POLO DEREITO AO TRABALLO, Á IGUALDADE, AOS SERVIZOS PÚBLICOS E Á PLENA SOBERANÍA NACIONAL GALEGA POLO DEREITO AO TRABALLO, Á IGUALDADE, AOS SERVIZOS PÚBLICOS E Á PLENA SOBERANÍA NACIONAL GALEGA. POR UN PROCESO CONSTITUÍNTE E DE RUPTURA DEMOCRÁTICA


Herdeiras e herdeiros da esperanza de Celso Emilio, erguemos a voz nun tempo escuro para convocar a sociedade galega, a esa inmensa maioría social traballadora, a unha resposta de dignidade e  loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultural, política e económica, que están a  provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país, Galiza.
Esta convocatoria quere sinalar como responsábeis os gobernos-títere que atenden submisos ás imposicións dos mercados capitalistas e dos especuladores, grandes empresarios e defraudadores en prexuízo do  acervo de dereitos económicos, sociais e culturais e das liberdades políticas que precisamos as galegas e galegos para podermos exercer a nosa condición de cidadanía social. Ese complexo de dereitos e liberdades  constitúen os alicerces do outro país que arelamos, ceibe do complexo de violencias estruturais que en  todos os eidos da vida social feren as condicións materiais de vida da inmensa maioría traballadora do país.
O réxime político da 2ª Restauración esmorece provocando unha violenta destrución social, económica e  cultural sobre o noso pobo, cuxa maioría traballadora contempla a destrución de emprego e o crecemento  do paro, desa Galiza que xa ten máis de 350.000 persoas sen traballo e que contempla como a mocidade ten  como único futuro emigrar; a voadura dos sectores produtivos estratéxicos do país, do naval ao agrogandeiro pasando polo esganamento da investigación e o desenvolvemento; a privatización e espolio do aforro  galego que se quere entregar ao gran capital financeiro; a degradación e privatización dos servizos públicos  educativos, sanitarios, sociais e mesmo da xustiza; o roubo e escándalo dunha corrupción funcional ás  relacións sociais de produción capitalistas; o emprego do goberno autonómico para destruír a nosa lingua e  cultura; ou o incremento continuado da represión policial, xudicial e carceraria, como estamos a ver, contra  aqueles movementos sociais, sindicais e políticos que rexeitan este réxime. E como corolario desas agresións, o medo, a pobreza, a precariedade social, a dor e angustia e incluso os suicidios. Denunciamos un  réxime político e de acumulación de capital que amortalla vidas, esperanzas e mesmo cadáveres para atesourar moedas, cobiza e egoísmos.
Un réxime onde os sectores máis conservadores gañan tempo nunha das súas batallas máis mediáticas: a
eliminación de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Este ataque contra o dereito a decidir sobre a
 non é accidental e está marcada pola ofensiva contra os dereitos conquistados polas mulleres  nos últimos anos. Ao cuestionar a sabedoría das mulleres para decidiren sobre seus corpos e criminalizar  aquelas que non queren ser nais, as posicións antiabortistas reforzan o seu papel como nais e esposas no  ámbito doméstico.

Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar, porque foi protexido de calquera tipo de mudanza e rexeita mesmo discutir. A súa lexitimidade do punto  de vista político está cada día máis deteriorada e só lles fica o recurso permanente á represión para enfrontar as lexítimas demandas do pobo.
Só nos deixan un camiño para as transformacións que as persoas precisamos: A MUDANZA DE SISTEMA.
Os señores de negro, coa complicidade do gran capital, impoñen o secuestro dos dereitos fundamentais do  noso pobo: económicos, sociais, lingüísticos e nacionais; utilizando a Constitución de 1978 como útil ferramenta  ao  servizo  dos  intereses  dunha  poderosa minoría  oligárquica  empeñada,  en  nome  da  ilexítima  débeda e da “unidade de mercado”, na precarización e españolización definitivas de Galiza.  Estamos perante un momento decisivo para configurarmos o futuro: o vello está a morrer e aínda non  agromou o novo. Todos os días afrontamos unha loita decisiva entre o poder económico de banqueiros,  especuladores e grandes empresarios que contan coa complicidade dos partidos do réxime, e nós, a maioría do pobo traballador na defensa dunhas condicións de vida dignas. Esa loita require da suma de forzas e  esforzos partillados para construírmos un futuro distinto e mellor para o noso pobo; pobo que se achega a  esa loita necesaria cos “poderes da fouce i-os poderes da frol/ os poderes do traballo, do pranto e do pan”, á  loita xerminal que aventurou o verso de Lorenzo Varela.
Facemos un chamado ancorado na razón emancipatoria á cidadanía consciente deste país e ao conxunto  das forzas sociais e políticas e ao sindicalismo de clase do país, a esa inmensa maioría que vive do seu  traballo, a se mobilizar nunha primeira acción pública que afirme a determinación e vontade de producir de  xeito compartido un novo marco político, social e cultural, que acubille a toda a sociedade galega e permita o  despregue de todas as capacidades e potencias que posuímos e que se atopan hoxe en día lastradas por un  réxime político e social esgotado e que non é quen de garantir condicións de vida digna á maioría da sociedade, condenando á pobreza a máis de medio millóns de galegas e galegos.
Hoxe en día cómpre artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os  nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo, de xeito que non teñamos  que emigrar para gañar a vida, que non sexa posíbel sufrir un  desafiuzamento, que as mulleres e homes
que viven e traballan en Galiza, con independencia  da  súa  situación  administrativa,  teñan acceso libre aos servizos públicos da  nosa sociedade. Non haberá dereitos, liberdades  e  soberanía  nacional  galega  se  non sobardamos os estreitos e antidemocráticos muros deste réxime e damos carta de  natureza ás prácticas da democracia participativa  e  directa. Cando  se  afasta  o  pobo,  o  baleiro  ocúpano  os  intereses  do  capital.
Cando o común enche as rúas, gaña o interese xeral e o ben público. Para  sermos  máis,  e  maioría,  na  tarefa  de  construír unha Galiza soberana de iguais en  liberdade,  convocamos  a  cantas  persoas  e  entidades acreditan na urxencia e importancia  de artellarmos un espazo plural e partillado de  acción  política  e  loita  social  que  rescate  os  poderes públicos do secuestro que sofren polo  capitalismo  da  globalización  ultraliberal  e  permita o exercicio da dignidade, da xustiza e  da plena soberanía nacional ao pobo galego.