O BNG SÓ VOTARÁ A FAVOR DE ZAPATERO SE MOSTRA "VONTADE A TER EN CONTA AS CUESTIÓNS PLANTEXADAS"

O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, explicou hoxe tras reunirse co secretario de Organización do PSOE, José Blanco, e co Secretario do grupo socialista, Ramón Jáuregui, que o Bloque baralla como opcións de votación na investidura de Zapatero, a abstención ou o voto favorábel. Con todo, advertiu que os dous deputados nacionalistas só daran o ‘si’ “se Zapatero amosa a súa disposición e vontade a ter en conta as cuestións plantexadas polo BNG na xunta de hoxe para os catro anos de lexislatura”.
Así pois, Jorquera deixou claro que a posición do BNG na investidura se vai decidir no último momento, dependendo da intervención de José Luis Rodríguez Zapatero. “Vai depender da vontade que amose Zapatero aos requerimentos plantexados polo BNG. Da súa resposta a todas as nosas cuestións, veremos se votamos a favor ou nos abstemos”, sentenciou Jorquera, quen estivo acompañado na reunión pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila.

Ademáis, Francisco Jorquera recalcou que “a miña impresión é que o BNG vai ser unha forza política decisiva nestes catro anos de lexislatura. Creo que o PSOE ve no BNG a un socio de preferencia para esta lexislatura. Estamos convencidos de que imos ser decisivos en moitos momentos e que o PSOE é moi consciente do papel que o BNG vai ter nesta lexislatura”.

O deputado nacionalista engadiu que na reunión de hoxe quedou claro que o “PSOE non vai facer acordos pechados antes da investidura nin con nós nin con ningún outro grupo político”. Jorquera tamén explicou que no encontro non se falou só sobre o voto para a investidura de Zapatero. “Fomos máis alá e realizamos un diálogo para coñecer a posición de ambos de cara ós vindeiros catro anos”, dixo o nacionalista.

Non ao bipartidismo
O parlamentar nacionalista explicou as cuestións principais que o BNG puxo enriba da mesa, que xiran sobre ideas xa explicas polos nacionalistas nos últimos días. En primeiro lugar, “o BNG considera que o diálogo sobre os grandes asuntos do Estado non pode estar protagonizado en exclusiva polo PP e polo PSOE, temos que ser partícipes as demáis forzas políticas”, e advertiu que “nós non entenderíamos que se producise un duplo xogo na lexislatura que consistiría en practicar pactos de Estado co PP, e logo atender o día a día da gobernabilidade con forzas políticas como o BNG. Iso non o entenderíamos”, asegurou.

Jorquera sinalou que en segundo termo “Galiza ten que ter a oportunidade de continuar avanzando no autogoberno, temos que completar o cadro das competencias pendentes e avanzar nas transferencias”. Neste sentido, mencionou especialmente o traspaso da competencia de tráfico e a vindeira sesión no Parlamento Galego que “previsibelmente aprobará a transferencia desta materia. Logo será trasladada ás Cortes Xerais”.

En terceiro lugar, enumerou a necesidade de asegurar “o ritmo inversor do Estado na Galiza para paliar o défice que temos, sobre todo en infraestruturas”. En cuarto lugar, “emprazamos ó PSOE a entablar un diálogo para correxir determinadas políticas estatais que son un freo ó desenvolvemento dos sectores produtivos e económicos básicos para Galiza”. Así, mencionou a importanza de “recuperar para a construción naval civil un estaleiro punteiro en Europa, o de Fene”.

Por último, “puxemos enriba da mesa, a urxencia de acometer unha reforma en profundidade do voto dos residentes ausentes. Lembrou que “non é de recibo que o futuro político de Galiza estea condicionado por un censo de 300.000 eleitores que residen no exterior” e puxo de manifesto as deficiencias do sistema de voto: “é un feito que aínda seguen votando persoas falecidas, é un auténtico escándalo”. Demandou garantías democráticas para o voto dos emigrantes e que “se votan que conten á hora de determinar os escanos”.