O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou esta mañá en rolda de prensa a ausencia do presidente da Xunta en plena vaga de incendios. “Mentres Galiza arde, o señor da mangueiriña foise coa mangueira a Buenos Aires”, dixo o líder nacionalista en alusión á famosa fotografía que retratou ao actual presidente da Xunta, daquela na oposición, ante un lume.
“É evidente que a Xunta non dispón de efectivos adecuados para combater esta vaga de lume”, afirmou, “frente a esta problema, o goberno galego, unha vez máis, non está”.
A Xunta aplica, tal e como lembrou Guillerme, “unha política de recortes como solución aos problemas e ao final son a desgraza para a xente”, polo que instou ao goberno a que “tome decisións, medidas para combater a traxedia que estamos vivindo”.