OUTRO ANO MAIS O ESCÁNDALO DO VOTO EMIGRANTE

Finalmente foron 20.000 votos os emitidos polos emigrantes. O que representa case o 10% do censo da provincia. Ese censo de votantes só o temos na cidade de Lugo. O resto dos concellos da provincia non chegan a esas cifras. E seguen aparecendo partidas de defunción dentro dos sobres de votación! Esa é a súa democracia. Nós xa esiximos a súa reforma nos primeiros seis meses desta nova lexislatura para que nas eleccións galegas o resultado sexa real. Por certo, que se este censo, o CERA, contase, na provincia de Lugo escolleríanse 5 deputados no canto de catro, e un deputado/a sería o do BNG. Por iso o PP e o PSOE prefiren que se manteña este escándalo.

209.042 RAZÓNS PARA DICIR GRAZAS GALIZA


O Bloque Nacionalista Galego obtivo 209.042 votos o 9 de Marzo, 209.042 votos para dicir grazas Galiza. Foi un “éxito eleitoral” e unha “boa noticia para Galiza” –en palabras de Francisco Jorquera- en pleno “bombardeamento bipartidista”. O BNG foi a única forza nacionalista que no Estado incrementou os seus apoios en percentaxe de voto e en números absolutos.

O balanzo dunha campaña eleitoral haino que facer en función dos obxectivos propostos. O BNG cumpriu todos e cada un deles. Incrementou o número de votos e a percentaxe e fixo recuar o PP, impediu que se fose cara a un escenario de maiorías absolutas e e obtivo un espazo moi valioso para Galiza nas próximas Cortes Xerais do Estado, un espazo que en moitos momentos da xa inminente novena lexislatura estatal resultará decisivo para formar maiorías.

O resultado do BNG pon ademais de manifesto que en Galiza o bipartidismo é inviábel e, por tanto, que Galiza ten un mapa político proprio e xenuíno do país, o que en termos políticos equivale a dicer que Galiza se comportou o 9 de Marzo como a nación que é.

En Galiza hai tres proxectos políticos perfeitamente diferenciados e hai un espazo político nacionalista absolutamente consolidado, que responde aos intereses do país con independencia de que tipo de elección se trate. Isto último é un logro histórico de enormes proporcións para o pobo galego.

Nada disto tería sido posíbel sen a entrega e a enorme implicación da militancia do Bloque Nacionalista Galego na campaña. “O nacionalismo non ten limites. Hoxe ficou demostrado”, afirmou o coordenador executivo, Francisco Jorquera na noite eleitoral. “Síntome tremendamente orgulloso de ser o portavoz nacional dunha organización como o Bloque Nacionalista Galego, chea de xente que ama o seu país por enriba de todo”, manifestou Anxo Quintana na súa comparencia perante os meios na noite do 9-M, cando xa era unha evidencia o avanzo eleitoral do BNG.

O BNG MAIS FORTE EN MADRID!

"Como vaticinamos, nun resultado sen maiorías
absolutas, os votos do BNG serán decisivos"
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo esta noite a valoración dos resultados eleitorais por parte do Bloque Nacionalista Galego que significan “un aumento de votos con respeito a hai catro anos, un aumento porcentual no ámbito de Galiza e no do Estado español”.
En vista deste resultado o BNG dixo que “temos que amosar a nosa satisfación co resultado acadado. Resultado non só do BNG, senón que o panorama que se presenta é favorábel a participación do nacionalismo con carácter decisivo no ámbito estatal”.

“Nesta lexislatura”, continuou, “o BNG vai ser decisivo en moitas ocasións en Madrid e nós podémonos comprometer hoxe a que cada vez que sexa decisivo, o BNG vai repercutir en beneficios para os cidadáns galegos”.
O líder nacionalista destacou o feito de que se dea un panorama “como nós vaticinamos, sen maiorías absolutas e no que os votos do BNG serán decisivos en moitas ocasións e iso vai ser en beneficio de Galiza e os galegos e galegas”.

