Máis Vida para o Noso Medio Rural


“O BNG non quer planos de promoción do rural feitos desde Madrid”, afirmou o domingo o portavoz nacional, Anxo Quintana, no acto Máis Vida para o Noso Medio Rural organizado pola formación frentista nun ateigadísimo recinto feiral de Silleda. Asemade, destacou que a presenza do BNG no Goberno “está a ser moi valorada pola xente do medio rural

O portavoz nacional avaliou as recentes declaracións de Rajoy. “Afirman estar preocupados polos problemas da xente. É normal que se preocupen despois de 16 anos de lle causar problemas á xente”, dixo.

O líder nacionalista afirmou que as políticas para a Galiza interior non se poden medir só con criterios economicistas e destacou que o noso país deixará de ser nación “o día que non teña medio rural”.

O conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Alfredo Suárez Canal, animou os presentes a teren en conta “o factor humano nas próximas eleccións”, pondo de manifesto “que no medio rural hai persoas comprometidas que van rachar coa rotina dos gobernos municipais do PP para facer que aflore o potencial do noso medio rural”.

Suárez Canal acusou os gobernos do PP –a nivel autonómico, tamén municipal- de se ter instalado na indiferencia cúmplice de “dar por bon o despoboamento, o abandono de terras e a desvertebración social do medio rural”.

O conselleiro nacionalista afirmou que o BNG non se quer limitar á xestión diaria, senón que aposta “por modificar as estruturas porque Galiza así o necesita”.

Suárez Canal repasou as medidas do seu departamento: a Lei de Banco de Terras para mobilizar superficie agraria improdutiva; a Lei de Prevención de Incendios con medidas para cambiar en profundidade a política forestal; o impulso de contratos homologados entre produtores e transformadores no sector do viño, ou o Observatorio do sector lácteo.