Primeiro de Maio de 2012: Por emprego digno, non ás políticas económicas e laborais do Partido Popular

A CIG convoca mobilizacións por todo o país coincidindo co Día Internacional da Clase Traballadora

Afrontamos este 1º de Maio sumidos/as nunha profunda crise económica que afecta de forma moi directa á clase traballadora a través da perda de miles de empregos, redución de salarios, precarización das condicións de traballo, perda de dereitos, etc. As políticas económicas, sociais e laborais que está a promover o PP a través dos Gobernos español e galego, seguindo as directrices de institucións como o FMI, o BCE ou a Comunidade Europea, responden ao seu modelo ideolóxico de economía neoliberal e de defensa dos intereses da banca, dos especuladores e da oligarquía financeira. Contra isto, a CIG chama á clase traballadora galega a participar nas mobilizacións convocadas en todo o país para reclamar emprego digno e rexeitar as medidas antiobreiras que se nos están a impoñer
As políticas, iniciadas polo PSOE e continuadas agora polo PP con máis virulencia, de recorte de gasto público, de deterioración de servizos públicos como ensino, saúde e servizos de asistencia social, de facilitar e abaratar o despedimento, de incrementar a idade de xubilación e reducir a contía das pensións futuras, etc, responden á defensa do mesmo modelo económico de capitalismo neoliberal. Son políticas que non serven para saír da crise económica e que realmente o que buscan é incrementar os beneficios e o poder económico do capital financeiro especulativo, cargando os custos da crise económica ás clases traballadoras.
Temos que rebelarnos contra estas políticas e este sistema económico, esixindo dos gobernos que fagan políticas que realmente axuden a saír da crise e que o fagan desde unha perspectiva favorábel aos intereses da maioría social. Si existen alternativas, si é posíbel facer outro tipo de políticas diferentes como é combater realmente a fraude fiscal, facer unha política impositiva para que pague máis quen máis ten, incrementar os impostos ás rendas do capital, crear unha banca pública que garanta crédito a familias e pequenas empresas, incrementar o investimento público e os salarios como mecanismo de reactivación da economía e xerar emprego, rematar co especulación coa débeda pública pola vía de que o BCE compre directamente débeda ao estados, negarse os estados a pagar a débeda pública ilexítima....
Este sistema económico non garante dereitos básicos e universais á poboación. Este modelo económico e social obriga a clase traballadora a estar permanentemente en loita na defensa dun salario e dun posto de traballo digno; dun ensino e dunha sanidade públicos e de calidade; dunha vivenda para todos/as; dunha alimentación sa; dunha política industrial, agrícola e de infraestruturas respectuosa co medio ambiente... Este é un modelo económico ao servizo dunha minoría social e nestas situacións de crise é cando mellor se pon de manifesto.
Temos pois que loitar por un novo modelo de organización a nivel social e económico, realmente democrático, que sirva aos intereses da maioría social e no que as clases populares e os seus representantes, sociais e políticos, sexan os que fixen as políticas económicas e laborais e non institucións políticas e financeiras ao servizo do capital.
Polo que respecta á clase traballadora galega, hoxe máis que nunca, precisamos poder decidir por nós mesmos as nosas condicións laborais e sociais, por iso esiximos un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con competencias plenas, en correspondencia co exercicio do dereito á soberanía política plena da nación galega.

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA
VIVA GALIZA CEIBE E SOCIALISTA
VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO

HORARIOS DAS DISTINTAS MANIFESTACIÓNS E CONCENTRACIÓNS:
Comarca: Hora: Saída dende
Vigo ás 12,00 h. Cruce da Doblada
A Coruña ás 12,00 h. Praza de Vigo
Pontevedra ás 11,30 h. Praza da Ferrería
Ferrol ás 12,00 h. Avda. de Esteiro (local da CIG)
Santiago ás 12,30 h Praza Roxa
Lugo ás 12,30 h. Ronda da Muralla (edificio sindical)
Ourense ás 12,30 h. Pavillón dos Remedios
Ribeira ás 12,00 h. Praza do Peixe
Mondoñedo ás 12,30 h. Diante da ECAR
Vilagarcía ás 12,00 h. Casa do Mar
A Estrada ás 12,00 h. Praza do Concello

