a importancia de que o BNG teña forza en Madrid para lle dar a volta á situación actual na que en tres décadas Lugo perdeu o 15% da poboación e pode perder aínda un 5% até 2019.
“Mil explotacións lácteas pechan todos os anos en Galiza”, explicou, polo que reclamou o apoio ao BNG para presionar nas vindeiras Cortes estatais. “Xogámonos, por exemplo, 5.000 ME en axudas, explicou. Na actualidade, recibimos o 3% do total, mentres o sector supón o 10% do sector no Estado”.
Para conseguir cambiar esta situación, a candidata nacionalista destacou que “nin PP nin PSOE teñen unha soa proposta no seu programa electoral, pero o BNG si”. A primeira delas é crear un fondo lácteo de 150ME para sufragar as explotacións que teñen que pagar préstamos para sufragar a cuota que teñen. A segunda consiste en desgravacións e axudas fiscais. Con estas medidas, tal e como salientou, “queremos apoiar o rural porque os problemas do País son os problemas do BNG”.