O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
acaba de facer público os dados do endebedamento dos concellos a 31 de
decembro de 2012. Este informe deixa patente a nefasta xestión do Concello do Saviñao, que
pasou de ter unha débeda de 277.000€ a finais de 2011 a ter unha débeda de
735.000€ a finais de 2012. Isto supón que multiplicou a súa débeda 2,6 veces
nun ano.
Este despropósito de xestión municipal perpetrado polo
PP leva ao Concello camiño da ruína de seguires así. Non ten lóxica que despois
das políticas de subas de taxas que levou o equipo de goberno, tales como a do
IBI, ou a Taxa do Lixo, que lla cobran até aos pendellos que non producen
residuos, os recortes en alumeado público, etc e a falla de investimento, agás
de chapuzas nos baches que en catro días volven a estar abertos nas estradas, haxa este inxustificado
aumento da débeda pública do Concello.
Dende o BNG levamos tempo denunciando a opacidade do
concello nas súas accións e pedindo transparencia, cousa que nun goberno
democrático e non caciquil xa existiría, sen ter máis resposta que o silencio e
o continuo agochamento das súas accións.
Exiximos unha explicación por parte do Concello da
existencia desta débeda, así como a transparencia na xestión. Pedimos unha vez
máis a retiradas das dúas dedicacións exclusivas innecesarias creadas nesta
lexislatura cuxo único fin é pagar favores políticos cos cartos públicos.
Exiximos unha auditoría externa e independente que saque a luz a situación
económica real do Concello.
O Saviñao non
merece un goberno municipal como este, cuxo resultado é endebedamento, paro i
emigración.