O goberno municipal do PP multiplicou por 2,6 a débeda do concello de O Saviñao nun ano


O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba de facer público os dados do endebedamento dos concellos a 31 de decembro de 2012. Este informe deixa patente a nefasta xestión do Concello do Saviñao, que pasou de ter unha débeda de 277.000€ a finais de 2011 a ter unha débeda de 735.000€ a finais de 2012. Isto supón que multiplicou a súa débeda 2,6 veces nun ano.

Este despropósito de xestión municipal perpetrado polo PP leva ao Concello camiño da ruína de seguires así. Non ten lóxica que despois das políticas de subas de taxas que levou o equipo de goberno, tales como a do IBI, ou a Taxa do Lixo, que lla cobran até aos pendellos que non producen residuos, os recortes en alumeado público, etc e a falla de investimento, agás de chapuzas nos baches que en catro días volven a estar  abertos nas estradas, haxa este inxustificado aumento da débeda pública do Concello.

Dende o BNG levamos tempo denunciando a opacidade do concello nas súas accións e pedindo transparencia, cousa que nun goberno democrático e non caciquil xa existiría, sen ter máis resposta que o silencio e o continuo agochamento das súas accións.

Exiximos unha explicación por parte do Concello da existencia desta débeda, así como a transparencia na xestión. Pedimos unha vez máis a retiradas das dúas dedicacións exclusivas innecesarias creadas nesta lexislatura cuxo único fin é pagar favores políticos cos cartos públicos. Exiximos unha auditoría externa e independente que saque a luz a situación económica real do Concello.

O Saviñao non merece un goberno municipal como este, cuxo resultado é endebedamento, paro i emigración.

A estafa das preferentes e participacións subordinadas


Desde xa hai uns meses, véñense desenvolvendo por toda a nación mobilizacións e protestas protagonizadas por xente estafada polas entidades bancarias a través de produtos lixo como as chamadas participacións preferentes e obrigas subordinadas. A maioría destes cidadáns e cidadás (máis de 60.000 só no noso país) eran pequenos aforradores que acabaron vendo como o diñeiro froito do seu traballo se vía inicialmente inmobilizado polas devanditas entidades bancarias (en Galiza, fundamentalmente as antigas Caixas de Aforro). E isto, coa anuencia dos diferentes gobernos de Madrid, que ampararon e consentiron estas prácticas bancarias sen dúbida fraudulentas.
Desde que o BNG tivo coñecemento desta situación, promoveu diferentes actuacións no plano político e institucional encamiñadas a mostrar o seu compromiso e solidariedade coas e cos nosos compatriotas estafados polos bancos, así como a demandar unha solución política para o conxunto dos afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas. Así mesmo, demos o noso apoio como forza política ás diferentes plataformas de afectados e afectadas que se foron constituíndo polo país, facéndonos eco das súas lexítimas demandas e respaldando activamente as súas mobilizacións, se ben é certo que este apoio do BNG tivo desigual alcance en función dos diferentes territorios do país.
A día de hoxe, lonxe de solucionarse a problemática dos estafados e estafadas polas preferentes e subordinadas, esta agravouse aínda máis, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os aforros das cidadás e cidadánsatrapados en participacións preferentes e obrigas subordinadas. Un auténtico roubo a estes pequenos aforradores e que en Galiza vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros, que serán transferidos desde os petos dos cidadáns para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron. Así é como entende o PP que se debe dar solución a unha estafa en toda regra como a das participacións preferentes e obrigas subordinadas.
Ante isto, é importante  implicármonos activamente no apoio e solidariedade con milleiros e milleiros de cidadáns e cidadás estafados polas entidades bancarias e espoliados pola dereita neoliberal que goberna en Madrid e na Xunta de Galiza. Se os bancos e caixas son culpábeis, o Partido Popular é responsábel directo de roubar cartos aos cidadáns e cidadás, promovendo e validando un Decreto (o xoves 11 aprobouse no Parlamento español pola maioría absoluta que ostenta o PP) que estabelece unha quita sobre os aforros dos máis de 60.000 galegas e galegos afectados polas preferentes e subordinadas.
Como resposta a esa agresión, nestes días as diferentes plataformas de afectadas e afectados polo calote das preferentes e subordinadas seguirán a realizar accións de protesta polo conxunto do país, en demanda dunha solución definitiva a esta problemática. Máis ca nunca, faise necesario o noso compromiso para apoiarmos decididamente estas mobilizacións, que deben ser un auténtico berro por toda a nación na defensa destas cidadás e cidadáns estafados pola usura bancaria e agredidos por uns gobernos do PP, en Madrid e Galiza, pregados aos intereses da banca e submisos ante os ditados da Troika.
Por último, achegámosche a continuación unha ligazón onde terás cumprida información da actividade política e social do BNG a respecto da estafa das participacións preferentes e sobordinadashttp://storify.com/obloque/preferentes Compártea!

