A CIG convoca mobilizacións por todo o país coincidindo co Día Internacional da Clase Traballadora
Afrontamos este 1º de Maio sumidos/as nunha profunda crise económica que afecta de forma moi directa á clase traballadora a través da perda de miles de empregos, redución de salarios, precarización das condicións de traballo, perda de dereitos, etc. As políticas económicas, sociais e laborais que está a promover o PP a través dos Gobernos español e galego, seguindo as directrices de institucións como o FMI, o BCE ou a Comunidade Europea, responden ao seu modelo ideolóxico de economía neoliberal e de defensa dos intereses da banca, dos especuladores e da oligarquía financeira. Contra isto, a CIG chama á clase traballadora galega a participar nas mobilizacións convocadas en todo o país para reclamar emprego digno e rexeitar as medidas antiobreiras que se nos están a impoñer
As políticas, iniciadas polo PSOE e continuadas agora polo PP con máis virulencia, de recorte de gasto público, de deterioración de servizos públicos como ensino, saúde e servizos de asistencia social, de facilitar e abaratar o despedimento, de incrementar a idade de xubilación e reducir a contía das pensións futuras, etc, responden á defensa do mesmo modelo económico de capitalismo neoliberal. Son políticas que non serven para saír da crise económica e que realmente o que buscan é incrementar os beneficios e o poder económico do capital financeiro especulativo, cargando os custos da crise económica ás clases traballadoras.
Temos que rebelarnos contra estas políticas e este sistema económico, esixindo dos gobernos que fagan políticas que realmente axuden a saír da crise e que o fagan desde unha perspectiva favorábel aos intereses da maioría social. Si existen alternativas, si é posíbel facer outro tipo de políticas diferentes como é combater realmente a fraude fiscal, facer unha política impositiva para que pague máis quen máis ten, incrementar os impostos ás rendas do capital, crear unha banca pública que garanta crédito a familias e pequenas empresas, incrementar o investimento público e os salarios como mecanismo de reactivación da economía e xerar emprego, rematar co especulación coa débeda pública pola vía de que o BCE compre directamente débeda ao estados, negarse os estados a pagar a débeda pública ilexítima....
Este sistema económico non garante dereitos básicos e universais á poboación. Este modelo económico e social obriga a clase traballadora a estar permanentemente en loita na defensa dun salario e dun posto de traballo digno; dun ensino e dunha sanidade públicos e de calidade; dunha vivenda para todos/as; dunha alimentación sa; dunha política industrial, agrícola e de infraestruturas respectuosa co medio ambiente... Este é un modelo económico ao servizo dunha minoría social e nestas situacións de crise é cando mellor se pon de manifesto.
Temos pois que loitar por un novo modelo de organización a nivel social e económico, realmente democrático, que sirva aos intereses da maioría social e no que as clases populares e os seus representantes, sociais e políticos, sexan os que fixen as políticas económicas e laborais e non institucións políticas e financeiras ao servizo do capital.
Polo que respecta á clase traballadora galega, hoxe máis que nunca, precisamos poder decidir por nós mesmos as nosas condicións laborais e sociais, por iso esiximos un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con competencias plenas, en correspondencia co exercicio do dereito á soberanía política plena da nación galega.
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA
VIVA GALIZA CEIBE E SOCIALISTA
VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO
HORARIOS DAS DISTINTAS MANIFESTACIÓNS E CONCENTRACIÓNS:
Comarca: Hora: Saída dende
Vigo ás 12,00 h. Cruce da Doblada
A Coruña ás 12,00 h. Praza de Vigo
Pontevedra ás 11,30 h. Praza da Ferrería
Ferrol ás 12,00 h. Avda. de Esteiro (local da CIG)
Santiago ás 12,30 h Praza Roxa
Lugo ás 12,30 h. Ronda da Muralla (edificio sindical)
Ourense ás 12,30 h. Pavillón dos Remedios
Ribeira ás 12,00 h. Praza do Peixe
Mondoñedo ás 12,30 h. Diante da ECAR
Vilagarcía ás 12,00 h. Casa do Mar
A Estrada ás 12,00 h. Praza do Concello