O BNG chama á rebelión da cidadanía ante a folga xeral do 14-N


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ofreceron unha rolda de prensa despois de manter un encontro no que analizaron a situación fronte á convocatoria de folga xeral do vindeiro 14 de novembro.
O líder do BNG afirmou de xeito rotundo que, ante a crise e as súas consecuencias podemos dicir “que nada paga a pena, ou saírmos da resignación, levantarnos e tentar cambiar o rumbo desta situación a todas luces desastrosa”.
Guillerme lembrou que “pola vía da resignación non hai saída para ninguén” e, parafraseando as afirmacións atribuídas a Bertol Bretch asegurou que “virán tamén a por cada un de nós”, polo que animou á poboación a rebelarse e secundar a folga, “facer frente a esta política que continúa a facer o PP”.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, referiuse de xeito máis específico á situación laboral pola que pasan milleiros de persoas no noso país, “consecuencia das sucesivas reformas laborais que tiñan como obxectivo a caída dos salarios e que se traducirá en 2013 nunha caída do consumo”.
Seixo referiuse ás manobras utilizadas dende as empresas para perpetuar a má situación dos seus traballadores e traballadoras agardando a que caduquen os seus convenios para prorrogar os convenios colectivos ante “as dificultades de mobilización social”.
O secretario xeral da CIG denunciou os recortes das liberdades públicas, a precarización das condicións laborais e as políticas de axustes para favorecer que os estados poidan pagar aos bancos e aludiu tamén á mobilización como única vía para termos un “futuro prometedor”.