O BNG renova os seus órgaos de dirección en Lugo Sul

O BNG de LugoSul elixiu, en asamblea, o que será o próximo órgano de dirección na comarca. Esta elección encádrase dentro do proceso de renovación dos órganos de dirección tras a celebración da XIV asamblea nacional do BNG.

A responsabilidade comarcal seguirá en mans do actual reponsabel, Ricardo Rodicio, e o consello comarcal estará integrado por un total de 15 persoas elexidas por unanimidade na asamblea, ao que haberá que sumarlle os responsábeis locais elexidos nos próximos días.

Tras a elección do novo portavoz nacional, Xavier Vence, e coa renovación do consello comarcal o responsábel comarcal manifestou que “este segue a ser un proxecto ilusiónante e temos que conseguir recuperar o papel político que o BNG sempre tivo entre a sociedade galega, reconectar coa cidadanía, ser a opción da maioría d@s galeg@s e unha alternativa ás políticas neoliberais que encarna o partido popular no Estado español e Galiza”.
A este proceso presentouse unha única lista que foi referendada por unanimidade pola asamblea celebrada o mércores.
CONSELLO COMARCAL DE LUGO SUL
  • Ricardo Rodicio González, responsábel comarcal, acción institucional, comunicación e imaxe. A Pobra do Brollón
  • Maria Pilar López Martínez, vice-responsábel comarcal, alternativas programáticas e formación, Monforte
  • André Sánchez Labandeira, responsábel de organización e estratexia comarcal, Chantada
  • Iván Antonio Alvarez Merayo, reponsábel finanzas e campañas, Monforte
  • Antía Nieves Rodríguez, responsábel política municipal, O Saviñao
  • Rosa Ana Somoza Vila, responsábel de acción feminista e igualdade, Monforte
  • Isidro Rajo Parga, responsábel de acción social e políticas sectoriais, O Saviñao
  • Concepción García Iglesias, Taboada
  • Severino Rodríguez Díaz, Monforte
  • Xosé Lois Maceda Vilariño, A Pobra do Brollón
  • Óscar Alonso Díaz, Sober
  • Xosefa Rodríguez Rodríguez, A Pobra do Brollón
  • Xosé María Rodríguez Castro, Bóveda
  • Xosé Lois Fernández Hermida, Carballedo
  • Rosa Ana Prieto Florines, Pantón


SECTOR VITIVINÍCOLA E NODO LOXÍSTICO, PRIORIDADES DO BNG PARA A COMARCA DE LEMOS


A eurodeputada nacionalista Ana Miranda desprazouse a Monforte para abordar co alcade, Severino Rodríguez, dous temas prioritarios para o concello e o conxunto da Comarca de Lemos que están na recta final do debate na Unión Europea : a repercusión da Política Agraria Común 2014-2020 no sector vitivinicola da Ribeira Sacra e a situación na que queda Monforte dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marca a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os próximos anos.
En relación ao sector vitivinícola, na reunión mantida con alcalde e co Consello Regulador da Denominación de Orixe Riberira Sacra, Miranda confirmou que a futura Política Agraria Común (PAC) mantén os dereitos de plantación de viñedos ata o 2030, superando a proposta inicial de liberalizar o sector en 2015. Unha medida que o BNG defendeu no debate da PAC ao seu paso polo Parlamento Europeo, en consonacia coa demanda do sector vitivinícola da Riberira Sacra.
Coa prolongación dos dereitos de plantación, «queda garantido que a Ribeira Sacra seguirá producindo viño de alto valor engadido, con prezos que permitan aos produtores manter un nivel de renda que compense o enorme esforzo do seu traballo, non só desde o punto de vista económico, senón tamén medioambiental, paisaxístico e de conservación do territorio», explica a eurodeputada nacionalista.
Neste sentido, Miranda salientou «o valor pasaixístico e patrimonial que os viñedos teñen na Ribeira Sacra, convertidos nun sinal de identidade de Monforte e comarca, capaz de xerar unha actividade económica que abarca a produción de viño, pero tamén ao turismo de calidade, a xeración de emprego e a preservación do territorio», argumentou.
Miranda tamén fixo referencia durante o encontro coa directiva do Consello Regulador ás axudas directas previstas na PAC para aquelas explotacións que cumpran unha serie de requisitos de conservación do medioambiente ou sexan consideradas zonas de especial dificultade orográfica. «As explotacións vitivinícolas da Ribeira Sacra cumpren ambos requisitos, polo que son receptoras deste tipo de axudas», salientou.
Monforte, no mapa europeo de transportes
A segunda cuestión a debate en Bruxelas importante para Monforte e a súa área de influencia é a Rede Transeuropea de Transportes, documento que establece cales serán as grandes infraestruturas europeas para os próximos anos, e que tamén foi tratado no encontro entre Miranda e Rodríguez.
Neste sentido, o alcalde monfortino confirmou que o denominado Porto Seco de Monforte figura como un dos tres grandes nodos loxísticos de toda Galiza, xunto con Coruña e Vigo (Plisan), cos que ademais queda conectado vía Lugo e Ourense respectivamente, «tras un traballo colectivo de todos os grupos políticos e sectores económicos e sociais da comarca», recalcou.
Figurar como nodo loxístico nese mapa das infraestruras europeas significa para Monforte ter unha terminal bimodal que integra ferrocarril e estrada para o transporte de mercadorías, e consolidarse como punto principal para organizar o transporte ferroviario de mercadorías, como porta de acceso e saída caro o resto do Estado, Portugal e Francia conectando co resto de Europa.
“Conseguido este primeiro obxectivo, xa adianto que agora a prioridade como alcalde neste tema será facer as xestións necesarias co Ministerio de Fomento para concretar prazos de execución e investimentos específicos para facer realidade este nodo loxístico canto antes”, explicou Severino Rodríguez, para quen é preciso establecer prazos e cantidades a investir que sumen tanto as aportacións da Unión Europea como as do Goberno central.
Nesta segunda fase de cara a materializar o nodo loxístico, Rodríguez salientou que, de novo, buscará a complicidade e o apoio de todos os axentes políticos, económicos e sociais, empezando por convocar a todos os alcaldes da Comarca “posto que se trata dunha oportunidade para o conxunto da Comarca de Lemos”, e insitiu en salientar que o Porto Seco “será mérito de todos, posto que é un traballo de todos”, concluíu.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda visitará Monforte para explicar a repercusión da PAC no sector vitivinícola da zona