O portavoz nacional quixo aproveitar a ocasión para felicitar ao Partido Socialista e amosou o seu convencemento de que “o resultado democrático que os cidadáns deparan terá que ser tamén positivo para o conxunto do Estado”.
Anxo Quintana trasladou na súa intervención “o noso inmenso agradecemento a todos os cidadáns que optaron polo Bloque Nacionalista Galego porque son milleiros de persoas as que optaron polo BNG nunha situación difícil, unha campaña pensada para dous, pensada para consolidar o bipartidismo, na que se quixo excluír a Galiza. Mesmo nesa situación, milleiros de cidadáns optaron polo BNG e por colocar a Galiza no panorama político do Estado”.
Tal e como explicou o líder do Bloque, “sabemos que non era fácil. O fácil nesta campaña era optar polas dúas grandes forzas políticas estatais, pero é evidente que existen milleiros de cidadáns que, sobre todo e ante todo pensan en Galiza”.
O portavoz nacional dirixíuse a estes cidadáns para dicer: “pódolles asegurar que non se van arrepentir. Durante catro anos van ter moitas ocasións para felicitarse pola súa decisión porque comprobarán que a presenza do BNG en Madrid que eles hoxe nos outorgan cos seus votos vai ser positiva para Galiza e poderán ver representada o que foi a súa vontade e os seus desexos”.

O portavoz do Bloque quixo tamén “felicitar de todo corazón aos militantes, compañeiros e compañeiras do BNG” e asegurou sentirse “tremendamente orgulloso de ser o portavoz nacional desta organización política”. Son centenares de persoas que en toda Galiza fixeron un esforzo sobrehuman para poder conseguer este resultado. Grazas ao seu esforzo o BNG é case a única forza política que sube en votos e en porcentaxe, excluíndo ás dúas grandes forzas estatais”.

Condena enérxica do terrorismo

O Bloque Nacionalista Galego quer expresar a súa máis enérxica condena perante o execrábel asasinato de Isaías Carrasco, tiroteado hoxe por un terrorista de ETA.
O BNG transmite as súas condolenzas aos familiares e achegados desta nova vítima mortal de ETA, así como a súa solidariedade ao Partido Socialista, do que Isaías Carrasco era militante.
O BNG vai suspender todos os actos programados para o último día de campaña, como testemuño da súa repulsa perante a barbarie terrorista e como tributo solidario en homenaxe a Isaías Carrasco.
A violencia terrorista repugna a conciencia de todos os demócratas e ofende tamén a conciencia profundamente pacifista do pobo galego. A miseria moral do terrorismo representa un intolerábel atentado contra os dereitos humanos máis elementais e obriga a todas as forzas políticas democráticas, a todos os pacifistas, a manter unha acción unitaria e a non facer uso político nen eleitoralista da violencia.
Este é o momento da unidade entre os demócratas o momento da fortaleza do Estado de Dereito e da democracia fronte a iniquidade dos terroristas.
Un portavoz do BNG vai asistir esta mesma tarde ás 18.00 horas no Congreso a unha reunión das forzas políticas democráticas para analizar a situación criada tras este execrábel atentado.

Acto peche de campaña de Galiza Nova en Lugo Sur

Acto peche de campaña de Galiza Nova en Lugo Sur

O VENRES 7 DE MARZO, ÁS 21H NO BAR RL
de Duquesa de Alba en Monforte de Lemos.
TEREMOS:
FESTA-PANCETADA
O viño, pan e panceta corre pola nosa conta!!!
As gañas de festa polas ti.
esperámoste!

Coa forza da mocidade
Galiza decide
Vota BNG



ADEMAIS XA SABES, SE QUERES + INFORMACIÓN: http://www.galizanovalugosur.blogspot.com/

A Marcha Mundial dás Mulleres recorrerá a prohibición que lles impide manifestarse o día 8

Cualifican a decisión de "inxusta" e recrimínanlle ao Goberno que non utilice a mesma lei para “para prohibir as misas”, pois “o episcopado leva máis de seis meses en campaña, pedindo o voto.
A Marcha Mundial dás Mulleres ten previsto presentar un recurso contencioso administrativo contra a prohibición de celebrar concentracións reivindicativas no Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, data que coincide coa xornada de reflexión para as eleccións xerais do domingo.

Despois de que a subdelegación do Goberno en Galiza fixera pública hoxe a prohibición dos actos previstos para este día, a portavoz do colectivo en Pontevedra, Pilar Álvarez, expresou o "cabreo" da organización ante esta medida, que cualificou como "inxustiza".

Pese a non ter a intención de "desobedecer" a prohibición, reivindicou o dereito do colectivo a "estar na rúa, non quedar caladas en casa" e non van a " renunciar a colocar símbolos feministas" na mesma data e lugar onde estaba prevista a concentración.

