O NACIONALISMO UNE, artigo de Anxo Quintana

Esta semana deume unha das maiores satisfacións que pode ter un político nacionalista. A aprobación unánime no Parlamento galego da proposición de lei orgánica para a transferencia do tráfico e da seguranza viaria demostrou, non só, necesidade e máis a utilidade do nacionalismo, senón o seu carácter conciliador e de unión. A pór o País po riba das desputas políticas o nacionalismo foi que de unir aos galegos neste obxectivo.

No debate do Estado da Autonomía do pasado outubro propuxen que fose o propio Parlamento, como representante do pobo galego, o que liderase esta reivindicación. Buscaba así a complicidade común que nace de pertencer ao mesmo pobo. E o tempo deume a razón. Podemos, pois, sentirnos ledos e orgullosos por ter conciliado e unido nesta proposta tamén a socialistas e populares. E velaí temos xa a proposición de lei pendente de se debater no Congreso dos Deputados de Madrid. Escoitaredes a algúns que isto de reclamarmos as competencias de tráfico é un capricho. Que o importante é xestionalas ben, fór dende Galiza ou dende Madrid.

Non é certo. As transferencias de tráfico e seguranza viaria permitirán atender as nosas necesidades propias (temos unha rede viaria alongadísima no territorio e máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado) desde un maior coñecemento da nosa realidade. Gobernar a propia casa sempre é rendíbel. Catalunya e Euskadi son os únicos territorios que autoxestionan estas competencias e teñen menores índices de siniestralidade que a media estatal. E foi particularmente salientábel a baixa de siniestralidade que tivo Catalunya desque asumiu as competencias viarias. A transferencia do tráfico será, pois, un instrumento para xerar máis benestar e calidade de vida.


Pero a transferencia do tráfico non se explica só por mellorar e achegar a xestión, por incrementar o noso benestar. O autogoberno non só consiste en xestionar un maior ou menor ámbito de competencias, senón nunha actitude colectiva, como pobo, de nos autoresponsabilizar da xestión dos seus problemas. Esta actitude colectiva é comparábel a das persoas cando chegamos á idade e circunstancias vitais de sermos autónomos. Entón, percuramos gobernarmos a nosa vida, sen que deixemos de manter as máis estreitas relacións coa familia. E supoño que todos e todas estamos dacordo en que as persoas que dan ese paso no seu xusto tempo gañan en autoestima, en autonomía persoal e en madurez. Por iso o autogoberno é, en grande medida, unha cuestión de autoestima e autoresponsabilización. En xuño do 2007 aprobamos a creación da Policía galega. Esta nova transferencia vai permitir que a nosa Policía xestione o tráfico nas nosas estradas. Estaremos, deste xeito, ao mesmo nível ca Euskadi e Catalunya. Melloraremos a xestión, reduciremos progresivamente a siniestralidade e, por iso, xeraremos máis benestar. E tamén faremos visíbel en todos os recunchos do País un símbolo nacional: a Policía galega. Porque para construirmos a Nación precisamos da vontade das persoas que a componen, pero tamén do recoñecemento común dos nosos símbolos nacionais. E un dos caracteres e símbolos dunha Nación é ter unha Policía de seu. Nación e Policía propia van sempre xuntos.