A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, visitará o Concello de Monforte o vindeiro xoves 4 de abril para abordar co alcalde, Severino Rodríguez, dous asuntos prioritarios para Monforte e a Riberira Sacra.
Por un lado, a eurodeputada dará conta da situación na que queda Monforte en relación ao transporte de mercadorías por ferrocarril dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marcará a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os vindeiros anos. Por outro, Miranda explicará a repercusión que a Política Agraria Común 2014-2020, recén aprobada pola Eurocámara, terá sobre o sector vitivinícola da comarca, en particular na produción amparada pola denominación de orixe Ribeira Sacra.
Miranda e Rodríguez manterán un encontro ás 11.00 horas  na casa do Concello e, as 12.00 horas, desprazaranse ata a sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra para reunirse coa directiva.
Tanto a eurodeputada nacionalista como o alcalde comparecerán ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa que terá lugar ás 17.00 horas na Casa do Concello, na que informarán sobre os asuntos tratados.

Comunicado da executiva do BNG: FEIJÓO DEBE DIMITIR


1. A publicación na prensa das fotos de Núñez Feijóo e Marcial Dorado nun iate acreditan a relación de amizade que mantiveron durante polo menos catro anos, de 1994 a 1998, e que os levou non só a compartir embarcación senón viaxes a Portugal ou Andorra. Recoñéceo o
propio Feijóo, aínda que aluda a unha relación indirecta a través dun compañeiro de traballo, Manuel Fernández Cruz.
2. Marcial Dorado xa fora daquela detido en dúas ocasións (a última en 1990, no marco da operación Nécora, con ampla difusión mediática) por delitos de contrabando e branqueo de capitais. Nesa altura xa estaba sendo investigado por narcotráfico, razón pola que foi detido e encarcerado en 2003 e condenado.
3. Nos anos 80 todo o mundo sabía en Galiza do contrabando de tabaco nas rías galegas. E nos 90, que as redes do tabaco xa se estaban utilizando para o narcotráfico. E tamén era vox
pópuli a boa sintonía entre ese mundo e o PP. Condenados arrepentidos como Manuel
Fernández Padín, en particular, recoñecen que nesa época “todo o mundo en Galiza sabía a
que se dedicaba cada un porque ao primeiro os que facían cartos co contrabando de tabaco
pasáronse ao haxix e á cocaína, mentres seguían compartido mesa e mantel cos políticos da
época” e tamén “que as relacións entre contrabandistas e políticos eran moi fluídas nunha
época en que a conivencia e permisividade sobre o contrabando a coñecía toda Galiza”.
Incluso Laureano Oubiña recoñeceu publicamente ter financiado a AP e UCD.
4. Núñez Feijóo tiña 34 anos en 1995 (como se adoita dicir, xa era un home feito e dereito) e non era un ninguén: era o número 2 de Sanidade, o home de confianza de Romay Beccaría. E
mantiña relacións de amizade cun capo como Marcial Dorado; con Manuel Fernández Cruz,
chófer da Xunta e socio dunha empresa subministradora de combustíbel e home de palla de
Dorado; ou con Evaristo Juncal, ex-xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, que
dimitiu tras revelarse os seus negocios con homes de palla do narcotráfico.
5. A persoa que mantiña relacións de amizade cun capo do narcotráfico e os seus homes de palla é a mesma que ocupa agora a presidencia da Xunta. É un feito moi grave. Non pode alegar torpeza, inxenuidade, ignorancia e xuventude e ficar tan pancho.
6. Feijóo nega tallantemente que asinara ningún contrato ou concesión con ningunha empresa
relacionada con Dorado. Curiosa tanta rotundidade en alguén coas responsabilidades de
Feijóo durante tantos anos, 20 anos máis tarde, os mesmos que lle serven para escusar os
seus esquecementos sobre as viaxes con Marcial Dorado! Aínda que así for, iso non o exime
