Desde xa hai uns meses, véñense desenvolvendo por toda a nación mobilizacións e protestas protagonizadas por xente estafada polas entidades bancarias a través de produtos lixo como as chamadas participacións preferentes e obrigas subordinadas. A maioría destes cidadáns e cidadás (máis de 60.000 só no noso país) eran pequenos aforradores que acabaron vendo como o diñeiro froito do seu traballo se vía inicialmente inmobilizado polas devanditas entidades bancarias (en Galiza, fundamentalmente as antigas Caixas de Aforro). E isto, coa anuencia dos diferentes gobernos de Madrid, que ampararon e consentiron estas prácticas bancarias sen dúbida fraudulentas.
Desde que o BNG tivo coñecemento desta situación, promoveu diferentes actuacións no plano político e institucional encamiñadas a mostrar o seu compromiso e solidariedade coas e cos nosos compatriotas estafados polos bancos, así como a demandar unha solución política para o conxunto dos afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas. Así mesmo, demos o noso apoio como forza política ás diferentes plataformas de afectados e afectadas que se foron constituíndo polo país, facéndonos eco das súas lexítimas demandas e respaldando activamente as súas mobilizacións, se ben é certo que este apoio do BNG tivo desigual alcance en función dos diferentes territorios do país.
A día de hoxe, lonxe de solucionarse a problemática dos estafados e estafadas polas preferentes e subordinadas, esta agravouse aínda máis, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os aforros das cidadás e cidadánsatrapados en participacións preferentes e obrigas subordinadas. Un auténtico roubo a estes pequenos aforradores e que en Galiza vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros, que serán transferidos desde os petos dos cidadáns para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron. Así é como entende o PP que se debe dar solución a unha estafa en toda regra como a das participacións preferentes e obrigas subordinadas.
Ante isto, é importante implicármonos activamente no apoio e solidariedade con milleiros e milleiros de cidadáns e cidadás estafados polas entidades bancarias e espoliados pola dereita neoliberal que goberna en Madrid e na Xunta de Galiza. Se os bancos e caixas son culpábeis, o Partido Popular é responsábel directo de roubar cartos aos cidadáns e cidadás, promovendo e validando un Decreto (o xoves 11 aprobouse no Parlamento español pola maioría absoluta que ostenta o PP) que estabelece unha quita sobre os aforros dos máis de 60.000 galegas e galegos afectados polas preferentes e subordinadas.
Como resposta a esa agresión, nestes días as diferentes plataformas de afectadas e afectados polo calote das preferentes e subordinadas seguirán a realizar accións de protesta polo conxunto do país, en demanda dunha solución definitiva a esta problemática. Máis ca nunca, faise necesario o noso compromiso para apoiarmos decididamente estas mobilizacións, que deben ser un auténtico berro por toda a nación na defensa destas cidadás e cidadáns estafados pola usura bancaria e agredidos por uns gobernos do PP, en Madrid e Galiza, pregados aos intereses da banca e submisos ante os ditados da Troika.
Por último, achegámosche a continuación unha ligazón onde terás cumprida información da actividade política e social do BNG a respecto da estafa das participacións preferentes e sobordinadas. http://storify.com/obloque/ preferentes Compártea!