Os galegos e galegas saíron de novo ás rúas das cidades e vilas de Galiza para conmemorar o Día das Letras Galegas, neste 17 de maio, e participar na mobilización expansiva convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego. Unha mobilización celebrada baixo o lema “Paremos os ataques o galego!” que se estendeu a cidades como Nova York, Belfast, Barcelona, Bos Aires, Oxford, Bruxelas ou Madrid.
En todos os actos, celebrados de forma simultánea, deuse lectura a unha escolma de textos de Castelao vinculados coa defensa da lingua galega, como xeito de pór en valor a figura dun dos nosos símbolos máis universais cando se fan 125 anos do seu nacemento, perante a negativa da Xunta de Galiza a facer ningún tipo de conmemoración institucional.
Tamén se leron textos do autor homenajeado este ano, Lois Pereiro e de autores e autoras de cada localidade ou comarca.
Ao coincidir este ano o 17 de maio en plena campaña electoral, un dos eixos reivindicativos da convocatoria foi tamén a galeguización efectiva dos concellos.
Os actos concluíron coa lectura do manifesto “Paremos os ataques contra o galego!”:
As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña.
Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.
Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a indefensión dos nosos dereitos lingüísticos é maior desde o momento en que a persoa que debería ser a primeira valedora do noso idioma –o presidente da Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.
É difícil facer unha listaxe completa de todo o destruído, mais recordemos cando menos algunhas cousas:
- A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.
- A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da educación infantil das cidades é en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias. Esta realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis a presenza do galego na escola.
- Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio do ano pasado, impide usar o galego.
- A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola propia Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha parte volveu a financiar a Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as familias no resto.
- A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.
- O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere que os nosos nomes de lugar deixen de ter como forma oficial a propia, a galega.
- A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.
- A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu de baixa as subscricións e negouse a pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban o noso idioma e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.
O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano o Día das Letras, di nun dos seus poemas:
A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.
Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao odio e fronte á indiferenza, o noso amor.
Paremos os ataques contra o galego!