
Guillerme Vázquez esixe en Monforte axudas directas ao lácteo "porque atravesa unha situación de emerxencia"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou esta tarde á Xunta a que, en coordinación co Goberno do Estado, destine “axudas directas” ao sector lácteo galego porque “atravesa unha situación de emerxencia socialmente moi preocupante”.
MITIN DO BNG EN ESCAIRÓN
Guillerme Vázquez pide ao Estado que dea o mesmo trato ao sector do leite que ao do aceite

Nese sentido, o líder nacionalista reclamou ao Goberno do Estado que "defenda en Europa ao sector lácteo como está a facer como o aceite".
Deste xeito, o portavoz nacional referiuse ás informacións publicadas hoxe na prensa sobre a decisión adoptada pola Comisión Europea pola que se conceden axudas aos produtores para o almacenamento de aceite, de tal xeito que se evite a caída dos prezos.
A adopción desta decisión, a instancias do goberno do Estado demostra, tal e como explicou Vázquez, "que si hai marxe de manobra para a intervención pública. O que veñen a dicir é que temos razón cando defendemos a necesidade de adoptar medidas públicas de protección do sector lácteo".
Guillerme Vázquez lamentou, neste sentido, que, até o momento, o goberno do Estado "tirase a toalla" nos problemas referidos a Galiza na Unión Europea e instouno a actuar como está a facer co sector do aceite.
O número un do BNG afirmou que a cooperativa de Feiraco é unha mostra da importancia que ten en Galiza o sector lácteo "un tema no que traballou de sempre o nacionalismo galego e, neste momento é moi evidente que esta problemática pasa por unha solución política".
"É necesario un cambio de status quo do sector leiteiro galego na Unión Europea", afirmou o portavoz nacional, ao tempo que lembrou a "obriga do goberno español e da Xunta de Galiza conseguir esa modificación de status e tomar medidas concretas poidan saír do afogo no que están milleiros de explotacións gandeiras".
Guillerme Vázquez: "se a banca e o sector do automóbil reciben axudas, por que llas negan ao sector lácteo?"

"Se o BNG non está, Galiza non vai estar"

Que Europa propón o BNG?
Partindo da situación de crise tan intensa que temos actualmente, defendemos un modelo alternativo ao neoliberal, un baseado na economía produtiva e enfocado no empuxe social. Imos ir a Europa defender os nosos sectores económicos, defender Galiza -e en galego- calquera informe do Parlamento Europeo sen intermediarios. Precisamos alguén con voz galega -e con voto, a voz soa non chega- que presente emendas, negociacións, que fale directamente coa Comisión Europea (CE) cando ten que falar, ...
Porén, despois prodúcense situacións como cando o ex conselleiro de Industria Fernando Blanco foi a Bruxelas pedir que Ferrolterra puidese volver á construción naval civil, e Bruxelas remitiuno ao Estado ...
Precisamente, o BNG o que está pedindo é iso, que a política europea sexa xestionada directamente en Bruxelas por Galiza, e non pola vía do Estado, ao igual que a aplicación dos Fondos Estruturais, que asigna directamente Madrid. O que exiximos é que sexamos nós como nación, como Comunidade Autónoma legalmente constituída, quen teñamos esa competencia directa.
A propósito, como ve a situación actual da nosa lingua en Europa?
Tanto a CE como o Parlamento Europeo negaron as teses dos que rexeitan as políticas de multilingüísmo. Ben o vimos naquel informe que deixou en evidencia a credibilidade de todo o PP. Para todas esas persoas que din que o galego sobra, que só é unha lingua de tres millóns de persoas, eu teño un exemplo na casa. Unha meniña de cinco anos que fala galego en Bruxelas, que fala castelán e francés, que aprende neerlandés e inglés ... todo iso suma sen complexos. Aos nenos non se lles pode impor a idea de que hai linguas que son máis importantes ca outras. Todas son igual de importantes porque van coa identidade.
Realmente, na sociedade semella que hai un desinterese xeneralizado pola política europea e mesmo a sensación de que as institucións da UE non serven para nada, non cre? Ademais, o comportamento absentista dalgúns europedutados non axuda ...
É que tradicionalmente quen vai alí dos outros partidos? Quen vai? Non vai xente como foi Camilo Nogueira, que foi un eurodeputado extremadamente traballador, non. Quen vai é xente como Mayor Oreja. Vai xente que, ademais, cando se lle pregunta polo seu absentismo di que foi para facer lobby europeo. Mire, perdoe, lobby europeo fíxeno eu, que sen ter escano nin representación oficial defendín alí durante cinco todos os nosos sectores produtivos.
Que visión se ten de Galiza en Europa e que papel xoga nisto a Fundación Galicia Europa?
Ás veces é escasa, aínda que o BNG fixo un intenso traballo dende que chegamos. A Fundación Galicia Europa é a oficina encargada de defender os intereses galegos en Bruxelas. É unha entidade semipública. Con participación de capital privado. E dende logo non está a facer as funcións dunha delegación exterior. É máis, con moi pouca transparencia, con escaseza de plantexamentos preventivos para se asesorar en determinadas materias.
Por exemplo, nestes momentos de crise no sector leiteiro, o que tiñamos era que ter unha serie de propostas preparadas para defendelas diante da CE, nos comités sectoriais, con reunións co sector. Ese é un traballo que facía o BNG mesmo sen ter escano e que a Fundación Galicia Europa non fai, aínda por riba movéndose cunha profunda opacidade e non sempre usando a nosa lingua.
Nese senso, no das relacións internacionais, o BNG está integrado na Alianza Libre Europea (partido político, formado por 40 formacións de nacións europeas sen Estado propio). Que valoración fai o BNG desta entente?
Abrimos un marco de traballo enorme que ademais fai que cando cheguemos oficialmente ao Parlamento Europeo dentro de dous meses, xa teñamos uns compañeiros. Non imos ter só unha eurodeputada galega, imos ter un grupo parlamentario que ten posicións moi claras en determinadas materias. O grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea foi o que presentou a emenda á directiva das 65 horas, impedindo a ampliación da xornada laboral semanal. Que ademais ten unha visión moi progresista e que é chave para as negociacións entre os grandes grupos europeos.
Manifestación histórica en defensa da lingua

