O BNG d’O Saviñao ten feito un seguimento continuado do punto de atención
turística instalado hai uns meses no exterior do concello do Saviñao. Neste
tempo puidemos constatar a práctica inoperatividade do servicio, xa que, de
continuo, non se pode conectar á web www.rsacra.es.
Ademais, hai que resaltar que esta web é dun baixo nivel documental no que se
refire ao noso concello, nos ámbitos de patrimonio. Tan só estaban reflexadas 4 igrexas, cando
temos censados 263 elementos de arquitectura civil, 58 elementos de
arquitectura relixiosa e 87 xacementos arqueolóxicos catalogados.
Un bó número para facer unha escolma ampla. Por último, reflectir que a cita web non ten a posibilidade de escoller o
idioma galego.
É lamentable que durante o período vacacional de Semana Santa, no que se
rexistrou unha grande afluencia de visitantes non estivese en funcionamento
este punto turístico, o que motivou un descontento xeneralizado.
Queremos facer un chamamento ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e ao
noso Concello para que urxan ao servicio técnico que se coida da instalación
para que solucionen de inmediato os problemas que impiden a visualización, así
como que se mellore o contido documental da web para que quede reflectida a
gran riqueza natural e artística que posúe o Saviñao. E, por suposto, que os
contidos podan ser tamén visualizados na nosa lingua.