Fernando Blanco asegura que "non imos permitir que a crise dos especuladores a paguen os traballadores"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, afirmou hoxe en Monterroso, en relación á actual situación económica, que “o BNG non vai permitir que a crise dos especuladores a paguen os traballadores”. Nun mitin no Centro Socio-Cultural da localidade xunto á número 2 da lista, Isabel Sánchez Montenegro, o candidato nacionalista contrapuxo “os modelos do BNG e o PP para saír da crise”, o do BNG, dixo, “baseado no mantemento do emprego e o incremento da protección social dos traballadores”, e o do PP, “que defende a baixada de salarios e a flexibilización do despido”, criticou Fernando Blanco.
O candidato nacionalista defendeu as propostas que está a facer o BNG diante da actual situación de crise económica, centradas en dous campos: “o apoio ás empresas para que manteñan actividade económica e emprego e a defensa dos traballadores e traballadoras e as prestacións sociais”. No primeiro eido Fernando Blanco situou a creación dun Instituto de Crédito Oficial galego que permita resolver o problema de financiamento das pequenas e medianas empresas e do sector do comercio, “unha banca pública que apoie aos sectores produtivos e asuma os riscos que os bancos non queren asumir neste momento”. No segundo dos campos, o da protección social, o candidato nacionalista defendeu a proposta do BNG para crear un complemento autonómico ao desemprego que complemente o poder adquisitivo dos traballadores que se queden no paro, igual que o que se puxo en marcha nesta lexislatura dende a Vicepresidencia da Xunta de Galiza para as pensións máis baixas.
“O BNG goberna para todos”
Fernando Blanco insistiu de novo hoxe en Monterroso en que “o BNG goberna para todos, tanto para os que son nacionalistas como para os que non”. Neste sentido, pediu o voto para o BNG “a todos os que queren que a provincia de Lugo teña máis peso no próximo Goberno galego”. Ademais, Fernando Blanco dixo que “nestes catro anos cando alguén nos pedía axuda para algunha actuación concreta nunca miramos de quen viña, senón que ese proxecto beneficiara aos veciños e veciñas”.