Apoio do BNG ás mobilizacións dun sector lácteo a piques de ser “desafiuzado”

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a portavoz de Medio Rural no Parlamento, Tereixa Paz e o tenente de alcalde de Silleda e portavoz do BNG, Matías da Torre, expuxeron esta mañá en rolda de prensa o posicionamento do BNG sobre a situación do sector lácteo galego que, tal e como apuntou Guillerme, “está sendo xibarizado”.


Para enfrontar esta situación o BNG ten rexistrado iniciativas no Parlamento Galego e nos concellos do país afectados por esta situación.
O BNG amosou o seu apoio ás mobilizacións convocadas polos gandeiros o vindeiro 27 de outubro cunha folga de entrega de leite e esixiu por boca do seu portavoz nacional que o goberno galego tome as rendas nesta situación, ao tempo que acusou a Feijóo de “abandonar o sector lácteo aos pés dos cabalos”.
Guillerme Vázquez esixiu “igualdade de condidións e capacidade de decisión para Galiza” ante unha situación que describiron como “insostíbel”.
“Temos o mesmo dereito que Dinamarca ou Holanda a producir” afirmou Guillerme.
Pola súa banda, a deputada Tereixa Paz explicou o contido das iniciativas rexistradas polo BNG no Parlamento Galego para instar ao goberno a que “asuma a responsabilidade de liderar o sector lácteo e que impulse novas medidas como a creación dunha interprofesional, impulsar un marco galego de relación entre os operadores do sector lácteo”.
Tamén lembrou que dos 400 expedientes existentes no Banco de Terras non saiu ningún contrato, polo que non se lles está a proporcionar aos gandeiros a base territorial que precisan.
Perda do 43% do poder adquisitivo
Pola súa banda, Matías Da Torre describiu a situación “agónica” da comarca do Deza, con 12 concellos cunha poboación de 75.000 persoas das que 12.000 traballan no sector agrogandeiro nas máis de 2.000 explotacións existentes.
Afirmou que “o sector é a columna vertebral da comarca” e asegurou que nos últimos 5 ou 6 anos o sector leiteiro perdeu o 43% do poder adquisitivo cuns custes que se disparan e uns beneficios que só subiron o 1%.
“Os gandeiros están totalmente endebedados e o grande desafiuzamento do sector lácteo está por chegar agora se non se toman as rendas da situación”, afirmou Matías da Torre.
O portavoz municipal do BNG en Silleda aclarou que esta situación “non ten parangón en todo o Estado nin na Unión Europea e debemos porlle solución porque non é casual que pase aquí”.