Máis de 130 representantes da cultura galega solicitan o voto para o
BNG nas eleccións do próximo domingo nun manifesto chamado “A Cultura
Galega Precisa do BNG no Congreso e no Senado” que está aberto a novas
adhesións no sitio http://bngeculturagalega.wordpress.com. O seu
contido foi presentado en Santiago nunha conferencia de imprensa na que
tomaron a palabra o divulgador Uxío Novoneyra Rei, o director teatral
Arturo López, o escritor e teólogo Victorino Pérez Prieto, a profesora
María Pilar García Negro e a escritora e candidata do BNG ao Senado por A
Coruña Teresa Moure.
Segundo Pilar García Negro, que presentou aos participantes, “a
listaxe está chea de nomes fecundos que proseguen coa tradición de
compromiso que antes amosaron todos aqueles aos que lles doe este país
como Otero Pedrayo ou Rosalía de Castro”. “Non é unha listaxe de vougo
oroupel senón que representa o mundo do traballo, nacionalista ou non,
que reivindica que os galegos e as galegas queremos existir á luz do día
e que sabe que a cultura é unha necesidade dos humanos para non
converternos en simples números”, engadiu.
Pola súa parte, a escritora Teresa Moure recordou que o manifesto
trátase dunha valiosa achega “dun importante sector produtivo que ante
un forte acoso négase a deixar de ser galego”.
No manifesto están representados todos os sectores da cultura galega
e nel participan persoalidades da literatura, fotografía, artes
escénicas, música, ensino, comunicación, crítica ou banda deseñada.
Todos estes persoeiros da cultura galega aseguran no manifesto que piden
“o voto para o BNG nas súas candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao
Senado porque a súa presenza nestas cámaras garantirá, como até agora,
que a cultura galega exista en todo o que depende da política estatal e
europea. É vital que a voz galega siga a facer valer que existimos.
Desde 1996, esta voz ten un nome: Bloque Nacionalista Galego. Votémolo.
Pola conta que nos ten”.
O manifesto completo e a lista de asinantes, que segue aberta a novas incorporacións, pódese ler neste sitio web.