"Debemos saír desta Asemblea coma un só BNG"


O novo portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, deu o seu primeiro discurso ante o pleno da Asemblea Nacional, no que enfatizou que “unha vez que conclúe o debate actuemos ante a sociedade unidos como un bloque, como un só BNG”. “Así nos quere ver a sociedade galega e así nos vai ver apartir de agora, porque todos e todas somos o Bloque Nacionalista Galego”, asegurou.
Así mesmo, Vázquez asegurou que esta era “a Asamblea máis participativa da historia do BNG”, na que os militantes nacionalistas debateron a liña política a seguir. “Aquí non sobra ninguén e aínda fala moita xente”, afirmou, e asegurou que “os afiliados e afiliadas deben ser actores do BNG”.
Guillerme Vázquez amosouse convencido de que “entre todos conquistaremos a unidade, a lealdade e a confianza dentro do BNG, que segue sendo a mellor ferramenta para conquistar a emancipación social e nacional de Galiza”.


Tempos difíciles
“Vivimos tempos difíciles para o noso país e para o conxunto da humanidade”, asegurou Vázquez, quen criticou a ideoloxía implantada na “revolución conservadora de Reagan e Thatcher”, segundo a cal “a globalización vai traír a felicidade a toda a humanidade, co mercado convertido nun deus, nun becerro de ouro ao que adorar, no que o mellor sector público era o que non existía”.
Nesa liña, explicou que “vinte anos despois, esa política está hoxe en bancarrota e levou ao mundo á peor crise desde o 1929”. Criticou, xa que logo, a idea da fin das ideoloxías e lembrou que o imperialismo segue funcionando, “ocupando nacións soberanas, como Iraq, ou Afganistán, e negando os dereitos de pobos como o palestiniano, o sahariano”
Así, asegurou que o nacionalismo propón un modelo alternativo ao neoliberal, que defenda os dereitos dos traballadores e aposte pola economía produtiva.
De cara ao goberno central, Vázquez afirmou que o BNG estará disposto a apoiar o goberno central sempre cando varía a súa estratexia e apoie ás maiorías sociais. “O BNG ten claro quen provocou a crise”, asegurou.


Goberno galego
“A presenza do BNG no goberno galego tivo máis luces que sombras, levando a cabo un proxecto transformador, que se molestou a alguén foi aos que sempre se consideraron poder por riba dos cidadáns”, dixo, ao tempo que sinalou que a súa primeira preocupación será “recuperar a sintonía cos milleiros de cidadáns que nos retiraron o seu apoio”.

“O PP non ten programa para Galiza”
“O PP non ten un programa en positivo para este país, ten un programa en negativo”, afirmou Vázquez. “Non lles di á xente o que queren, dilles o que non queren: non queren que os nosos nenos aprendan a lingua nas galescolas, nin grupo lácteo galego, nin rede galega de servizos sociais, nin que as concesións eólicas redunden no interese público, explicou.
Nesa liña, afirmou que o PP “non ten nada de tecnocrático nin de neutro, veñen facer política pura e dura”, e acusounos de seren “a dereita máis reaccionaria de Europa”. Criticou que os populares galegos avalen teorías como “a da imposición do galego” e afirmou que Galiza non será plenamente democrática até que a nosa lingua teña os mesmos dereitos que o castelán.
Guillerme lembrou que o PP non acredita no autogoberno galego e que para eles Galiza será unha moeda de cambio para poñer “aos pes de Mariano Rajoy”.
Segundo Guillerme Vázquez, o PP “é derrotable en catro anos se facemos ben o noso traballo”. Para o novo portavoz nacional do BNG, a verdadeira dialéctica da política galega durante os 27 anos de existencia desta organización se estabeleceu entre os nacionalistas galegos e a “dereita españolista do Partido Popular”.

Eleccións ao Parlamento Europeo
Segundo Guillerme Vázquez, o BNG contrapoñerá nas eleccións europeas “o modelo neoliberal da UE co noso modelo social e democrático” e asegurou que é a Unión Europea a que impide a Astano construír barcos ou afecta ao noso sector lácteo.

Humildade
Vázquez asegurou estar disposto a traballar con “humildade e realismo” porque “eu só son un máis dos afiliados do BNG” e comprometeuse a visitar todas as asambleas comarcais e “poñer a orella” para escoitar as preocupacións da xente.
Rematou o seu discurso asegurando que “cumpriremos o soño dos devanceiros que xa no século XIX soñaban cunha Galiza máis xusta e soberana” e citando un poema de Uxío Novoneyra: “Sabemos que ti podes ser máis/sabemos que o home (e engado eu, a muller) pode ser máis”. “Tentarei non defraudarvos”, rematou.