Cos artistas Xurxo Souto e Isabel Risco como portavoces, a plataforma cidadá Nunca Máis volveu esta cuarta feira na Coruña a comparecer en público para, nas vésperas do décimo aniversario da catástrofe do 'Prestige', chamar a participar na concentración que convocan diante do improvisado xulgado de ExpoCoruña onde o día 16 comeza o xuízo, ás 11.00 horas. “Volvemos a rúa porque outro desastre como aquel é posíbel. Houbo avances, como a desaparición dos petroleiros monocasco, mais segue sen haber unha vixilancia vía satélite que controle o que pasa no noso corredor marítimo e, por exemplo, evite verquidos como os dos sentinazos. E aínda non se transferiron a Galiza as competencias nese eido, polo que Madrid volvería ser quen asumise outra situación semellante. Tampouco hai estudios que indiquen ás claras o estado dos bancos afectados ou do efecto que tivo o chapapote na saúde das persoas”, indicou Souto, que comezou a conferencia de prensa pedindo: “Saúde e océano”.O polifacético artista coruñés asegurou que “o xuízo comezará dez anos despois, e todo adiamento na xustiza é sempre unha derrota”. “Mais temos que celebrar que diante do aparato xudicial do estado, os avogados de Nunca Máis teimaron sen descanso e até conseguiron que fose imputado o Director Xeral da Mariña Mercante naquela altura, López Sors. Agora o que ten que quedar claro é que non pode haber impunidade”, engadiu. Xurxo Souto tamén indicou que “o feito de que o 'señor de los hilillos' (en referencia a Mariano Rajoy) sexa agora presidente do goberno é unha razón máis para nos mobilizar, xa que está moi claro que as nefastas mans en que estivemos daquela son as mesmas en que estamos agora, por moita lexitimidade que teñan. De feito, é importante a reactivación de Nunca Máis tamén polo que significa nestes tempos de crise en que nos piden que aturemos todo de xeonllos. Nese sentido, Nunca Máis foi un exemplo para o mundo á hora de levantar a bandeira da dignidade dun pobo e do ecoloxismo, ademais cun xeito propio de mobilizarse, creativo e mesmo humorístico”.
Abordado polas previsíbeis acusacións de “electoralismo” que puidese ter esta convocatoria, Xurxo Souto lembrou que “a data do xuízo foi cousa do xuíz e dos que tardaron tanto, non a puxemos nós”. Pola súa banda, a actriz Isabel Risco tamén fixo referencia a que “moitos dos culpábeis da terríbel xestión da catástrofe agora ocupan cargos aínda máis altos que hai dez anos”. Así mesmo, asegurou que “os cativos avances acadados en seguridade marítima debéronse á mobilización deste pobo” e afirmou que a presente convocatoria tamén pretende lembrar que “nós somos do mar, o mar non é noso”.
Os avogados denuncian a tardanza do proceso
Pola súa banda, os avogados da plataforma Miguel Anxo Fernández e Pedro Trepat acusaron o estado de “dilación indebida” perante os dez anos de adiamento da causa. Tamén celebraron que vaia comparecer o daquela ministro de Fomento e alto cargo do PP, Álvarez Cascos, “posto que intentaron usar a López Sors como dique con que poñer a salvo o resto de responsábeis do goberno”.
Fernández asegurou que as conversas desveladas na prensa segundo as cales Salvamento Marítimo intentou levar o buque á ría da Coruña para non danar toda a costa galega servirán de “atenuante”, entrementres Trepat dixo que “agora mesmo pode volver producirse un accidente como aquel, mais creo que a resposta popular conseguiu que nese caso agora farían caso aos técnicos á hora de tomar decisións”.
A confraría denuncia que persiste a falta de medios
Entre os asistentes á conferencia de prensa estivo o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, que sinalou que a ría da Coruña “non era o lugar máis axeitado para levar o Prestige”. En conversa informal ao remate do acto, lembrouse que a maioría de expertos apostaron por levar o 'Prestige' a Corcubión, que polas súas especiais características até podía ter evitado o afundimento do barco.
Cao confirmou que “os medios existentes agora para unha emerxencia como aquela seguen a ser escasos, case ningún”. Ademais, en contra dos argumentos utilizados no seu día polos gobernantes “o porto exterior da Coruña non pode ser un porto refuxio de ningunha das maneiras, aí non se pode meter un barco nesa situación, especialmente nos meses de inverno”