VICEPRESIDENCIA TEN VALORADO MÁIS DO 90% DAS SOLICITUDES DE DEPENDENCIA DE 40.000 GALEGOS E GALEGAS ESTÁN A SER ATENDIDOS POLO SISTEMA GALEGO DE BENES

O Sistema Galego de Atención á Dependencia ten valorado a 41.881 persoas con dependencia, o 90,35% das solicitudes presentadas, que a día de hoxe ascenden a 46.353. Estas cifras sitúan á comunidade galega como a terceira do Estado con maior número de dependentes valorados, só por detrás de Andalucía e Cataluña, que superan ao noso país en poboación.
En canto á atención ás persoas dependentes, un total de 39.233 galegos e galegas están a beneficiarse xa das prestacións do Sistema Galego de Benestar dentro da área de autonomía persoal. Entre estas, inclúense as 2.222 que xa perciben a libranza do coidador, o pagamento para coidadores habituais de dependentes que se contempla no catálogo de servizos do Sistema Galego de Atención á Dependencia.
Neste senso, a Vicepresidencia lembra que é un erro falar unicamente de “cobro” para referirse ás prestacións para a dependencia, posto que o catálogo de servizos ao que teñen acceso os dependentes galegos é moito máis amplo que a paga da libranza do coidador, e inclúe todas as prestacións e servizos recollidos na libranza da dependencia (centros de día, residencias, axuda no fogar, teleasistencia...) e na libranza do asistente persoal.
Respecto deste catálogo de servizos, a Vicepresidencia ten feito un importante esforzo para a mellora das prestacións e a súa cobertura. Como exemplo, cómpre salientar o programa de Axuda no Fogar, que pasou de 15 millóns de euros en 2005 a 35 millóns neste ano; ou o de Teleasistencia, que conta agora con 2 millóns de euros fronte aos 250.000 euros de 2005.
Por outra parte, entre o labor desenvolvido en materia de infraestruturas para o benestar, a Vicepresidencia ten posto en marcha unha Rede Galega de Centros de Día, que a día de hoxe xa acada os 55 equipamentos e 2.000 prazas. Este é o principal fin ao que se están a destinar os 60 millóns de euros que o Estado achegou a Galicia para saldar a débeda histórica coa nosa comunidade en materia de benestar, como froito da reclamacións e do traballo feito polo departamento que dirixe Anxo Quintana.
En canto ao financiamento da Lei de Dependencia, Vicepresidencia recorda que Xunta e Estado teñen que aportar os fondos ao 50%. A este respecto, o departamento autonómico ten achegado este ano 100 millóns de euros para a atención á dependencia a través do Sistema Galego de Benestar dos orzamentos da Xunta. A estes que hai que sumar 30 millóns de euros que a día de hoxe suman o conxunto das partidas aportadas a Galiza polo Estado para este fin, unha cifra por parte de Madrid que está moi lonxe do 50% comprometido.
Neste senso, é oportuno lembrar que na última reunión en Madrid do Consello Territorial da Dependencia, o pasado 23 de xullo, o Estado anunciou un recorte dos fondos do nivel acordado para financiar o custo dos servizos de dependencia, que pasaron de 430 a 241 millóns. Así, dos 872 millóns de euros para o financiamento do sistema de dependencia, había un principio de acordo co Estado para establecer o reparto destes fondos nun 50% para o nivel mínimo (o que recibe cada Comunidade Autónoma por cada persoa valorada e con prestación recoñecida) e outro 50% para o nivel acordado (a repartir entre as Comunidades co obxectivo de financiar o sistema público de atención á dependencia, centros, prazas e todos os servizos recoñecidos na Lei como dereitos). Desta última cifra, que ascendería a 430 millóns de euros, o Estado só vai achegar agora 241.
Nesta situación, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ten anunciado que na próxima xuntanza da Comisión Delegada de Dependencia en Madrid, que terá lugar o 4 de setembro, proporá a celebración dun Consello Territorial da Dependencia, que debería convocarse tamén no mesmo mes de setembro, no que se fixe con claridade cal é a cantidade que o Estado vai achegarlle a Galiza en 2009 para atención á dependencia, a fin de que se contemple nos Orzamentos Xerais do Estado.
Aínda así, o vicepresidente da Xunta, en nome do Goberno galego, ten garantido que sexa cal sexa a resposta do Goberno do Estado todos as persoas dependentes de Galiza con dereito a prestacións terán garantido o acceso aos servizos que lles corresponden.