Solidariedade co Pobo Palestino


1.-O Bloque Nacionalista Galego quer expresar a súa máis enérxica condena perante a operación de  limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestino na Franxa de Gaza.Queremos denunciar as prácticas de terrorismo de Estado de Israel contra a poboación civil desarmada, que xa se ten traducido na morte de moitas crianzas palestinas.

2.-Condenamos tamén a cumplicidade colaboracionista con estes monstrosos crimes por parte dos Gobernos do Estado Español, da Unión Europea e dos Estados Unidos.
Sen o amparo da Unión Europea e moi nomeadamente dos Estados Unidos non sería posíbel que Israel violase permanentemente a legalidade internacional, os dereitos humanos do pobo palestino e incumprise impunemente as resolucións de Nacións Unidas.
Non perdamos de vista que Israel actúa en Oriente Próximo como un peón da política imperialista dos Estados Unidos.

3.-O Bloque Nacionalista Galego insta ao Goberno español a que cese na súa política colaboracionista con Israel e a que se poña do lado do respeito da legalidade internacional.
O Bloque Nacionalista Galego empraza ao Goberno a que defenda no seo da Unión Europea a denuncia do Acordo de Asociación entre a UE e Israel mentres este Estado non poña fin aos seus ataques  terroristas.
O Acordo de Asociación entre a UE e Israel debe suspenderse até que o Estado hebreo cumpra coas  resolucións de Nacións Unidas e, portanto, abandone os territorios que ocupa de forma ilegal desde  1967.

4.-A restauración da xustiza e do respeito dos dereitos humanos e a legalidade internacional pasa  en Oriente Próximo polo recoñecimento do dereito de autodeterminación do pobo palestino. Deben criarse as condicións que permitan, co necesario desarme do terrorista Estado de Israel, que  Palestina se dote dun Estado propio economica e territorialmente viábel. Esta é unha causa non só do pobo palestino, senón de todos os pobos que, como o galego, aspiran á  xustiza e á liberdade.
As bombas que caen sobre o pobo palestino caen tamén sobre todos os pacifistas, sobre todos os  demócratas, sobre todos os anti-imperialistas. Caen sobre todos e todas nós.

Mais tede por seguro que a loita do pobo palestino non será baldía.
Lembremos aquí o que dicía Mahatma Gandhi: 
"Ten habido tiranos, ten habido asasinos, e por un tempo poden  parecer invencíbeis, pero ao final, sempre caen".


Viva o pobo palestino! 
Palestina Vencerá!