O BNG do Saviñao ven
de presentar no concello o texto remitido pola Plataforma de Afectados Polas
Preferentes, instando á corporación a tomar os seguintes acordos:
- Instar
ao Goberno do Estado Español a que arbitre os mecanismos legais necesarios
para devolverlles a todos os aforradores o diñeiro depositado nas
entidades de crédito baixo a fórmula de participacións preferentes ou
capital subordinado, sen quita de ningunha especie.
- Demandar
da Xunta de Galiza que se opoña política e xudicialmente a proposta de
quita que para estes produtos financeiros propón o Ministerio de Economía
e a Comisión Europea, presentado, entre outras medidas, un recurso de
inconstitucionalidade contra a Lei 9/2012, de 14 de novembro de 2012,
aprobada polo goberno do Estado e que faculta ao FROF para impoñer esta
medida unilateralmente
- Apoiar
e participar activamente, con todos os medios ao seu alcance, nas
concentracións, manifestacións e outros actos reivindicativos que as persoas
afectadas a través da Plataforma Preferentes Lugo organicen na defensa dos
seus dereitos e intereses.
Está petición de
acordo é idéntica a que fora xa aprobada no Concello de Monforte e dende o BNG,
esperamos que a corporación municipal do Saviñao, se poña do lado dos veciños
aprobando e apoiando estas reivindicacións que eles mesmos redactaron e nos
trasladaron.
A solución a esta
estafa, é un problema político e só con vontade política pode ser arranxada.
Dende o BNG queremos lembrar que foi o Ministro de Economía do Estado, Luís de
Guindos, quen aceitou nas súas negociacións coa Unión Europea, a quita dos
cartos dos estafados en troques de recibir os cartos para rescatar aos bancos. Aliás,
foi quen de non defender aos aforradores, mentido e dicindo que todos os
afectados por participacións preferentes e obrigacións subordinadas eran
“inversores”.
Dende o BNG,
reclamamos que a Xunta volva a axilizar a arbitraxe, que practicamente está
paralizada tras pasar as eleccións, xa que se foron sacando árbitros até
reducilo a un pola mañá e outro pola tarde, o que da unha media de 20
arbitraxes diarios. Este proceder da Xunta de Galiza, demostra que o interés
posto polo PP na solución do problema pola vía do arbitraxe no foi máis que
propaganda electoral e que, pasadas as eleccións, esqueceuse do problema.