O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

“Galiza, nación europea, ten tanto dereito a existir e estar representado nas institucións europeas como calquera outra nación”, asegurou Ana Miranda. “E ademais a estar representada en galego”, asegurou a candidata nacionalista, quen lembrou que a súa filla fala galego, castelán, francés e neerlandés, e que “as linguas suman e non restan”.
Para Ana Miranda, o BNG preséntase a estas eleccións tamén para defender outra idea de Europa. “Onde está Europa neste tempo de crise, no que mesmo Estados Unidos está facendo políticas máis progresistas que as propias institucións comunitarias”, dixo.
A que foi até agora representante “oficiosa” do BNG ante as institucións europeas e asistente parlamentar de Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 prometeu facer unha campaña intensa, “percorrendo o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste”. Asegurou así mesmo que os nacionalistas “faremos unha campaña tal e como somos nós: humilde, relacionada coa xente, directamente co pobo e desde logo, participativa”. O lema será "Imos a Europa, vés?".
“Seremos nós os que defenderemos o noso aire, mar e terra, defendendo tamén un país sustentábel”, aclarou.
Galiza non existiu para o PP e o PSOE
Asegurou, por outra parte, que o BNG non é “nin euroescéptico, nin eurooptimista” e reivindicou que o noso país defenda directamente os seus dereitos na Eurocámara. Nesa liña, fixo referencia ao período 1999-2004, no cal o BNG estivo representado através do eurodeputado Camilo Nogueira e tamén á lexislatura 2004-2009, na cal os nacionalistas galegos presentaron iniciativas mediante os partidos cos que foran coaligados.
“Hai que destacar un feito, que é que Galiza apenas existiu para os eurodeputados galegos do PP e do PSOE”, dixo. “Non lembro intervencións nas que falaran das nosas realidades: dos incendios, do textil, da pizarra, das conservas, do agro, do leite”, dixo.
Renegociación dos fondos estruturais
Miranda lembrou que no Parlamento Europeo se renegociarán os fondos estruturais apartir do 2010 “e nós imos estar alí para defender os nosos intereses sen intermediarios, como fan os partidos que teñen a súa sede central en Madrid”. De feito, a candidata nacionalista asegurou que “a nosa sede central é esta, nós queremos relacionarnos directamente de Galiza para Bruxelas, sen pasar por Madrid”.
Lembrou que en Europa se van decidir cuestións moi importantes “que afectan ás nosas vidas, como o Plan Boloña no ensino, a directiva de Servizos, ”. E así mesmo, lembrou que o BNG non estará só no Parlamento Europeo, senón que intervirá através da súa “familia política” da Alianza Libre Europea -partido no que están integrados os nacionalismos progresistas do continente-, que forma grupo parlamentar cos Verdes.
Guillerme Vázquez
O portavoz nacional do BNG asegurou que esta forza política cre “na Europa da cohexión social, pero de verdade, non coma un enunciado abstracto” e reclamou políticas “que favorezan a converxencia real”.
Vázquez lembrou a oposición do BNG ao tratado constitucional europeo, e que “ser crítico coas institucións comunitarias non significa ser antieuropeo”. Nesa liña, apuntou o déficit democrático que teñen as institucións de Bruxelas, ao cal mostraron o seu rexeitamento os pobos de Francia e Holanda votando non ao tratado constitucional europeo. Nesa liña, recordou a oposición do BNG a este tratado.
“Cremos na Europa da cohexión territorial social, pero a de verdade, non como un enunciado abstracto sen nengunha concreción práctica”, enfatizou. E nesa liña, reclamou que se permitan desenvolver “as capacidades produtivas do noso país nos sectores naval, lácteo e pesqueiro”.
Por último, Vázquez sinalou que o BNG “defende unha Europa que xogue outro papel na política internacional, que sexa favorábel á paz e non siga as políticas militaristas e defenda por tanto a libre determinación dos pobos”.
O GALEGO, A NOSA COLUMNA VERTEBRAL. O IDIOMA QUE NOS UNE!
Vemos con preocupación como o PP, desde a Xunta de Galiza, pretende desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como o amparo xurídico en aspectos tan fundamentais como o ensino. Levar a cabo medidas de ataque contra o galego supón un perigo de confrontación indesexábel e de fractura social, ademais de ir contra acordos unánimes do Parlamento e vulnerar o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.
Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o sistema educativo, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación.
"Debemos saír desta Asemblea coma un só BNG"