O punto de información turística non funciona

O BNG d’O Saviñao ten feito un seguimento continuado do punto de atención turística instalado hai uns meses no exterior do concello do Saviñao. Neste tempo puidemos constatar a práctica inoperatividade do servicio, xa que, de continuo, non se pode conectar á web www.rsacra.es. Ademais, hai que resaltar que esta web é dun baixo nivel documental no que se refire ao noso concello, nos ámbitos de patrimonio.  Tan só estaban reflexadas 4 igrexas, cando temos censados 263 elementos de arquitectura civil, 58 elementos de arquitectura relixiosa e 87 xacementos arqueolóxicos catalogados. Un bó número para facer unha escolma ampla. Por último, reflectir que a cita web non ten a posibilidade de escoller o idioma galego.
É lamentable que durante o período vacacional de Semana Santa, no que se rexistrou unha grande afluencia de visitantes non estivese en funcionamento este punto turístico, o que motivou un descontento xeneralizado.
Queremos facer un chamamento ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e ao noso Concello para que urxan ao servicio técnico que se coida da instalación para que solucionen de inmediato os problemas que impiden a visualización, así como que se mellore o contido documental da web para que quede reflectida a gran riqueza natural e artística que posúe o Saviñao. E, por suposto, que os contidos podan ser tamén visualizados na nosa lingua.

Sermos Galiza



Hoxe 26 de abril, xa hai un noxo xornal dixital na rede: www.sermosgaliza.com
Ademais, a partir do 17 de maio contará tamén cun semanario en papel.
Fan falla subscriptores, ANIMATE!

O estado do edificio da biblioteca de Escairón

Non hai máis que ver as seguintes fotos para observar a falta de planificación que ten o Concello do Saviñao no mantemento periódico dos edificios públicos.




O mantemento predictivo, aquel que se realiza para que as cousas non se estropeen, que se realiza antes de que os fallos ocurran e para que os fallos non se produzan, é unha técnica moi utilizada na industria e que da resultados moi positivos adiantandose aos problemas.
O estado do edificio da Biblioteca Municipal é un claro exemplo de que as cousas se están facendo mal.
Por non realizar unha limpeza planificada do tellado e un mantemento con productos específicos para a madeira, estamos vendo que como non se tomen medidas rápidamente as solucións para parar o deterioro do esdificio van ter que ser máis drásticas.
Polo que,  a Asamblea Local do BNG do Saviñao solicitou o pasado 26 de marzo que:
QUE O CONCELLO DO SAVIÑAO SE DISPOÑA A REALIZAR UNHA LIMPEZA DO TELLADO E CANALON DO EDIFICIO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL ASÍ COMO UN TRATAMENTO COS PRODUCTOS QUÍMICOS NECESARIOS PARA QUE A MADEIRA DE PORTAS, VENTÁS, CORREDOR ETC NON SIGA DETERIORÁNDOSE.

O BNG do Saviñao preocupase pola seca

Este inverno está sendo un dos invernos máis secos dos últimos cincuenta anos polo que xa comeza a ser alarmante e, á espera do que poida acontecer na primavera, a falta de chuvias está sendo a día de hoxe unha preocupación para as veciñas e vecinos do Saviñao.

Os informes realizados por METEOGALICIA, non auguran precipitacións a curto-medio prazo, polo que existe a posibilidade real de que as reservas municipais de auga se esgoten durante o verán.

 Polo que,  a Asamblea Local do BNG do Saviñao, presentou a semán pasada no rexistro de entrada do Concello as seguintes preguntas dirixidas ao Alcalde:


1)    Cal é a situación das reservas de auga do Saviñao?

2)    Que medidas está a adoptar o Concello para aforrar auga?

3)    Existe un “Plan de Emerxencia” para o caso de que a seca continúe?

4)    Haberá restriccións de auga?

5)    Hai plans para aumentar a capacidade da presa de Iglesiafeita?


Lumes, Nunca máis!

Reproducimos aquí un comunicado que fixo hoxe ADEGA e que foi censurado polos medios de comunicación subvencionados pola Xunta de Galiza.

A reacción cidadá perante a catástrofe ecolóxica do Eume non se fai esperar: este luns 2 ás 20h constituirase en Pontedeume a Plataforma pola Defensa das Fragas do Eume da que ADEGA fará parte. Trataremos de sensibilizar á opinón pública do valor ecolóxico que aínda conservan as Fragas; demandaremos da Xunta medidas para remediar no posible os impactos do lume no ecosistema do Parque e esixiremos unha investigación exaustiva das causas do incendio e as responsabilidades penais e políticas que procedan. ADEGA chama tamén a participar nas diversas concentracións de protesta por esta catástrofe que se están a preparar nas principais vilas e cidades galegas. É unha traxedia para o País, que a cidadanía non pode esquecer nen perdoar!