de que se rodeara durante, cando menos catro anos, con máximos dirixentes das redes
delitivas en Galiza. Un construtor sen causa penal ningunha foi cualificado por el mesmo como
“malas compañías”. Cualificaría Feijóo as súas propias amizades como perigosas? As
amizades perigosas do actual presidente da Xunta coinciden coa etapa do imputado na Gürtel Pablo Crespo á fronte do financiamento dos populares galegos. Rajoy foi presidente de AP de Pontevedra e da Deputación provincial en pleno apoxeo do contrabando en que estiveron implicados alcaldes e dirixentes conservadores. (Público, http://www.publico.es/452984/lasfotos-de-feijoo-con-dorado-alientan-nuevas-sospechas-de-financiacion-ilegal-del-pp)
7. As explicacións de Feijóo son inverosímiles e presentan debilidades en todas as liñas
argumentais:
1. Como é posíbel que recoñecese que o chofer Manuel Cruz era un home de palla de Marcial
Dourado e ao mesmo tempo descoñecese as actividades delituosas deste?
2. Como é posíbel que recoñeza unha relación estreita e ao mesmo tempo negue o
coñecemento das actividades do narcotraficante cando o acompañaba en viaxes a sitios
tan sospeitosos como Andorra, onde está demostrado que branqueaba capital?
3. Como é posíbel que Feijóo non soubese da actividade policial que perseguía o narcotráfico
nos anos oitenta e noventa, época da Operación Nécora entre outras, e non relacionase as
actividades de Marcial Dorado con estes feitos?
4. Como é posíbel que non lle chegasen noticias do impacto terríbel da droga entre os mozos
e mozas galegas e as súas familias durante eses anos e non o relacionase coas persoas
que organizaron as redes de tráfico de drogas sobre a base das do contrabando?
8. Aínda no remoto caso de que, efectivamente, Feijóo fose un ignorante e un inxenuo e aos seus 34 anos cometese unha torpeza, iso non o exime das súas responsabilidades. Non estamos falando de fumar un porro ou relacionarse con rapaces malotes aos 16 anos. Seguramente tamén en Sicilia ou en México os políticos, de novos, pequen de inxenuos e torpes...
9. As fotos publicadas mostran que a corrupción e a falta de ética no exercicio da política afectan a todos os niveis e figuras do Partido Popular. Abranguen prácticas de financiamento ilegal (caso Bárcenas), utilización en proveito propio das institucións (como Conde Roa no Concello de Santiago) e tamén, relacións de amizade de políticos do máximo nivel con persoas vinculadas ao contrabando e ao narcotráfico.
10. En calquera país que vive na normalidade democrática, o presidente comparecería diante do Parlamento, perante das/os representantes da cidadanía, para dar conta das circunstancias que rodean a publicación desta información. En vez de seguir a práctica democrática, o presidente intenta pechar a cuestión cun comunicado para os medios e unha rolda de prensa.
11. A única saída digna que lle queda ao presidente é a dimisión. A mesma medida que Feijóo esixiu a outras persoas das que se publicaron fotos que presuntamente os relacionaban con empresarios, sabendo que estas persoas nese momento non tiñan ningún cargo político e cualificando o empresario 'malas compañías', sen motivo ningún.
12. Noutros países e en circunstancias moito menos graves, as/os representantes políticas/os
acostuman dimitir: en Alemaña dimitiu unha ministra ao ser acusada de plaxiar unha tese, no
Reino Unido dimitiu un ministro por mentir sobre unha infracción de tráfico. É isto comparábel
con que se demostre graficamente que o presidente da Xunta mantivo relacións de amizade
cun contrabandista e narcotraficante nunhas circunstancias que fan case imposíbel que
descoñecese as actividades de Marcial Dorado?
O BNG pedirá a comparecencia de Feijóo en sede parlamentaria e a súa dimisión como único
xesto democraticamente asumíbel nestas graves circunstancias.