O BNG presenta unha campaña contra a reforma laboral.


A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, presentou a campaña “Actuemos! É tempo de respostas!” coa que o BNG quere mobilizar á sociedade galega contra a reforma laboral e as políticas antisociais do Goberno do Partido Popular.Montse Prado advertiu de que a reforma do Goberno do PP “abarata o despedimento, viola o dereito da negociación colectiva e o único que vai conseguir vai ser a rebaixa dos salarios da maioría da poboación”.

Tamén alertou de que “esta reforma laboral traerá tremendos efectos negativos non só para os asalariados e asalariadas, senón tamén para as pequenas e medianas empresas, que van sufrir unha caída da demanda”. “Polo tanto -advertiu- esta reforma non vai contribuír á recuperación económica”.


Na Galiza os efectos da reforma laboral van ser peores
"Co Partido Popular a situación dos galegos e galegas empeora cada día"Ademais, a secretaria de Organización do BNG denunciou que “na Galiza os efectos desta reforma van ser aínda máis negativos porque temos salarios por baixo da media do Estado e cuns niveis de paro de 275.000 persoas”.
O PP soluciona os problemas dos banqueiros a costa da maioría da poboación
Montse Prado explicou que esta reforma laboral “forma parte dun paquete de medidas de reformas económicas do PP que satisfán as necesidades da banca e dos especuladores, dos que produciron a crise, pero non dan solucións á maioría da poboación, que é a que si padece a crise”.
Se non actuamos quitarannos os nosos dereitos sociais e laborais
Por iso, baixo o lema “Actuemos! É tempo de respostas!“, o BNG vai facer unha campaña por todo o país, mediante o reparto de 75.000 folletos, charlas e conferencias.
“Con esta campaña queremos facer un chamamento a todos os galegos e galegas a actuar, porque os dereitos non se agasallan, conquístanse, e non podemos permitir que nos quiten eses dereitos que tardamos décadas en conquistar”, afirmou Montse Prado. “É preciso que a maioría da sociedade deamos resposta a estas agresións do Partido Popular”, incidiu.
Co Partido Popular a situación dos galegos e galegas empeora cada día
Montse Prado asegurou que “a situación dos galegos e galegas empeoran con cada unha das medidas que está a tomar o goberno do Partido Popular, sexa no Estado ou en Galiza”.
E diante desta situación, afirmou que “o BNG vai actuar demandando políticas económicas e sociais favorábeis á maioría da xente, defendendo a conta de resultados, a solvencia, da maioría das persoas e non a conta de resultados dos banqueiros”.
As respostas do BNG fronte á crise
Pero tamén, salientou que “é tempo de respostas a estas agresións, respostas diferentes que as respostas que nos propoñen, que non son outras que sacrificios para a maioría e privilexios e rescates para os causantes da crise”.
“Hai que dar alternativas diferentes á crise, como as que leva defendendo o BNG”, subliñou, porque “a creación de emprego non se vai facer con esta reforma laboral, senón co medre da economía, e non imos ser máis competitivos por degradar as condicións laborais”.
Neste sentido, Montse Prado lembrou algunhas das medidas que ven defendendo o BNG, como a reforma fiscal progresiva para que pague máis quen máis ten; eliminar o gasto militar, as subvencións e privilexios da Igrexa, suprimindo as deputacións; creación dunha banca pública ou apoio os nosos sectores produtivos.
“Hai que converter a disconformidade e a indignación en actuación. Esta reforma laboral vai levar por diante os dereitos e as condicións de vida de miles e miles de galegos e galegas. E o que non podemos facer é quedarnos parados, hai que actuar e dar respostas contundentes”, concluíu Montse Prado.

Arquivos para descargar

DESCARGA AQUÍ O FOLLETO DA CAMPAÑA DO BNG CONTRA A REFORMA LABORAL