Jorquera cualifica de gravísimos os feitos publicados no xornal El País e anuncia que o BNG xa rexistrou a petición de comparecencia urxente de Montoro e unha comisión de investigación no Congreso
O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, emprazou a Mariano Rajoy a que aclare os feitos publicados no xornal El País “e unha de dúas, se insiste en que non son certos presente querela contra Bárcenas e os medios que publicaron eses datos e senón só ten unha saída, presentar a súa dimisión de forma inmediata”.
Jorquera, en declaracións aos medios, cualificou de “extremadamente graves” as noticias difundidas hoxe polo xornal madrileño, que rebelan claros indicios de financiación irregular do PP e pagos periódicos en B a boa parte da cúpula deste partido, entre eles o propio presidente do goberno, Mariano Rajoy.
O voceiro nacionalista asegurou que de se demostrar estas irregularidades sería un atentado contra a saúde da democracia, por iso urxe unha explicación por parte de Rajoy e adopción de medidas rexeneradoras.
Neste sentido, anunciou que o BNG no Congreso acaba de rexistrar a solicitude de comparecencia urxente do ministro de Facenda, Cristobal Montoro, para que aclare por que negou que Bárcenas se acollera á amnistía fiscal, e reclama tamén unha comisión de investigación na Cámara alta.
Explicacións de Feijóo
Asemade, emprazou tamén a Núñez Feijóo a que aclare as posíbeis ramificacións das presuntas contas irregulares en Galiza, concretamente a partida que figura baixo o epígrafe Galicia O.C.
Para Jorquera, os feitos dos que se está a falar son reprobabéis do ponto de vista xurídico, ético e político en calquera circunstancia pero máxime nun contexto no que o partido beneficiario dese suposto financiamento irregular está a aplicar medidas na sociedade, dende o goberno, que esixen grandes sacrificios aos cidadáns.
“Agora xa sabemos por que o goberno do PP recorta drasticamente a financiación pública dos partidos, porque xa ten resolta a súa por outros mecanismos, cando é o financiamento público o que asegura o control democrático, a transparencia e a equidade”.