Compostela quedouse pequena


Unha manifestación monumental, un torrente de enerxía colectiva en favor do ben máis preciado da nosa identidade nacional, a lingua galega. Un río humano formado por unhas 25.000 persoas compuxeron un único clamor, un berro cívico que ecou por todo o País e que dixo alto e claro que este País quer galego.
«Paremos os ataques contra o galego», así rezaba o lema co que Queremos Galego -unha plataforma formada por unha miríada de até 700 asociacións do tecido cívico deste País- chamaba máis unha vez ás galegas e aos galegos.
Paradoxalmente neste País, a xente ten que saír á rúa a defender a súa lingua…dos ataques que lle inflixe o seu propio Goberno!!!, aquel que de acordo coa legalidade vixente tería de se ocupar de termar dela e de lle emprestar o máximo apoio.
A manifestación tivo un ton eminentemente festivo e apresentou unha paisaxe humana do máis heteroxénea, con destaque especial para as máis mozas e os máis mozos, garantía de que a lingua non só ten presente -aínda que ferido- senón tamén futuro.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, atendeu aos meios de comunicación antes da manifestación partir da Alameda. Nas súas breves declaracións, Guillerme criticou que “o Partido Popular e o señor Feijoo, ao tempo que se adican a poñerlles flores á lingua galega con motivo do 17 de maio, fan o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non tire para adiante”.
E como mostra puxo “o que ven de facer o concello de Santiago, gobernado polo PP, poñendo todo tipo de obstáculos e pexas á realización desta manifestación”.Porén, tamén denunciou a dobre linguaxe do Partido Popular e de Feijoo “que ao tempo que se adica a poñer flores á lingua galega, fai o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non poida tirar para adiante”.
Guillerme concluíu lembrando que “se somos galegos e galegas é por obra e gracia do idioma, como dicía Castelao”.