104 QUILOS MAIS PARA GALIZA

104 quilos máis para Galiza. Dito así, en euros, parece un complemento, un plus. Pero 104 millóns de euros son 173.000 millóns das antigas e aínda non esquecidas pesetas. Son un vale para realizar e implementar 49 actuacións de natureza diversa, concentradamente viarias, ferroviarias, medioambientais, culturais, agrarias e de innovación tecnolóxica.

104 millóns negociados polo BNG sesudamente, con astucia territorial, co mapa de Galiza despregado enriba da mesa, con planificación e coñecemento de causa. Cartos estirados até o límite, todo moi pensado, euros para grandes obras e para pequenas pero sempre esperadas actuacións. Un plus de alto rendemento, estudado con lupa, observado con microscopio galego.

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o exercicio 2008 partía da cifra de 1.942 millóns de euros para Galiza. Número pouco redondo, irregular que non chegaba a todo o preciso, por tanto, algo incompleto. Orzamento necesitado dun arraxo. Cuestión que tiña claro o deputado do BNG, Francisco Rodríguez, cada vez que acudía co maletín de propostas ao Ministerio de Economía. Primeira cuestión, superar os 2.000 millóns, segunda, pór cartos en actuacións ausentes no proxecto orzamentario do Goberno, en obras indefinidas ou carentes do necesario impulso económico para seren críbeis, e finalmente reais. Así que despois de tantas idas e vidas, o parlamentar nacionalista trouxo 104 quilos máis para casa. Engordou a cartilla da conta corrente que contará con 2.046 millóns a investir pola Administración do Estado no pais. O prazo temporal é claro, a gastar no 2008. Queda a dúbida, sempre hai dúbidas, de que se chegue a gastar o 100% en tempo e forma. Estou falando do famoso grao de execución dos orzamentos estatais, sobre o que hai que insistir unha e outra vez ao longo do decurso do ano.
Pero non hai que poñerse sombrío antes de tempo. As cousas melloraron moito e a nosa conta bancaria tamén. Con estos xa van tres anos orzamentarios que o BNG negocia e pacta subas de partidas para a nosa terra, e cada ano incrementa máis o belisco adicional que logra. Funciona o esquema que debe moito ao empeño, a insistencia e mirada vixiante dos nacionalistas galegos sobre un Executivo central sen maioría absoluta, incapacitado para practicar o individualismo ao seu gosto, e dependente, por tanto, dos votos de forzas políticas coas que convive no Congreso dos Deputados. Habería que facer ben as contas. A ver, ecuación simple: se dous deputados do BNG na Cámara Baixa consiguen 104 millóns máis nos Orzamentos do Estado para Galiza, cantos millóns máis lograrían de teren máis escanos? Se despexamos o x cabe deducir que sairíamos gañando