A resolución emitida pola subdelegación baséase nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid sobre un caso "idéntico", segundo a cal "históricamente as concepcións feministas foron abandeiradas por opcións políticas concretas". No entanto, admite que "aínda que a manifestación non ten finalidade electoral, considera que a barreira entre o político e o social é moi tenue".

Que prohiban tamén as misas

Para Pilar Álvarez, resolucións coma estas tamén "poderían facelas para prohibir as misas", pois criticou que "o episcopado leva máis de seis meses en campaña electoral, pedindo o voto explícitamente para unha determinada opción política".

Así mesmo, quéixase de que "tampouco están prohibidos actos institucionais" como os convocados polas deputacións, os Consellos Municipais da Muller "ou Esperanza Aguirre en Madrid -presidenta desta autonomía, que pertence a un partido", engade.

A representante da Marcha Mundial dás Mulleres relacionou a violencia de xénero coa "invisibilización e ninguneo" deste colectivo". "Non deixarnos saír á rúa é un xeito de facernos seguir no papel de aturar", explicou Pilar Álvarez.

A PROVINCIA DE LUGO TAMÉN DEBATE

Hoxe pola noite, a TVG , emite o debate dos cabezas de lista ao Congreso por Lugo. Mellor dito, de todos non, porque Pepe Blanco non vai estar. Aparecer non vai aparecer, pero insiste desde Madrid en pedir os votos dos veciños e veciñas da provincia Lugo. Fronte a súa ausencia e a volta ao pasado que nos trae o PP, alí vai estar o BNG para meter a nosa provincia no debate. Nós non queremos a crispación, senón poñer riba da mesa propostas de futuro e alternativas galegas, para Galiza e para os concellos da nosa provincia. No BNG non queremos que en Madrid sigan tocando de oído nos asuntos que nos afectan.

Abraira: "O BNG é a máquina de autoestima de Galiza"




Paz Abraira pediulle á cidadanía que votase "en clave galega"


A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Lugo, Paz Abraira, afirmou o sábado nun mitin no Saviñao que o Bloque Nacionalista Galego é “a máquina de autoestima de Galiza” que está a facer nesta campaña que os galegos e galegas se sintan “orgullosos de si mesmos”. “Somos esa máquina de autoconfianza que permitir que a partir do 9 de marzo a provincia de Lugo conte cunha voz nacionalista no Congreso dos Deputados, esa máquina de autoestima que vai facer que os lucenses e as lucenses aposten desta volta polo BNG para ter presenza política propia en Madrid”, dixo a candidata nacionalista diante dunhas 200 persoas, que encheron o Auditorio de Escairón.






Paz Abraira, que pediu aos cidadáns da provincia de Lugo que o 9 de marzo voten “en clave galega”, afirmou que o BNG conseguiu “rachar o xogo a dous entre o PP e o PSOE” e facer que Galiza estea no debate desta campaña. “O BNG é o garante de que Galiza e a provincia de Lugo estean sobre a mesa, de que na negociación dos Orzamentos se teña en conta ao noso país, de que as políticas que se adoptan en Madrid non sexan contrarias aos nosos intereses”, argumentou a cabeza de lista do BNG ao Congreso.




En compañía da Responsable Local do BNG Antía Rodríguez, do alcalde de Monforte e número 2 da candidatura do BNG ao Congreso, Severino Rodríguez, e do director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Rubén Cela, a candidata nacionalista pediu o apoio da mocidade, como xa fixera pola tarde nun acto con mozos e mozas e Meira. Paz Abraira pediulles aos mozos e mozas lucenses que sexan “o motor do despertar da provincia de Lugo”. Un argumento no que tamén insistiu Rubén Cela, que destacou que son moitas aínda as decisións que se toman en Madrid polo que os mozos e mozas lucenses xóganse “o seu futuro” o 9 de marzo. Pediulles que se impliquen en favor do BNG “para que os seus problemas sexan escoitados en Madrid a través de Paz Abraira”.


Apoio para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade
A candidata nacionalista mostrou tamén no Saviñao o seu apoio para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade e ofreceuse para apoiar en Madrid esta declaración. Anunciou tamén que unha das condicións que porá o BNG ao próximo presidente do Goberno será que se destinen á provincia de Lugo 1.200 millóns de euros na vindeira lexislatura para axilizar “infraestruturas pendentes”, como o desdobramento do corredor Lalín-Chantada-Monforte.