Unha multitude quere galego e clama por outra política lingüística

Máis de 25.000 persoas procedentes de todas as comarcas do país, e mesmo de alén dos seus límites administrativos -como é o caso do Bierzo ou do Val de Ellas, responderon á convocatoria de Queremos Galego para mostrar en Compostela que “a lingua é o noso corazón, e con este corazón podemos ir ao fin do mundo”, en palabras de Xosé Lois ‘O Carrabouxo’. Unha gran mobilización nun ambiente extraordinario a favor do idioma que nos une, da lingua propia deste País, mais tamén unha emenda en toda regra á política lingüística da Xunta de Núñez Feijóo.
Foi unha marcha multitudinaria – embora o Concello rebaixar a asistencia a 10.000 persoas e nas primeiras conexións da TVG falaren duns “centos”- na que confluíron xentes de diferentes idades, procedencias, ideas e sensibilidades. Mais unidas pola defensa do galego.
Comezou a manifestación pouco antes das 12:30 para percorrer, nunha serpe multicolor de faixas, bandeiras e lemas, as rúas do Ensanche e Zona Vella de Compostela ata rematar na Quintana. A emblemática Praza foise enchendo de manifestantes ‘até a bandeira’ e desde a Alameda, lugar de inicio da mobilización, aínda seguía a saír xente e máis xente.

“Por nós”
Unha faixa portada por varias crianzas e co lema ‘Por nós’ abría a manifestación, entre aplausos non só dos e das manifestantes, senón mesmo desde veciñ@s que contemplaban desde as beirarrúas a marcha. Máis un sinal de que o galego une. A mobilización avanzaba e aos lemas tradicionais (´Na Galiza en galego’, ‘Sempre en Galiza, sempre en galego’) uníanse novas palabras de orde (‘Do médico ao notario, galego a diario’). Todo adubiado por palmas, sons de gaitas, pandeiretas ou bombos. A defensa do galego, unha festa reivindicativa.
Mobilización apoiada por un amplo listado de forzas políticas, sindicais, sociais... Entre os manifestantes atopábanse dirixentes políticos de BNG, AGE, Compromiso por Galicia, Podemos, PSdeG, Nós-UP ou Causa Galiza. Mais o protagonismo recaeu nos milleiros e milleiros de galegos e galegas que desde todos os recunchos do País acudiron a Compostela para defender o dereito a poder vivir en galego con normalidade. Entre eles, tamén castelán falantes que participaban na manifestación para exixir respecto para o idioma propio deste país.
O galego, “arma de construción masiva”
A Quintana estaba ateigada e parte da manifestación aínda seguía a percorrer as rúas de Compostela en dirección a esta Praza. Isabel Risco e Xosé Lois ‘O Carrabouxo’, mantedores do acto, non paraban de animar os e as manifestantes desde o palco. E abofé que o lograron: humor, retranca, sorna... todos os paus do humor para defender o noso idioma e ridiculizar a Núñez Feijóo e a quen lexisla contra o galego, esa “arma de construción masiva” en palabras de Isa Risco. ‘O Carrabouxo’ mesmo re-escribiu o ‘Hey Jude’ dos Beatles como ‘Fei-ju’ con retrouse de “deixa o galego / fala en inglés”.
A xente seguía a entrar como un gran regueiro nunha Quintana completiña de manifestantes que, malia todo, se apertaban cada vez máis para podelos acoller e que ninguén ficase fóra, os lemas en defensa do idioma ecoaban na gran praza de pedra, o ánimo seguía alto como os cumios de Pena Trevinca... “Aquí está o corazón de Galiza, e co corazón podemos ir ao final do mundo”, afirmou entre ovacións ‘O Carrabouxo’.

Música, risa, orgullo. Un país con futuro
Seguían entrando manifestantes nunha Quintana que non sabía xa onde metelos, mais que seguía a acollelos. Actuaron Migallas co seu ‘rap da lingua’ e puxeron a toda a praza a repetir o retrouso hip-hopeiro. ‘O Carrabouxo’ animou a todos e todas a sacar a lingua para amosar así a Feijóo o que opinaban os milleiros de presentes da súa política lingüística. E subiron ao escenario Mofa e Befa para facer un deses ´sketchs´- ‘lingua estofada’- para desencaixar mandíbulas das gargallas ao tempo que se daba unha sonora labazada a aqueles e aquelas que desprezan o galego.
E seguía a xente a querer entrar na Quintana, mais non cabía unha agulla e moitos optaron por se desperdigar polas tabernas do casco vello. Os colantes de ‘Queremos Galego’ e outros de defensa do idioma facíanse ben visíbeis en toda a zona vella da capital galega, e non só aí.
Uxía, Mariña, Cidre...
Os nenos e nenas que encabezaran a manifestación coa faixa de "Por nós" foron os encargados de ler o manifesto da mobilización perante milleiros de persoas. Non semella que iso se lles impuxese pois falaron do seu idioma, de que quereren vivir nel con total normalidade, de ter dereito a aprender no idioma no que falan, de querer ver na televisión pública galega debuxos actuais no seu idioma, de querer ter xogos e lecer na súa lingua... Exemplificaron ben a ‘anormalidade’ do galego na súa propia terra. E tamén os azos que hai de querer virar a situación.
Aplausos masivos e prolongados apoiaron as palabras destas crianzas e moz@s, “un exemplo de que o galego ten futuro”, malia todos os obstáculos.
Foi entón a quenda de Caxade, que acompañado do seu grupo e dunha ducia de bombos fermosamente atronadores, reivindicou un ‘galego mundial’ e interpretou ‘Foliom da Rebeliom’.
“Temos forza para reverter a situación”
Tomou entón a palabra o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, para sinalar que o acto deste 8F amosaba que “temos forza para reverter a situación” á que a Xunta quer condenar o galego. O ramo deste #8F púxoo a interpretación do Himno Galego por miles de gorxas ao son das gaitas. A Banda Sonora inmellorábel para unha xornada de reivindicación e de amor pola lingua que nos une.