Guillerme Vázquez: "se a banca e o sector do automóbil reciben axudas, por que llas negan ao sector lácteo?"



Reunión da delegación do BNG cos representantes de AGACA


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe a “falla de acción política das distintas administracións” para defender ao sector lácteo galego ante a “dramática situación” que está a sufrir. “Da a sensación –criticou- de que tiraron a toalla escusándose en que estamos no libro mercado e que a Unión Europea impide dar axudas ao sector”.

Guillerme Vázquez fixo estas declaracións en rolda de prensa tras manter unha reunión coa directiva da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), que lle transmitiu a crítica situación que está a atravesar un sector que “constitúe a espiña dorsal do agro galego”.


“Se se dan axudas á banca e ao sector do automóbil, con máis razón se lle deben dar aos agricultores”

A este respeito, Guillerme Vázquez afirmou que “para calquera cidadán é moi difícil de entender que, cos impostos de todos, se lle estean a dar miles de millóns á banca, causante en parte da crise, e ao sector do automóbil e sen embargo se diga que aos productores lácteos non é posíbel darlles axudas”.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG subliñou que “é o Goberno Central e o da Xunta de Galiza a quen lles corresponde cambiar o chip respecto á defensa do sector lácteo na UE”. En concreto, subliñou que “non é de recibo que moitos estados a UE sexan excedentarios en cota láctea, mentres que o Estado español é claramente deficitario”, unha marxinación que provoca “fortísimos desequilibrios no mercado que levan á situación actual”.

“Pódese regular para cambiar en positivo a política agraria europea se hai vontade política, porque tamén a Unión Europea regulou para impedir a ASTANO construír barcos ou para reducir as cotas de pesca da nosa flota”, incidiu.

O portavoz nacional do BNG concluíu subliñando que “hai que cambiar a política agraria na UE para que deixe de estar ao servizo das grandes corporacións e para que a xente poida vivir dignamente do traballo na terra”.