Guillerme responsabiliza a Feijóo do brutal aumento do paro e da débeda

"A Patronal está feliz e contenta con esta reforma. Mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como despedir máis barato"

"O PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde nun acto sobre a reforma laboral en Lugo, no que tamén interviron a deputada Isabel Sánchez e o portavoz municipal, Antón Bao.
Alí, Guillerme a Feijóo de ser o máximo responsábel político do “brutal incremento do paro e da débeda” en Galiza.
Tal e como enfatizou o líder nacionalista, estamos ante unha reforma “agresiva cos asalariados e asalariadas, agresiva con Galiza, onde os salarios están por baixo da media estatal e onde o paro medra por riba da media estatal”.
“Atopámonos ante unhas medidas inxustas que deprimirán aínda máis o consumo e agravarán a crise das pequenas e medianas empresas”, explicou o líder nacionalista, “logo é mala para os asalariados e para a economía en xeral”, concluíu.
O portavoz nacional afirmou que as medidas adoptadas por Rajoy son “as que lle pedían os mercados e a patronal. Eles presionaron e seguen presionando. Agora tócanos a nós. É o noso momento para dicir NON a esta reforma antisocial e para presionarmos o goberno. É o momento da mobilización en defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras e aí estará, como sempre estivo o BNG”.
“A Patronal está feliz e contenta con estas medidas”, continuou, “a proba é que mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como aproveitar as medidas para despedir máis barato”.
Agora, tal e como enfatizou o portavoz nacional, “o PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos”.
“Os aparatos do poder machucan coa consigna de que a folga xeral non serve para nada. Pois eu dígovos que o que non serve para nada é a resignación e ficar na casa de brazos cruzados. A sociedade ten dúas armas para defenderse: o voto e a mobilización social. Agora é o tempo da mobilización para defender aquilo que tanto custou conquistar”, concluiu.