Independentemente das causas do lume nas Fragas, claramente intencionado, ADEGA cre preciso promover unha reflexión que trascenda a coxuntura particular deste incendio. Cómpre analisar as causas de fondo, tanto das políticas de loita contra o lume e de xestión dos nosos montes como das de conservación, e non esquecermos esixir responsabilidades aos que as deseñaron e executaron.
Encol da política forestal, a cidadanía merece que a administración resposte a estas cuestións chave:
-Quen recurtou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción?
-Quen promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas?
-Quen reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminou o Voluntariado do Monte, suspendeu as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), desactivou as UXFOR e abríu a porta á especulación do monte coas SOFOR?

E a respeito das políticas de conservación, cómpre tamén reflexionar sobre a actual situación dos nosos espazos protexidos, abandoados á súa sorte, sen investimentos nen iniciativas (PORN, PRUX) que garantan a conservación do patrimonio natural que atesouran. E non só iso: a Xunta levou a cabo unha estratexia de demolición controlada destes espazos, através das modificacións da Lei do Solo, do POL, do PDA, etc. que rematou finalmente cun Plano Director da Rede Natura para permitir nas zonas de maior valor ambiental, mesmo en Parques Naturais, piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico...
Todas estas iniciativas son responsabilidade da actual Xunta e non son alleas á catástrofe que agora sofren as Fragas do Eume. Non é isto tan delictivo como a actuación dos pirómanos que lle puxeron lume?

Participa na Folga Xeral!


ACTUEMOS!
é tempo de respostas
A Asemblea local do BNG do Saviñao chama aos veciños e veciñas do noso concello a que participen na Folga Xeral do 29M convocada polo sindicalismo nacionalista.


Aquí vos deixamos os horarios das manifestacións que terán lugar nas diferentes cidades e vilas galegas no día da folga xeral, 29 de marzo.
  • Vigo: ás 12h desde o cruce da Doblada
  • Lugo: ás 12:30h desde o parque de FRIGSA
  • A Coruña: ás 12h desde a Praza de Vigo
  • Vilagarcía: ás 12h desde a Casa do Mar
  • Compostela: ás 12:30h desde a Praza Roxa
  • Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe
  • Cee: ás 12.00 horas diante do Concello
  • Pontevedra: ás 12h desde a Praza da Ferrería
  • Foz: ás 19h na Casa do Concello
  • Ferrol: ás 13h desde a Avenida de Esteiro (local da CIG)
  • Xinzo de Limia: ás 11:30 na Praza do Concello
  • Ourense: ás 12h desde o pavillón dos Remedios
  • Verín: ás 11:30 na Praza do Concello

Guillerme responsabiliza a Feijóo do brutal aumento do paro e da débeda

"A Patronal está feliz e contenta con esta reforma. Mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como despedir máis barato"

"O PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde nun acto sobre a reforma laboral en Lugo, no que tamén interviron a deputada Isabel Sánchez e o portavoz municipal, Antón Bao.
Alí, Guillerme a Feijóo de ser o máximo responsábel político do “brutal incremento do paro e da débeda” en Galiza.
Tal e como enfatizou o líder nacionalista, estamos ante unha reforma “agresiva cos asalariados e asalariadas, agresiva con Galiza, onde os salarios están por baixo da media estatal e onde o paro medra por riba da media estatal”.
“Atopámonos ante unhas medidas inxustas que deprimirán aínda máis o consumo e agravarán a crise das pequenas e medianas empresas”, explicou o líder nacionalista, “logo é mala para os asalariados e para a economía en xeral”, concluíu.
O portavoz nacional afirmou que as medidas adoptadas por Rajoy son “as que lle pedían os mercados e a patronal. Eles presionaron e seguen presionando. Agora tócanos a nós. É o noso momento para dicir NON a esta reforma antisocial e para presionarmos o goberno. É o momento da mobilización en defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras e aí estará, como sempre estivo o BNG”.
“A Patronal está feliz e contenta con estas medidas”, continuou, “a proba é que mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como aproveitar as medidas para despedir máis barato”.
Agora, tal e como enfatizou o portavoz nacional, “o PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos”.
“Os aparatos do poder machucan coa consigna de que a folga xeral non serve para nada. Pois eu dígovos que o que non serve para nada é a resignación e ficar na casa de brazos cruzados. A sociedade ten dúas armas para defenderse: o voto e a mobilización social. Agora é o tempo da mobilización para defender aquilo que tanto custou conquistar”, concluiu.