Manifestación histórica en defensa da lingua

"Agora tócalle a Núñez Feijoo mover ficha", dixo Carlos Callón ao remate dunha manifestación histórica e masiva que reuniu en Compostela a ducias de milleiros de persoas, "non menos de cincuenta mil". Parece que neste 17 de maio vén de comezar unha batalla para defender os dereitos dos galegofalantes a usar a súa lingua, unha batalla que durará moito e que terá episodios intensos, na rúa, nos medios e nas institucións. "O importante é que esta mensaxe lle chegue ao presidente da Xunta, e que se decida a cumprir a lei. Agora tócalle mover ficha ao señor Núñez Feijoo, e estaremos moi atentos nos vindeiros meses, e se non modifica a súa actitude, volveremos saír á rúa, e xa non será na Quintana, senón no Obradoiro. E non imos dar nin un paso atrás" advertiu Callón.


Choveu, escampou, volveu chover e mesmo brillaron raiolas de sol nesta mañá en Compostela. O tempo parecía aquel poema de Xosé María Díaz Castro de Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Un pouco como a normalización da lingua, ameazada dende a vitoria do PP no 1 de marzo polas ameazas de Núñez Feijoo que cumprir os compromisos adquiridos con grupos de presión como Galicia Bilingüe, como por exemplo anular o decreto do ensino aprobado pola Xunta bipartita. Xente, moita xente, tanta que as peaxes da AP9 sufriron retencións de máis dun quilómetro na entrada de Santiago, e tanta que cando a manifestación estaba chegando á Quintana, aínda había moita xente que non saíra da Alameda. Nenos, moitos nenos, que abrían a marcha e que foron os grandes protagonistas até que comezaron os discursos.


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou o acto como "un aviso de milleiros de persoas que lle din ao PP que ten que dar marcha atrás nesa política de acabar definitivamente co idioma galego", polo que lle pediu ao PPdeG que "modere esas posicións radicais que adoptou desde un primeiro momento".