Así mesmo, Vázquez asegurou que esta era “a Asamblea máis participativa da historia do BNG”, na que os militantes nacionalistas debateron a liña política a seguir. “Aquí non sobra ninguén e aínda fala moita xente”, afirmou, e asegurou que “os afiliados e afiliadas deben ser actores do BNG”.
Guillerme Vázquez amosouse convencido de que “entre todos conquistaremos a unidade, a lealdade e a confianza dentro do BNG, que segue sendo a mellor ferramenta para conquistar a emancipación social e nacional de Galiza”.
“Vivimos tempos difíciles para o noso país e para o conxunto da humanidade”, asegurou Vázquez, quen criticou a ideoloxía implantada na “revolución conservadora de Reagan e Thatcher”, segundo a cal “a globalización vai traír a felicidade a toda a humanidade, co mercado convertido nun deus, nun becerro de ouro ao que adorar, no que o mellor sector público era o que non existía”.
Nesa liña, explicou que “vinte anos despois, esa política está hoxe en bancarrota e levou ao mundo á peor crise desde o 1929”. Criticou, xa que logo, a idea da fin das ideoloxías e lembrou que o imperialismo segue funcionando, “ocupando nacións soberanas, como Iraq, ou Afganistán, e negando os dereitos de pobos como o palestiniano, o sahariano”
Así, asegurou que o nacionalismo propón un modelo alternativo ao neoliberal, que defenda os dereitos dos traballadores e aposte pola economía produtiva.
De cara ao goberno central, Vázquez afirmou que o BNG estará disposto a apoiar o goberno central sempre cando varía a súa estratexia e apoie ás maiorías sociais. “O BNG ten claro quen provocou a crise”, asegurou.
“A presenza do BNG no goberno galego tivo máis luces que sombras, levando a cabo un proxecto transformador, que se molestou a alguén foi aos que sempre se consideraron poder por riba dos cidadáns”, dixo, ao tempo que sinalou que a súa primeira preocupación será “recuperar a sintonía cos milleiros de cidadáns que nos retiraron o seu apoio”.
“O PP non ten un programa en positivo para este país, ten un programa en negativo”, afirmou Vázquez. “Non lles di á xente o que queren, dilles o que non queren: non queren que os nosos nenos aprendan a lingua nas galescolas, nin grupo lácteo galego, nin rede galega de servizos sociais, nin que as concesións eólicas redunden no interese público, explicou.
Nesa liña, afirmou que o PP “non ten nada de tecnocrático nin de neutro, veñen facer política pura e dura”, e acusounos de seren “a dereita máis reaccionaria de Europa”. Criticou que os populares galegos avalen teorías como “a da imposición do galego” e afirmou que Galiza non será plenamente democrática até que a nosa lingua teña os mesmos dereitos que o castelán.
Guillerme lembrou que o PP non acredita no autogoberno galego e que para eles Galiza será unha moeda de cambio para poñer “aos pes de Mariano Rajoy”.
Segundo Guillerme Vázquez, o PP “é derrotable en catro anos se facemos ben o noso traballo”. Para o novo portavoz nacional do BNG, a verdadeira dialéctica da política galega durante os 27 anos de existencia desta organización se estabeleceu entre os nacionalistas galegos e a “dereita españolista do Partido Popular”.
Segundo Guillerme Vázquez, o BNG contrapoñerá nas eleccións europeas “o modelo neoliberal da UE co noso modelo social e democrático” e asegurou que é a Unión Europea a que impide a Astano construír barcos ou afecta ao noso sector lácteo.
Vázquez asegurou estar disposto a traballar con “humildade e realismo” porque “eu só son un máis dos afiliados do BNG” e comprometeuse a visitar todas as asambleas comarcais e “poñer a orella” para escoitar as preocupacións da xente.
Rematou o seu discurso asegurando que “cumpriremos o soño dos devanceiros que xa no século XIX soñaban cunha Galiza máis xusta e soberana” e citando un poema de Uxío Novoneyra: “Sabemos que ti podes ser máis/sabemos que o home (e engado eu, a muller) pode ser máis”. “Tentarei non defraudarvos”, rematou.