LUGO CON MAIS FORZA EN MADRID


A candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Lugo, Paz Abraira, afirmou que os problemas da provincia de Lugo non os vai resolver nin o PP de José Manuel Barreiro, que dixo, “é o mesmo PP conservador e reaccionario de sempre só que travestido de renovación”, nin tampouco “galegos á española coma Pepe Blanco” que “cando chegan a Madrid mesmo se esquecen de falar galego porque teñen complexo”.

Nun acto de precampaña en Sarria, no que participou tamén o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, Paz Abraira afirmou que “a única mellora para os cidadáns da provincia de Lugo nas vindeiras eleccións de marzo é que o BNG acade representación pola provincia de Lugo en Madrid”.

A candidata nacionalista pediu aos cidadáns que o vindeiro 9 de marzo “exerzan como galegos” e apoien “á única forza política que defende os intereses de Galiza en Madrid”. “O bipartidismo estatal non ofrece ningunha saída aos problemas básicos da provincia de Lugo”, afirmou Paz Abraira, que acusou ao PP de ser “o responsable do atraso secular da provincia” e ao PSOE de “poñela ao servizo do Goberno central”. “En Lugo algún xa vai de ministro -dixo en referencia a José Blanco, que onte se ofrecía como ministro de Fomento- pero pouco futuro no cargo lle auguramos en Lugo se non cumpre mellor os prazos e as promesas que ata o de agora. Aquí Pepe Blanco é máis coñecido polo que prometeu e non fixo, como a ponte, o Cetal ou o aeroporto de Rozas, que polo que fixo”, dixo a cabeza de lista do BNG.