"Somos a única forza alternativa con opcións de ter representación en Madrid para defender Galiza e un cambio de esquerdas"

“A campaña ten demostrado que se o BNG está, Galiza está; e se o BNG non está, Galiza non está”



 

 Lugo, 16 Novembro 11. O líder do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este serán no mitin de Lugo que “somos a única forza alternativa con opcións de ter representación en Madrid para defender a Galiza e un cambio de esquerdas”.
Está cada día máis claro que o PP só ten medo a unha cousa: a que votedes BNG. Todo o demais non lle importa. Non lle importa a abstención. Non lle importa o voto en branco. O voto nulo. O único voto que lle doe ao PP é o voto ao BNG”, salientou Guillerme.
O portavoz nacional chamou a concentrar “o voto galego e de esquerdas” nas candidaturas do BNG.
“Somos o voto verdadeiramente útil nesta campaña. Útil para que Galiza teña voz propia en Madrid. Útil para empurrar na dirección dun cambio de esquerdas. Útil tamén para ir rexenerando a democracia, para a facer máis participativa, máis real”, dixo.
Reflectiu Guillerme sobre o desenvolvimento da campaña, que enfrenta xa o sprint final. “As cousas están moi clariñas: ou BNG ou PP. Non hai máis. Ou se opta por máis do mesmo, por continuar coa política dos recortes, ou se aposta polo cambio de rumbo galego e de esquerdas que representa o Bloque Nacionalista Galego”.
A campaña tamén puxo de manifesto que “se o BNG está, Galiza está e que se o BNG non está, Galiza non está. Vístelo no debate bipartidista e viuse tamén en multitudes de debates esta lexislatura quer no Congreso quer no Senado. Quen fala de Galiza nas cámaras se non é o BNG? Quen defende os nosos intereses se non é o BNG?”.
Todo apunta a que o 20-N Catalunya e Euskadi incrementarán a súa representación directa no Parlamento do Estado, terán máis peso político e, portanto, se situarán “en mellores condicións” para saír da crise. “Debemos tomar nota e actuarmos en consecuencia. Debemos dar máis forza a Galiza en Madrid e iso pasa necesariamente por dar máis forza á representación do BNG nas Cortes Xerais do Estado. Necesitamos máis Jorqueras, máis Olaias, máis Pérez Bouza!”.
RAJOY É O RECAMBIO, PURO CONTINUISMO
Descualificou o lema eleitoral do PP, Súmate ao Cambio. “Cambio? O PP non representa ningún cambio. Rajoy non é o cambio, é o recambio. É puro continuismo. Que política económica vai facer Rajoy? Pois a que pactou co PSOE ao reformar a Constitución sen referendo. A política económica que consiste en antepor o pagamento da débeda á criación de emprego. A política económica que pon o acento en coidar dos intereses da banca, no canto de coidar dos intereses da xente”.
O cambio real non pasa polo PP, senón polo BNG. “O BNG si que representa o cambio, un cambio de rumbo galego e de esquerdas. E necesitamos o cambio como respirar. Non podemos continuar nin un minuto máis así. Non podemos continuar facendo políticas que só favorecen os especuladores e que destrúen miles de postos de traballo”, dixo.
Un cambio de rumbo galego que fixe como prioridade o desenvolvimento dos sectores produtivos do país. “Pero alguén pode pensar que se pode criar emprego se non se dá un impulso decidido ao sector lácteo, á pesca, ao naval, ás pequenas e medianas empresas, aos autónomos?”, perguntouse Guillerme, quen salientou que o tecido empresarial galego, basicamente conformado por pemes, é a principal vítima das políticas de dereita que desenvolveron PSOE desde o Estado e PP desde a Xunta.
“Para sobreviver, as pemes necesitan que haxa un alto nível de consumo e que o acceso ao crédito sexa doado. Pois ben, coas políticas de dereita, nin unha cousa nin a outra! Non se consome porque os salarios son baixos e a xente ten medo a perder o traballo, e non hai crédito porque os bancos destinan o capital non a financiar empresas, senón a especular coa débeda”, engadiu.

MARÍA XOSÉ VEGA
Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, María Xosé Vega, atacou con dureza ao PP por “estar ao servizo de intereses distintos dos da cidadanía, como se demostrou cando no Parlamento galego negou a comisión de investigación que lle pediu o BNG para depurar responsabilidades polas insultantes indemnizacións que se levaron os directivos das caixas. O PP prefire tapar todo cando curiosamente, a fiscalía anticorrupción si que vai a emprender o camiño que nós demandabamos”.
“Pouco a pouco imos descubrindo a axenda oculta do PP e de Mariano Rajoy, o mesmo que antes se queixaba de que o estado español era un protectorado da UE pero que agora xa fala por teléfono con Merkel para pedirlle papas e instrucións”, afirmou María Xosé Vega. “O PP está cheo de patriotas de folla de lata que atacan as peticións de autogoberno de cataláns, vascos ou galegos pero que non dubidan en axeonllarse ante os poderes económicos doutros países”, engadiu.
A candidata do BNG por Lugo solicitou o voto para o nacionalismo galego “porque somos a única alternativa útil, que loitará polas nosas infraestruturas, polos nosos sectores produtivos e polos nosos servizos sociais, coa mente no emprego e nas persoas, non nas regras da especulación”.