O PSOE OPONSE Á DEMANDA DO BNG DE REVISAR OS ACORDOS COA IGREXA CATÓLICA "POR RAZÓNS DE OPORTUNIDADE POLÍTICA"

O PSOE opúxose esta tarde no Pleno á proposición non de lei do BNG que solicitaba a revisión dos Acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1979 para “adecualos ao carácter aconfesional do Estado español”. O portavoz socialista, Señor Quijano, afirmou que “non somos partidarios de abordar a revisión destes Acordos deste forma e neste momento”. Ademáis engadiu que “as razóns principais da nosa posición teñen que ver coa oportunidade e a lóxica política”. A proposición non de lei do BNG ficou rexeitada na votación.
A laicidade, asignatura pendente no Estado español
Na súa intervención perante a sesión plenaria, Jorquera manifestou que “unha das grandes asignaturas pendentes da democracia española é facer efectiva a laicidade do Estado, o seu carácter aconfesional e neutral en materia de crenzas”. Para o parlamentar nacionalista é un tema que non se debe demorar máis despois “dunha lexislatura pasada marcada pola intromisión sistemática da xerarquía eclesiástica católica no debate político”.
O deputado do BNG preguntouse se é lóxico que sigan inalterados uns acordos de hai trinta anos, e que aseguran o financiamento público da Igrexa, e tamén reprochou o feito de que exista un marco Estado-Igrexa católica privilexiado “distinto aos das outras confesións, sendo vinculante para o Estado e coa blindaxe duns Acordos Internacionais”. Amosou o respecto dos nacionalistas galegos a todas as crenzas e confesións relixiosas, “entre elas a católica á que pertencen moitos dos nosos militantes”.
Non á educación relixiosa no ensino público
Criticou o feito de que nun Estado democrático e aconfesional a Igrexa católica “siga gozando de privilexios e de ámbitos de decisión alleos ao control estatal, incluso cando ten encomendadas labores en servizos públicos como é o da educación relixiosa”. Aproveitou para deixar claro que o BNG considera que un sistema público debe educar no coñecemento das diferentes crenzas. “A transmisión dun sistema de crenzas non debe estar incluida na oferta obrigatoria do ensino público, debe impartirse fóra dos centros ou no seu caso fóra das horas lectivas”.
Aludiu ao caso do profesorado de relixión. “Non é de recibo que a Igrexa controle o ensino relixioso e aos profesores pero é o Estado quen asume plenamente o seu custe económico e a responsabilidade do seu nomeamento e cese”. Sinalou que isto “da lugar a todo tipo de arbitrariedades e a conculcación dos dereitos contemplados no Estatuto dos Traballadores”.
Concúlcase o principio de igualdade
Francisco Jorquera puxo de relieve a dificuldade de conciliar o principio de igualdade co feito de que a Igrexa se financie con fondos públicos. De igual xeito, “é igualdade que os contribuíntes que decidan marcar a casilla no IRPF destinada á Igrexa católica, detraigan cantidades do fondo común, polo tanto, teñen que facer un menor esforzo fiscal para custear os servizos de todos?”.
Finalmente, mencionou o traballo do profesor Dionisio Llamazares sobre os Acordos do Estado español coa Santa Sede cuxa leitura recomendou especialmente aos deputados do grupo socialista porque precisamente se pode baixar da páxina web do Partido Socialista. Subliñou que o BNG pretende coa súa iniciativa “perfilar o carácter laico do Estado separando o público do privado”, o que debería recibir o respaldo do PSOE.