O portavoz nacional do BNG iniciou a súa avaliación dando as grazas “aos miles de galegos e galegas que hoxe deron o seu voto ao BNG”. Non esqueceu á militancia do BNG e así dixo que “mil grazas aos afiliados, aos amigos do BNG por ter feito un grande traballo do que se deben sentir orgullosos”. Asemade, tivo palabras de recoñecemento para a directora de campaña, Montse Prado.
Estaremos de lado do pobo e non dos banqueiros
Engadiu que o BNG “cumprirá a súa palabra punto por punto, traballaremos neste contexto de problemas, traballaremos por Galiza e pola democracia, polos dereitos das persoas como é a sanidade e a educación”. Guillerme Vázquez subliñou que o BNG “traballará de lado dos que padecen a crise e fronte á dereita”. Agradeceu a confianza e asegurou que “non fallaremos, traballaremos por un cambio de rumbo e estaremos de lado do pobo e non dos banqueiros. Traballaremos por unha saída galega e social á crise”.
Respeito á victoria do PP, Guillerme Vázquez afirmou “respectar o que elexiu o electorado”, máis advertiu que virá “unha etapa de profundización nas políticas de dereitas xa iniciadas polos Gobernos saíntes, haberá máis recortes para o pobo, máis beneficios para a banca e, desde logo, nada agardamos en relación ao respecto polos diferentes sectores produtivos, os dereitos de Galiza”. O BNG, asegurou, “respecta o resultado e estará en frente das políticas de dereitas”.
Saudou tamén a expansión do nacionalismo en Euskadi e en Catalunya. Indicou que “todas as forzas deben saber o punto de partida para poder avaliar o punto de chegada. Contra vento e marea, podemos dicer que obtivemos un magnífico resultado que evidencia a nosa recuperación. Hai confianza no BNG. Superamos o test con éxito grazas ao traballo entusiasta dos militantes e grazas á confianza da cidadanía”. Celebramos os resultados porque “Galiza seguirá a ter presenza nas Cortes. A partir de mañá seguiremos a traballar”.